miércoles, 8 de julio de 2020

Obradoiro da Historia

  A principios dos anos 90 a maioría dos antigos membros da ARO, que participaran nas revistas "ARO" e "O Mês", entraron a formar parte da asemblea local do BNG e dedicáronse á acción política.
  Non foi o caso de Manuel Pazos Gómez, nado e residente na parroquia de Marzoa (Oroso) e licenciado en Maxisterio, que naqueles momentos estaba máis preocupado pola conservación do patrimonio e a historia da comarca.

  En 1996 a destrución do dolme de Aiazo foi un feito determinante na súa vida: "Escribimos ás institucións pedindo protección para estes restos arqueolóxicos. Démonos conta de que politicos e asociacións pasaban de todo, e decidimos formar Obradoiro da Historia".
  Xunto co seu amigo Daniel Pereiro (tamén ex-ARO) e as mozas Begoña Pérez Feijóo e Chus Souto* creou en marzo dese ano a asociación Obradoiro da Historia.
  O seu traballo desenvolveuse en tres ámbitos: a organización de actividades culturais, a defensa do patrimonio e a recuperación da memoria histórica na comarca ordense.

  Deste xeito apareceron as "Xornadas literarias" nas que un recoñecido autor asistía na Casa da Cultura a unha exposición, venda e sinatura das súas obras, logo daba unha conferencia e remataba cun concerto dalgún grupo de música tradicional.
  Así viñeron a Ordes Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda en novembro de 1997. En febreiro de 1999 o invitado foi Suso de Toro nunha velada amenizada por Quico Cadaval e o grupo Pandeiromus. En febreiro do ano 2000 asistiu Manuel María que contemplou a actuación do contacontos Cándido Pazó e dos músicos Mini e Mero. En abril de 2001 o invitado foi o escritor pontevedrés Bernardino Graña e en novembro do 2002 o ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín.
  Paralelamente Obradoiro da Historia impulsou a creación literaria coa edición da publicación SEGREL, subtitulado "Boletín Poético da Terra de Ordes" porque en principio só estaba pensado para a poesía. O dous primeiros números que tiñan formato A3 dobrado en cartolina satinada apareceron en setembro e decembro de 1998 e contaban con poemas das ordenses Mª Xesús Botana Vilar e Reme Liste. O terceiro e último número apareceu no verán de 2006, xa como "Revista Literaria da Terra de Ordes" con formato de libro. Seguía habendo poemas de Mª Xesús e Reme, pero tamén narración curtas (unha do propio Pazos) e ata cómics de Pedro Fernández Faya e Xan Ferreiro.
  Non foi a literatura o único campo artístico que tocaron porque a finais do ano 2006 organizou un concerto musical titulado "Rock en galego no Camiño Inglés" que se celebrou no pub Nunca Máis e que contou coa participación de ITH, Machina e Zënzar. 
  Arredor do ano 2000 a asociación intentou conseguir do concello un lugar para instalar a súa biblioteca e crear un museo etnográfico pero as negociacións non chegaron a bo porto.

  A protección do patrimonio foi outra fronte de actuación. Novamente en palabras de Pazos: "Cando atopamos ou nos avisan dalgunha acción destrutiva, mandamos denuncias á Dirección Xeral de Patrimonio, aos concellos, ao Valedor do Pobo e á prensa. Buscamos que se cumpra a Lei de Patrimonio, aínda que algúns non saiban que existe tal cousa. Máis da metade de casos que denunciamos non acaban como nós queremos, pero polo menos as denuncias serven como aviso aos gobernantes locais de que hai persoas dispostas a protestar. [...] En realidade estamos facendo un traballo que é responsabilidade deles".

  Pero quizais o que máis perdura na memoria son as moi numerosas publicacións sobre aspectos históricos e culturais da comarca. A gran maioría delas eran escritas polo propio Pazos e conlevaban unha gran cantidade de traballo de investigación (nunha época onde case non existía a Internet e isto levaba aparellado moita dificultade).
  O formato máis habitual era o dun tríptico feito en cartolina de cor. Grazas ao soporte económico de empresas como Reyca, Internaco, Electricidad Carlos ... e a puntuais aportacións da Deputación e o Concello, estas publicacións  podían ser repartidas de balde en diversos establecementos da vila.
 A primeira, en marzo de 1996, foi unha tarxeta coa foto do guerrilleiro Manuel Ponte. Logo seguiron traballos sobre o dolme de Aiazo e achados arqueolóxicos na comarca, o patrimonio e a heráldica de Oroso, biografías de personaxes importantes de Ordes (Vicente Carnota, Nicolás del Río, Alfonso Senra, García Gerpe, o Soldado Lois ...) que só eran coñecidos de nome pero dos que non se sabía nada máis, etc.


  Colaborador gráfico habitual na maioría destas publicacións foi Xan Ferreiro.
  Dado que as publicacións eran en branco e negro e as fotografías podían saír borrosas ao imprimilas, o meu traballo, maioritariamente, era calcar esas fotografías remarcando moito os bordes e dando unha axeitada gradación ás sombras, cousa que era especialmente difícil nos escudos e monumentos de pedra.

  Ademais houbo libros e cadernos de pago. O primeiro, sobre os antigos camiños no concello de Oroso, foi patrocinado pola empresa Rafra e publicado en 1996. Especialmente exitosos foron os dous libros recopilando fotografías antigas dos concellos de Ordes (2002) e Oroso (2004) feitos en colaboración con Daniel Pereiro López. Tamén en cadernos e libros tocou o tema da 2ª República e a represión despois do Alzamento. O último libro publicado ata o de agora é "A República da Berxa" en 2014.

* María Jesús Souto Alvedro: Pode que vos sone o nome porque é meteoróloga e saiu como muller do tempo varios anos na TVG.

No hay comentarios:

Publicar un comentario