A década dos 20 é coñecida como "Os felices 20" ou "Os tolos anos 20" pero esta percepción de
felicidade vén dos gañadores da Gran Guerra, especialmente os Estados Unidos
(aínda que non estaban exentos de problemas como demostrou o masacre de negros
ocorrida en Tulsa en 1921).
En moitos outros lugares non foron felices en
absoluto. Por exemplo Alemaña, no medio dunha crise enorme despois da derrota,
vía en xullo de 1921 como un tal Adolf Hitler se convertía en líder do entón
minoritario Partido NacionalSocialista
e pouco despois, en novembro, formaba as súas propias tropas de choque, as SA
ou Sturmabteilung.
A URSS non sabía o que lle quedaba por sufrir
pois en 1922 chegaba ao poder Iósif
Stalin que gobernaría 30 anos o país con man de ferro.
Tampouco o RU gozaba da paz pois estaba
inmerso no problema irlandés. A partición da illa en dous territorios non
acabou coa violencia e comezou unha guerra civil onde morreu Michael Collins en
1922, ano onde o tamén irlandés James Joyce publicou o aclamado "Ulises".
Para España o ano 1921 foi catastrófico. O 8 de marzo foi asasinado o presidente de
goberno Eduardo Dato e apenas un mes
despois tamén o líder cenetista Evelio Boal. Pero estas mortes quedaron en nada
cando o 22 de xullo se produciu o desastre de Annual.
A guerra de Marrocos levaba anos desgastando os gobernos da
Restauración pero esta derrota foi un golpe inmenso que desacreditou
completamente ao réxime e sumiu ao país na amargura e o pesimismo. A ditadura
de Primo de Rivera sería consecuencia directa deste suceso. Paradoxalmente o
momento de gloria dos rifeños foi o preludio da súa caída: Abd el-Krim encoraxouse e atacou tamén aos franceses. Unha
coalición franco-española derrotouno en 1925 e en 1926 rendeuse aos franceses,
o que lle permitiu salvar a súa cabeza.
1922 continuou sentindo os efectos do desastre. En marzo
caeu o goberno Maura-Cambó, que foi substituído polo de José Sánchez Guerra.
Unha das súas medidas foi disolver as Juntas
Militares de Defensa e prohibir que os militares se asociasen. Tamén as
augas baixaban revoltas na esquerda: en novembro de 1921 fundouse o PCE que
celebrou o seu primeiro congreso en marzo de 1922 onde elixiu como secretario
xeral a Antonio García Quejido.
En Galicia 1921 foi o ano no que un atleta, Guillermo Moreira, gañou por primeira vez un título nacional. En 1922 destacou o manifesto vangardista Máis Alá e a morte en Sobredo de tres campesiños a mans da Garda Civil.
Ordes tamén foi afectado polos dramáticos
sucesos. A morte de Dato doeu
dobremente porque era un político galego e coruñés, pero o desastre de Annual
impactou terriblemente non só pola derrota senón porque había moitos soldados
galegos e pola cruel morte que tiveron moitos deles. Unha onda de solidariedade
respondeu á catástrofe e comezaron os actos para axudar ás tropas na fronte, así varias mozas da vila lograron recadar máis de 400 pesetas en decembro para enviar aos soldados da zona ou galegos. Igualmente, cando en 1922, pasou pola vila José Millán-Astray, entón un heroe nacional, o recibimento foi apoteósico.
Pero a vida seguía. En Santiago naceu "Cantigas e Agarimos", e para Ordes foi un momento
de grandes avances: en 1921 construíuse o cemiterio do Piñeiro que se estreou ao ano seguinte. Tamén en 1921 houbo novo cuartel para a Garda Civil construído polo mestre de obras Benito Regos (segundo plano do polifacético Julio Pol), pero 1922 viu o avance máis espectacular... chegou a luz eléctrica á vila!
Saturnino Aller viviu a 1ª ameaza seria para o seu poder. Non foi ningún adversario
senón a saúde pois tivo que someterse en 1921 a unha delicada operación aos seus 69 anos
(idade avanzada entón). Houbo protestas e mesmo manifestacións campesiñas, os
conservadores, agraristas e republicanos parecían gañar terreo pero logo nas urnas
ninguén lograba desbancalo.
E dentro das noticias de sociedade Ordes viu
en 1921 a
chegada dun novo párroco para Poulo, don José Mª Barreiro García (1878-1972), e novo rexistrador da propiedade, Antonio Ríos Mosquera. Houbo un par de
vodas de nivel: Carmen Fraga del Río casou con Bernardino Edreira (secretario
do xefe do asteleiro) e Estrella Concheiro García con José González Botas
(fillo do alcalde de Conxo).
En 1922 chegaría para substituír a Marcial del Río Díaz un novo -27 anos- xuíz á vila, o compostelán José Mª Sánchez Guisande*, que estaría ata 1933. Os que pasaron polo altar foron Pedro del Río Caramelo e Manuela Calviño Fraga. Doutra banda faleceron un par de personaxes importantes: o rico propietario Jose Castro en 1921 e Pedro Concheiro en xaneiro de 1922 (o que lle valeu para estrear o novo cemiterio).
En 1922 chegaría para substituír a Marcial del Río Díaz un novo -27 anos- xuíz á vila, o compostelán José Mª Sánchez Guisande*, que estaría ata 1933. Os que pasaron polo altar foron Pedro del Río Caramelo e Manuela Calviño Fraga. Doutra banda faleceron un par de personaxes importantes: o rico propietario Jose Castro en 1921 e Pedro Concheiro en xaneiro de 1922 (o que lle valeu para estrear o novo cemiterio).
*
José María
Sánchez Guisande (1895-1959), dunha distinguida familia compostelá
(que incluía ao médico Luciano e ao avogado Domingo -casado con Josefina Jack
Caruncho-). José casou coa madrileña Mª Paz Caamaño Calderón (cuxa nai era
Josefa Calderón de la Barca) e tiveron 7 fillos, dos que varios naceron en
Ordes, vila onde botou 11 anos ata que foi ascendido en 1933 a xuíz de 1ª
instancia do distrito da Audiencia da Coruña.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario