PROTECCIÓN
Os galegos de outrora vivían expostos a
múltiples perigos, uns ben reais -como pasar fame polas malas colleitas, caer
enfermos por non ter atención médica axeitada ou levar un tiro, unha coitelada
ou un garrotazo en calquera verbena- e outros sobrenaturais, pero para eles tan
reais como os anteriores. Así que para gozar dunha certa tranquilidade era
imperativo buscar protección contra estes males.
Ademais de encontros coa Santa Compaña ou as
Ánimas o problema máis universal era a envexa.
Si, a pesar de que hoxe nos parece que maioritariamente hai moi pouco de
envexable nas súas duras vidas, os campesiños galegos crían que outros
envexaban a súa escasa fortuna e pertenzas. Entón lanzaban o mal de ollo ou meigallo que producía doenzas e infortunio no destinatario ou na
súa familia e posesións máis prezadas (como as vacas leiteiras).
A protección máis universal e barata (e que
aínda pervive hoxe en moitas zonas) era o ramo
de loureiro que se bendicía na misa do Día de Ramos e a auga bendita que se recollía ao final
da Semana Santa. Co ramo esparexían auga por varios recunchos da casa
(incluídas por suposto as cortes dos animais) e tamén o levaban ás leiras para
protexelas de contratempos e bichos varios. Axudaba á protección recitar
algunha fórmula con invocacións relixiosas.
Unha variante deste sistema era tirar flores
no adro da igrexa antes da procesión de Corpus
Christi. Ao pasar a imaxe do Santísimo e a procesión por enriba delas,
estas flores considerábanse benditas e por tanto pasaban a ter tamén capacidade
protectora, así que os fieis recollíanas e levábanas para as súas casas.
Os adornos vexetais tamén axudaban no día de
San Xoán e multitude de diversos ritos
sinxelos ao longo de todo o ano.
Pero algúns consideraban que as axudas de balde
eran insuficientes e acudían a procedementos de pago.
Aí podíase comezar polos rescriptos. O rescripto (que orixinalmente foi un
documento expedido por unha autoridade importante) era un papel con exorcismos
escritos nel que se vendía nas feiras e que protexía de diversos males
(loxicamente era máis caro canto máis alto era o seu factor de protección -coma
se fose unha crema para o sol-). Por unhas moedas evitábanse enfermidades nas
persoas e no gando, a perda das colleitas, o efecto dos raios ou o meigallo.
Durante a primeira metade do século XX era habitual ver estes papeis colgados
dalgunha parede ou das portas das cortes, sobre todo en momentos delicados como
os partos.
Se isto non chegaba, había que acudir aos
especialistas de verdade. Na maioría das concellos había sempre algún home ou muller
que posuía coñecementos arcanos. Estas meigas, meigos ou menciñeiros -non
confundir cos compoñedores- proporcionaban remedios ou amuletos (para xente e
gando) e sanaban as doenzas estrañas. Ás veces a súa fama estendíase bastante
lonxe e percorríanse moitos quilómetros para poder velos, aínda que outros se
desprazaban e abrían consulta nas feiras máis importantes. Na vila de Ordes o
máis coñecido foi Jesús Rama Louro (1922-2005).
E se xa, finalmente, nada disto funcionaba,
aínda quedaba un último recurso: a intercesión dunha virxe ou un santo de
recoñecido prestixio e, se fose posible, especializado na particular doenza do
fiel. Nestes casos extremos acudíase á misa do día da festa que chegaba a ser
multitudinaria. O santuario máis famoso era o Corpiño de Lalín pero había
outros máis próximos como Santa Minia de Brión ou os Milagres de Caión
(Laracha).
Continúa en Crenzas populares (4).
No hay comentarios:
Publicar un comentario