jueves, 23 de junio de 2022

Pedro Santos Canosa

   Pedro Santos naceu en Castelo, lugar da parroquia de San Martiño de Ozón en Muxía, no ano 1942. Era o fillo maior de Benigno Santos Alvite e Natalia Canosa González, matrimonio que tamén tivo outra filla, María del Carmen Santos Canosa.
  Estudou no Seminario de Santiago e foi ordenado sacerdote o 19 de xuño de 1969 en Sevilla, no VII Congreso Eucarístico Nacional. Os seus primeiros anos de carreira foron na comarca do Xallas, ocupando o posto de coadxutor en Santa Comba.
 
  O 14 de outubro de 1970, cando aínda era un mozo de 28 anos, comezaría a súa relación de case catro décadas coa comarca de Ordes. Foi nomeado ecónomo das parroquias de Albixoi e Lanzá no concello de Mesía. Máis tarde asumiría tamén as de Vitre (Frades) e Xanceda onde residiu.
  Gran afeccionado ao fútbol (era seguidor fervoroso do Deportivo, club do que foi socio moitos anos), pronto se enganchou ao Albilán, o equipo local onde xogaban moitos mozos das súas parroquias. Don Pedro tamén xogou, foi adestrador e, cando facía falta, tamén árbitro. Segundo un amigo, neste último labor non era especialmente bo porque sempre pitaba a favor dos equipos humildes.
  En Vitre, ao pouco de chegar, logrou que se volvera a celebrar, despois de moitos anos de paréntese, a romaría de merendas que acompañaba á festa relixiosa na honra da Nosa Señora das Virtudes, e que ano a ano foi acollendo máis xente.
  De gran sensibilidade social, don Pedro Santos tivo un papel imprescindible no desenvolvemento gandeiro da comarca, sendo un dos fundadores en 1972 da Cooperativa Central de Frades, entidade que comezou con só 17 socios ata chegar a case 700 e que nos anos 80 logrou ter a súa propia fabrica de pienso. Nela tamén exerceu responsabilidades directivas durante moitos anos. Segundo as súas propias palabras "A nosa filosofía é fomentar a formación de agricultores e gandeiros, pois o avance real está  no cultural, en cambiar a mentalidade da xente. A venda de produtos faina calquera almacenista pero o verdadeiramente importante é a formación".
  Entre 2004 e 2008 desempeñou o cargo de arcipreste de Barbeiros.
  No ano 2009, despois de media vida na comarca, foi enviado a Bueu en Pontevedra, en teoría para cubrir unha baixa temporal. No campo das Virtudes, para el tan querido, os paisanos de Mesía e Frades despedírono cunha homenaxe masiva. Nos anos seguintes volveu frecuentemente de visita.
 
  En 2010 foi nomeado arcipreste do Morrazo e tamén asumiu a parroquia de Cela. Pero en marzo de 2015 debeu deixar o traballo por mor dunha enfermidade e regresou a Muxía, onde aínda vivía a súa irmá Mari Carmen.
  Morrería o 21 de novembro de 2016 aos 74 anos de idade. O funeral foi multitudinario con 50 sacerdotes e numerosos asistentes, entre eles o alcalde de Mesía Mariano Iglesias Castro. Os seus restos repousan no cemiterio da súa parroquia natal de Ozón.
 
  En abril de 2017 tivo lugar unha homenaxe póstuma, de novo no campo das Virtudes, onde se descubriu unha placa conmemorativa na súa honra.
  Segundo o sacerdote Juan González-Redondo "Como párroco sempre se caracterizou pola súa gran humanidade, polo seu corazón caritativo e entregado ao débil. Cura comprensivo, capaz de conciliar aos diferentes, foi enormemente apreciado por paisanos e compañeiros".
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario