O CARRO GALEGO
O carro foi o principal medio de transporte
do mundo rural galego deste tempos inmemoriais. Nas casas ricas podía haber
bois de tiro, pero nas pobres (que eran a maioría) as que tiñan ese cometido
eran as vacas.
Aparte da súa obvia función de transporte, a
súa uniformidade tamén permitiu empregalo como unidade de medida para
cuantificar cantidades de leña ou de determinadas producións agrarias.
Na miña infancia, nos anos 60 do século XX, o
carro era practicamente indispensable e había un (e ás veces dous) en todas as
casas campesiñas e por certo pagaban imposto de circulación (taxa de rodaxe) como agora os coches. A mellora da economía permitiu que cada vez máis
campesiños accederan a un tractor. Dos 400 que había en Galicia en 1960 pasouse
a 10.700 en 1970 e a 54.000 en 1980. Nos anos 70, por tanto, o carro comezou a ser
deixado de lado e a ser substituído pola tracción mecánica. Nos anos 80 aínda
se podían atopar con certa facilidade pero xa eran considerados como unha imaxe
arcaica.
FABRICACIÓN E MATERIAIS
Aínda que algunhas veces os carros podían ser
fabricados por carpinteiros comúns (José Manteiga Veiras Mella no Mesón do Vento tanto facía carros, grades
e arados como mobles ou encofraba muros para a construción), era moito máis
habitual que os fixeran carpinteiros especializados (en terras de Ourense eran
chamados "fragueiros"). Por exemplo, en Vilaverde José de Xaniño
facía todos os carros da contorna.
A fabricación podía durar uns oito días. O material principal era a madeira
de carballo, pero o eixe adoitabar ser de freixo, bidueiro ou ameneiro segundo a
comarca. Unha cantiga popular aludía a este feito.
Se queres
que o carro cante / como a gaita do gaiteiro,
ponlle o
eixo de freixo / e as troiteiras de ameneiro.
Os construtores de carros eran moi estimados,
pero non todos eran hábiles, como se pode ver na seguinte cantiga.
Un carpinteiro novo / carpinteiriño da puñeta,
quixo facer
un carro / e saíulle unha carreta.
Aínda que o carro era moi sólido, os moitos
anos de traballo pasábanlle factura, necesitando ás veces reparacións ou
substitución dalgunha peza. Ás veces iso xa non chegaba e producíase o deceso.
Quen rematou contigo / ai, meu carriño vello!
Foi o sol
do verán / e a auga do inverno.
Pero o carro non morría de todo. Habitualmente
o seu chedeiro colocábase nun muro da casa onde o propietario podía velo todos
os días e así lembrar e sentirse acompañado polo seu vello compañeiro de
fatigas.
ESTRUTURA E
COMPOÑENTES
Hai un artigo na Wikipedia que enumera os
compoñentes e mesmo un do IES A Sangriña (que recomendo) no que podedes atopar planos dun carro e ata unha
análise técnica! Así que eu pasarei un pouco por enriba neste tema.
Basicamente constaba de dous elementos
estruturais: o RODAMENTO
(ou rodado), formado polo eixe e as rodas, e o CHEDEIRO que é a plataforma onde
se depositaba a carga. Ambos os dous eran independentes e podíanse separar con
facilidade. De feito esa era a razón de que o carro non puidera contar cun
sistema de freado.
Ademais o carro levaba distintos
complementos. Os que non podía faltar eran os fungueiros (paus espetados nunhas
furas que había nas chedas) que permitían colocar adrais ou ladrás (táboas) ou
ás veces canizas de varas entretecidas para conter a carga. Tamén era
imprescindible o chavellón ou tente-mozo (en Ordes ghastallo), pau destinado a
manter a cabezalla horizontal cando o carro estaba sen gando.
En xeral o carro tradicional era o de dúas
cabezas de gando, pero había moitas casas pobres que só tiñan unha res, entón
fabricábase outro máis pequeno coa mesa rectangular e onde a cabezalla era
substituída por dúas varas nas que se asentaba o xugo. A miña avoa Babila da Fabera tiña un así.
ASPECTOS SOCIAIS E
SIMBÓLICOS
A importancia do carro vai máis aló do
material. Os urbanitas oían un "ruído estridente" que para o
campesiño era un canto, unha voz amiga.
Non canta na Chá
ninguén
/ por eso meu carro canta,
canta o seu
eixo tan ben / que a señardade me espanta.
E ese canto tiña a utilidade de que avisaba
ao que viña lonxe por unha corredoira estreita de que outro ía en dirección
contraria. Ás veces servía de sinal de identidade fronte aos outros. Cando un
conxunto de carros dun lugar pasaba por unha aldea veciña podíanse apretar as
treitoiras para que o carro cantase máis. Como o rozamento produce calor, isto
foi recollido como exclamación para momentos de afirmación identitaria, persoal
ou colectiva.
Árdelle o carro / árdelle o eixe,
árdelle o
carro / aos de Valeixe.
Pola contra se se quería aliviar a rozadura do eixe cos coucillóns,
untábase con sebo e evítabase o canto.
O carro en conxunto ou algunhas das súas
pezas teñen aplicacións metafóricas no ámbito dos amoríos e da sexualidade.
Na túa porta, neniña, / tódolos carros dan volta;
agora que
xa entrintaches / pasouche o sol pola porta.
A cabezalla era un evidente símbolo fálico.
Para cuñas pau de
toxo,
/ para treitoiras carballo,
para
contentar ás nenas / a cabezalla do carro.
O carro tamén aparece en lendas de tesouros
que poden ser descubertos polas rodas. Os restos do Apóstolo foron trasladados
a Santiago nun carro "berrón" e as reliquias de Santa Eufemia
quedaron en Ourense porque os bois que as transportaban nun carro así o
decidiron.
Para
rematar, o carro tamén tiña un compoñente lúdico: Manuel Rodríguez en
"Historia viva" conta un xogo que se facía con el cando estaba "aparcado"
no pendello nos días de chuvia. Poñíanse dous-tres rapaces e outras tantas
rapazas a cabalo da cabezalla. O resto da rapazallada subíase ao chedeiro. Os
da cabezalla ían recuando para entrar no chedeiro polo medio do cambón. Nun
momento dado o carro empinábase de golpe e caían todos revoltos ao chan do pendello
(supoño que cuberto de palla). Logo repetían a xogada cambiando as posicións
ata que quedaban cansos.


No hay comentarios:
Publicar un comentario