Se preguntásemos á xente polos temporais máis
duros que lembran, os máis novos seguramente mencionarían a Klaus e os maiores de 40 anos
probablemente falarían do mítico Hortensia
de mediados dos 80.
Pero ningún deles é o maior dos últimos dous
séculos. A medalla de ouro é para o gran temporal
de 1941, sen nome (porque entón aínda non se bautizaban os fenómenos
atmosféricos) e bastante descoñecido por dúas razóns: unha, porque España
estaba a sufrir as consecuencias da posguerra e, no medio daquelas grandes
penurias, esta pasou máis desapercibida, e dúas, porque os aliados castigaron ao
noso país polo seu apoio á Alemaña nazi cun illamento en todos os ámbitos,
incluído o meteorolóxico. Así deixaron de fornecer datos científicos, polo que
hoxe é difícil atopar referencias e estudos sobre aquel fenómeno.
O contexto
climático xa era duro de por si: Europa enteira estaba a sufrir un trienio de
invernos crudísimos desde o de 1939/1940. En xaneiro de 1941 gran parte de
España xa soportara nevadas e temporais menores pero nada que ver co que se
aveciñaba.
Aínda que
chegou a noite do sábado ao domingo 16 de febreiro de 1941, a borrasca naceu o
día 14 nas Illas Azores cunha presión discreta de 990 milibares, pero no seu
percorrido cara á costa oeste da Península Ibérica empezou a perder presión e
48 horas despois transformouse nunha potente borrasca de 955 milibares (as cifras máis baixas ata agora e propias dun
furacán de categoría 3). E, máis importante aínda, tiña o seu centro de acción
sobre Pontevedra, é dicir, estaba practicamente centrada en Galicia.
Os danos que
xera un ciclón dependen máis da súa posición que da presión mínima. Hortensia
só rexistrou 985 milibares pero estaba o suficientemente preto para provocar
caos e destrución. A presión de Klaus (964) foi menor pero estaba máis lonxe e
afectou sobre todo á costa norte con refachos de vento por encima dos 200
quilómetros por hora. Pero a borrasca de 1941 atravesou literalmente a costa galega e cunha presión moito menor.
Non obstante o contexto era moi distinto ao
actual, cunha Galicia rural e bastante menos arborizada que agora. Aínda así os danos foron grandes, especialmente na
costa pontevedresa onde varios barcos que estaban fondeados romperon as súas amarras e remataron
afundidos ou con grandes danos. Tamén houbo que lamentar a morte de varios
mariñeiros e un garda electrocutado na cidade de Pontevedra.
O interior por suposto amenceu cunha gran
cantidade de árbores derrubadas, algunhas sobre as estradas. Outra consecuencia
foi a de quedar incomunicados, así La Voz
de Galicia desculpábase o domingo por non poder ofrecer noticias de fóra da
comunidade.
En Portugal a situación foi peor: preto de 80
mortos, 20 deles en Lisboa onde chegou a haber ventos de 130 km por hora, aínda que en
Sintra achegáronse aos 200 km
por hora. Tamén foron esnaquizadas moitas embarcacións, 16 delas no Río Texo.
Pero a peor parte levouna a cidade de Santander onde se produciu un terrible
incendio. O lume comezou por un curtocircuíto ocasionado pola derriba duns
cables de alta tensión e os ventos sostidos do sur axudaron a propagalo pola
toda a cidade, que en cuestión de horas era pasto das chamas. Non se salvou nin
sequera o edificio do concello ou a catedral. O incendio permaneceu activo
nalgunhas zonas quince días. Unhas dez mil persoas quedaron sen fogar e a
reconstrución prolongouse durante 25 anos.
FONTE: Xavier Fonseca
No hay comentarios:
Publicar un comentario