viernes, 10 de abril de 2026

O Invencible de Oroso


  Aínda que moitos a relacionan só cos anos 50 e 60, a empresa "Invencible de Oroso" é moito máis antiga. O fundador foi Manuel Gómez Soneira (1879-1963) na primeira década do século XX.
  Manuel, veciño da parroquia de Oroso, casou con Manuela Álvarez Ferreiro* (1891-1979) coa que tería tres fillos: Enrique, Manuel e Estrella. Os dous varóns serían chóferes dos autobuses e continuarían o legado do pai.
 
  O servizo sempre foi discrecional. Os autobuses Invencibles ían ás feiras da contorna, a romerías e festas, a partidos de fútbol na Coruña ou Vigo, a excursións e a calquera outro lugar ou evento que tivese demanda popular.
  Os primeiros tempos foron heroicos. As estradas eran moi malas, as beirarrúas inexistentes e a educación vial mínima. Non é de estrañar que houbese múltiples incidentes. Enrique, o fillo maior, mesmo estivo involucrado nun par de atropelos con consecuencias fatais, o primeiro en 1928 cando tiña 21 anos e o segundo un par de anos despois.
  Non faltaban tampouco discusións que, coa violencia propia da época, acababan mal. Por exemplo, en xuño de 1932, Manuel Gómez fillo tivo unha liorta nos Carballos cun tal Juan Mirás. Manuel Gómez pai tentou mediar, cousa que non lle gustou a José Muiño Otero, un cliente que estaba esperando o autobús e que o golpeu cun pau na cabeza. Eran tempos duros!
  Aínda con todos eses atrancos o negocio era lucrativo, como o proba o feito de que en 1926 Manuel Gómez Soneira era o principal contribuínte industrial da parroquia e estaba entre os 15 homes máis ricos de todo o concello de Oroso.
  A Guerra Civil e a dura posguerra afectou a toda a economía e os autobuses chegaron a ser temporalmente requisados. Temos constancia de que Manuel fillo foi multado polo menos unha vez con 25 pesetas en 1940 "por levar viaxeiros sen salvoconduto". Estes tempos de penurias pasaron e a empresa seguiu o seu curso firme nos anos 50 e 60.
 

  Enrique Gómez Álvarez (1908-1991) casou con Dolorez Suárez Moure, coa que viviu en Oroso, mentres Manuel Gómez Ávarez (1911-1990) casou cunha moza do Recreo, Encarnación López Castro da Lopas. Este matrimonio viviu en Ordes. No Recreo estaba a cocheira onde o fotógrafo Riveira tomou a icónica foto que ilustra este artigo. Manuel herdou a propiedade da empresa que resistiu ata o ano 1970 ou 1971 cando os Invencibles perderon por fin a súa batalla contra o asfalto.
  Os dous irmáns mudáronse logo a Santiago onde faleceron con poucos meses de diferenza.
 
*  Manuela Álvarez Ferreiro era filla de Juan Álvarez Boga e de Dominga Ferreiro Franqueira dos Ferreiros do norte, por tanto irmá do meu bisavó Juan Ferreiro. Así que estou lixeiramente emparentado con eles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario