Hoxe pouca xente sabe quen foi Millán-Astray
e a maioría dos que o saben teñen unha imaxe negativa pola súa participación no
levantamento militar de 1936 ou a súa polémica con Miguel de Unamuno.
Pero nos anos 20 do século pasado todo era
moi distinto: España levaba anos sumida nunha crise política permanente (en
certo xeito moi parecida á actual), acompañada de graves problemas económicos
e, a maiores, encerellada nunha guerra de Marrocos que custaba o sangue de
moitos mozos e agravaba os problemas anteriores.
Nese contexto de gran descrédito de políticos
e institucións, o militar coruñés José Millán-Astray Terreros, en cambio, era un heroe nacional. Con apenas 40
anos fundara a Lexión co seu Terzo de estranxeiros (a semellanza da Lexión Estranxeira
francesa) e o seu valor era lendario: ía sempre á cabeza das súas tropas, o que
lle valeu sufrir catro graves feridas (as dúas últimas custáronlle un brazo e
un ollo, pero en 1922 só sufrira as dúas primeiras que non minguaron a súa
aparencia física).
Por todo isto Millán Astray era coñecido e
venerado polo pobo. A finais de xullo de 1922
o goberno autorizouno a facer unha viaxe propagandística por Galicia e o
recibimento foi apoteósico, digno do propio rei. Desembarcou en Vigo, de onde
se trasladou á Coruña, e as aclamacións sucedéronse por alí onde pasou.
Segundo La voz de Galicia, que lle dedicó unha
páxina completa, tivo que deterse en Moaña porque había unha feira: "Pronto se vio rodeado por la
muchedumbre. [...] Le abrazaban, le saludaban con las más cariñosas frases y
las mujeres aldeanas, madres, novias, hermanas de los ausentes le besaban las
manos entre bendiciones y conmovedores agasajos".
Chegou a Santiago, onde o esperaba, entre
outros, o escritor Alejandro Pérez Lugín,
ás dúas e media da tarde. Despois de comer e de visitar a catedral, puxo rumbo á
Coruña no coche do escritor.
Ordes foi unha parada obrigatoria porque
estaba emparentado coa familia Astray.
Aquí foi recibido polos seus familiares, o alcalde Manuel García Bermúdez, o xuíz de
instrución José
Sánchez Guisande e o secretario do xulgado José Sánchez Somoza, o xuíz
municipal Juan Liñares Iglesias, o rexistrador da propiedade Antonio Ríos Mosquera e o
comandante do posto da Garda Civil Ramón Barral. Case a totalidade do pobo ordense
estaba tamén na estrada para recibilo.
Logo Millán-Astray e a súa comitiva tomaron
un lunch na casa dos seus familiares. Como anécdota, o seu pai, tamén chamado
José Millán Astray (sen guión) que fora xefe da policía de Madrid e Barcelona e
de diversos cárceres, regaloulle a Carmen Mato, viúva de Astray, un libro de
memorias autobiográfico.
A estancia foi curta porque aínda tiñan que
parar en Alvedro, na casa de Pérez Lugín, antes de chegar á Coruña.
Non foi a única vez. En 1927, sendo xa xeneral de brigada, volveu visitar a casa da súa
familia en Ordes. Como esta vez ía acompañado da súa muller Elvira Gutiérrez de la Torre, non só
estaban as autoridades senón tamén un grupo de damas que a obsequiaron a ela cun
ramo de flores. Entre outras estaban María e Piedad Carnota Soto, Celia del
Río, Carmen Álvarez, Asunción Concheiro e Francisca e Marina Pol, encabezadas
por Mª Paz
Caamaño Calderón (a muller do xuíz) e Encarnación Castro Iglesias (a
muller do alcalde Manuel García Rivas).
No hay comentarios:
Publicar un comentario