O réxime de Primo de Rivera quixo substituír
o pluralismo político da Restauración (ao que achacaba -como despois faría
Franco- gran parte dos males do país) por un partido único, denominado non por
casualidade Unión
Patriótica (UP).
As súas premisas estaban claras: fronte ao
disenso dos vellos partidos, a unidade, e fronte á posible disgregación
territorial ou a debilidade doctrinal, o patriotismo como emblema.
Creado desde o poder, como a Unión Nacional do portugués Oliveira Salazar, non tivo gran implantación popular a pesar da elevada taxa de afiliación formal (ata o 10,7 % da poboación de Lugo pertenceu ao partido segundo o Boletín de la UP). Con todo, ao revés que os partidos fascistas europeos de entreguerras, a UP de Primo non foi un partido de masas.
En cambio, si había un grupo bastante
numeroso de cadros ben formados na súa dirección. Este grupo estaba vinculado
aos medios catolicos e mauristas desde o punto de vista ideolóxico. Socioloxicamente
pertencían a sectores comerciais ou profesións liberais organizadas en
corporacións. Os presidentes das Cámaras de comercio, das Federacións Católico
Agrarias ou de Ligas de Defensa exerceron con frecuencia os cargos máis altos
na UP galega.
En Galicia tivo algúns líderes importantes
que dirixiron institucións locais como concellos e deputacións ou participaron
na Asamblea Nacional Consultiva,
constituída en 1927. Alí estaban Enrique Fraga (A Coruña), Arturo Salgado
Biempica (Ourense) ou Daniel de la Sota (Pontevedra).
A data do nacemento da UP foi abril de 1924 en Valladolid. A partir
de aí o modelo difúndese para todas as provincias.
En Ordes constituíuse o partido o domingo 25
de maio de 1924.
Naquela reunión os oradores foron o mestre
Nicolás del Río, o profesor da Escola de Veterinaria Jesús Culebras (que falou
en galego), o avogado Salvador Sanz, o catedrático do Instituto de Lugo José de
Santiago Carlofé, o director de El Ideal Gallego Alberto Paredes
Bravo, José García de Bodaño de Negreira, o avogado Francisco Vázquez Enríquez
en nome da Federación Agraria, e por último o delegado gobernativo José Méndez
García.
Ao final a Unión Patriótica do distrito de
Ordes quedou constituída, sendo o seu presidente o deputado provincial Manuel
Astray Mato, vicepresidente o avogado Juan
Amigo Iglesias e secretario o mestre Nicolás
del Río. Os vogais eran os párrocos Emilio Regueiro García (Leira) e Antonio
Leiro Eiré (Papucín e Frades), o mestre de Trazo Manuel Bascoy* e os alcaldes Manuel Fernandez (Cerceda),
Pedro Sánchez (Mesía), Eduardo Veiras (Oroso) e Manuel Fraga (Tordoia).
O 26 de outubro de 1924 tivo lugar outra
reunión con maior boato (mesmo houbo unha banda de musica que percorreu as rúas
da vila), pois asistiu o Gobernador Civil da provincia, o moi destacado militar
Pío López Pozas. Houbo un banquete das "forzas vivas" (o xeneral
chegou para o café) onde falou, como non, o mestre Nicolás del Río e logo o
gobernador. A continuación pasou revista aos somatenistas de todo o partido
"en perfecta formación" ás ordes do cabo Antonio Fernández López. O mitin
propiamente dito comezou despois e nel interviron o delegado gobernativo José Méndez
García* presentando aos oradores: o alcalde Manuel García Rivas, o mestre Nicolás del Río,
o avogado Tomas
Pedret e o catedrático Wenceslao González Oliveros. Concluíu o xeneral
dando grazas e comunicando que seguiría "traballando pola patria" e
informaría ao propio Primo de Rivera da gran acollida en Ordes.
Segundo El Ideal Gallego "Todo cuanto pudiéramos decir de un
acto tan trascendental, que señalará una era gloriosa para los habitantes de
esta floreciente comarca, resultaría pálido ante la realidad".
En 1929, época de decadencia da ditadura, habería unha nova directiva encabezada por Manuel García Rivas (presidente) e o mestre Nicolás del Río. Sería o tesoureiro Juan Liñares Iglesias, o secretario Manuel Mosquera Iglesias, os censores Francisco Liñares e José Mariño, e os vogais Antonio Ramos Insua e Domingo Antonio Moar Veiras.
En 1929, época de decadencia da ditadura, habería unha nova directiva encabezada por Manuel García Rivas (presidente) e o mestre Nicolás del Río. Sería o tesoureiro Juan Liñares Iglesias, o secretario Manuel Mosquera Iglesias, os censores Francisco Liñares e José Mariño, e os vogais Antonio Ramos Insua e Domingo Antonio Moar Veiras.
* Manuel Bascoy Pereira (1893-1970), mestre e secretario municipal de Trazo, era cuñado de Fernanducho, pois estaba casado con Carmen Liste Mosquera (1900-1975) coa que tivo 5 fillos.
José Méndez García sería substituído un par de meses despois polo capitán de artillería Jesús Quiroga Losada, Marqués de la Atalaya.
José Méndez García sería substituído un par de meses despois polo capitán de artillería Jesús Quiroga Losada, Marqués de la Atalaya.
No hay comentarios:
Publicar un comentario