En 1930
houbo un bo número de liortas en Ordes. Algunhas chegaron á prensa e por iso
temos información sobre elas.
Por exemplo, en abril Lorenzo Garabato Fuentes, un mozo de 20 anos do lugar dos
Ramos en Buscás, pelexou co seu veciño Jesús Ruibal García por cuestións
amorosas. Este último acabou no hospital coa cabeza fendida dun estacazo.
En maio,
na feira de Ordes, Andrés Remuiñán Villaverde de Santa Cruz de Montaos e Manuel
Rodríguez de Oroso tiveron máis que palabras con Pilar Martínez García da
parroquia de Senra durante a transacción dunha vaca. O acalorado regateo acabou
cunha labazada na cara e a conseguinte denuncia da muller por recibir lesións.
En agosto
José Fernández, un vendedor ambulante de Entrerríos foi atacado por dous
ordenses, un de viril alcume (o Macho) e
outro, un tal Vilariño.
Pero a liorta máis numerosa e violenta chegou
ao final do ano como o turrón "El
Almendro" e os protagonistas foron, como non, varios mozos das
parroquias de Ardemil e Leira que dirimiron as súas diferenzas, non só cos
tradicionais paus e pedras senón tamén con fouces (unha arma realmente terrible
que pode facer un considerable dano).
O campo de batalla foi o muíño de San Cosmade na veciña parroquia das Encrobas (Cerceda) a
noite do 29 ao 30 de decembro.
O motivo foi o de sempre: unha agraciada moza
que era pretendida por dous mozos á vez.
Como era costume naqueles tempos, en vez de
discutilo con calma ou polo menos pelexarse os dous sós, acudiron acompañados
cada un dun séquito de amigos. Así, estaban no muíño Juan e Jesús Rivas
Bestilleiro, Manuel García Gómez, Manuel Louro Louro, Jesús Muiño Barral e
Ricardo Prego Candal (que saibamos).
Cando rematou a batalla quedaron tres
contendentes no chan: Manuel García Gómez cunha ferida na cabeza, Manuel Louro
Louro con cortes en ambos os dous brazos e, finalmente, o de maior
gravidade Juan
Rivas Bestilleiro que resultou con fractura de frontal e o ollo
esquerdo baleirado, polo que foi conducido con rapidez ao hospital de Santiago.
Aínda que o prognóstico era moi grave, Juan
Rivas, volveu confirmar unha vez máis a dureza das cabezas ordenses e curou en
menos dun mes. Iso si, o ollo non llo devolveu ninguén.
Foron detidos inmediatamente como promotores
da pelexa Ricardo Prego* e Jesús Muiño. Cando se recuperou, tamén foi detido
Manuel García Gómez, o principal promotor e autor da lesión de Juan Rivas.
Ironicamente, este non era un dos dous
pretendentes (Manuel García e Manuel Louro) senón o que se meteu no medio,
cousa que, como todo o mundo debería saber, sempre, sempre, acaba mal.
*
Tres anos despois, en decembro de 1933, Ricardo Prego Candal morrería baleado por
mozos de Leira na taberna de Viqueira no Mesón do Vento durante a feira da Adina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario