A noticia daquel importante evento apareceu nos principais xornais
como os coruñeses La
Voz de Galicia ou El Ideal Gallego pero destacou sobre
todos a cobertura do xornal El Compostelano, que lle dedicou
unha páxina enteira, o que entón non era nada habitual.
Pola mañá trasladáronse desde Santiago a
Ordes os membros do comité para a homenaxe, representantes da prensa, o alcalde
compostelán José Díaz Varela e outras personalidades, todos eles acompañados da banda de música
municipal que realzaría a celebración. En Ordes foron recibidos polo alcalde Manuel García
Rivas á fronte de todas as autoridades locais e dun nutrido público
a pesar do desapracible do día.
Encabezada pola banda, a comitiva dirixiuse á
igrexa de Santa María onde se celebrou ás once e media unha misa oficiada polo
sacerdote e vicepresidente do comité Jesús
Carro García. Seguidamente os asistentes
trasladáronse á zona sur da alameda para descubrir o monumento, que estaba
tapado e ostentaba as bandeiras española e galega. A banda tocou a Marcha Real
e o Himno Galego mentres a señorita Celsa Carnota (filla do homenaxeado) e o
alcalde descubrían a estatua.
Tamén houbo estoupido de bombas para destacar tan emotivo momento. Había unha
tribuna no lugar para continuar o acto pero unha choiva torrencial obrigou a
escapar á comitiva cara ao salón consistorial.
Alí tiveron lugar os discursos. Comezou o
xornalista Jesús Rey Alvite
(secretario do comité) narrando a xestación do proxecto, seguiuno o tamén
xornalista, catedrático e presidente da Asociación de Prensa da Coruña Fernando Martínez Morás, glosando a figura de Carnota, e concluíu Narciso Correal (presidente
do comité) cun discurso que foi reproducido integramente por El
Compostelano. O alcalde de Ordes respondeu eloxiando a Carnota e a
Correal, acolleu o monumento e prometeu que sería gardado polo pobo de Ordes "como una sagrada reliquia".
Comezou á unha e media o banquete con 80
comensais. Na sobremesa houbo novos discursos. Falou o Delegado Rexio de Belas
Artes José García Acuña, logo o xefe de Telégrafos Manuel J. Lema agradeceu en nome
da familia a homenaxe. Continuou o delegado gobernativo Marqués de la Atalaya e rematou
cos brindes de Narciso Correal e do alcalde de Ordes.
A Banda Municipal de Compostela amenizou o
banquete tocando temas galegos e pezas da ópera "Tosca". Pola tarde
deu un concerto no salón da Casa consistorial que rematou cun baile "dedicado al bello sexo de la
villa".
|
Ademais dos nomeados tamén estiveron
presentes o escultor Francisco Asorey, Camilo Díaz Baliño (pintor,
escenógrafo, muralista e pai de Isaac Díaz Pardo), Francisco Ponte Blanco (presidente da RAG), Eladio Rodríguez González (escritor,
secretario da RAG e director de El Noroeste), Juan Barcia Caballero (médico e escritor) e Victoriano Taibo García (poeta).
|
O Concello de Ordes quedou moi contento e pouco despois tomou a decisión de recompensar a Narciso Correal co título de "Fillo adoptivo", honor que só tiña ata este momento o deputado vigués Alfonso Senra. En decembro o alcalde acompañado de dous concelleiros viaxou a Coruña para comunicarllo persoalmente.













