Os alcumes formaron parte de todas as
sociedades desde a antigüidade, pero nas comunidades pequenas onde a xente se
relacionaba moi estreitamente, é onde hai maior abundancia deles.

Nacían normalmente na infancia ou xa se
herdaban igual cós apelidos.
En lugares pequenos como Ordes onde había un
gran número de apelidos compartidos e un limitado número de nomes, os alcumes
eran máis definitorios que o propio nome (de feito moitos aínda aparecen nas
esquelas fúnebres para clarexar definitivamente quen é o falecido).
Agora vou mencionar algúns dos antigos
alcumes de Ordes intentando explicar a quen pertencían.
E nada mellor que empezar pola propia
familia: os Faberos.
Parece ser que unha tataravoa miña, en vez de millo, levou fabas ao muíño para
moelas (ignoro se por simple despiste ou porque non rexía ben). O caso é que
lle chamaron a
Fabera, e o alcume pasou a designar á familia Ferreiro Recouso (do
norte da vila, non confundir cos Ramechos do Recreo). Á miña avoa Babila
Ferreiro Recouso chamábanlle habitualmente Babila da Fabera.

Curmáns nosos eran os Ferreiro Eirín, os de Luis.
Unha das fillas de Luis, Juana Ferreiro Eirín, tiña tan mal carácter que lle
chamaban a Racha.
José Villaverde Prego, de oficio carpinteiro,
casado con Carmiña Pereiro Ferreiro, era o Pandareto, herencia da súa nai, a Pandareta.

Antonio del Río Sánchez Somoza, da familia
propietaria do Pazo dos Somoza na parroquia de Marzoa (Oroso) e marido da profesora
Inés Mª de Juan Verea era o Chulito e o seu irmán Emilio (ou Emilito), casado con Mª
Luisa Liñares Martínez, que vivía nun chalé preto da Fonte Estrei, era o Carozo.

Genaro González González, un médico
forasteiro que chegou a ser alcalde en 1948 era tan pouco agraciado que lle
chamaban o
Drácula.
A esposa de César Pol que era arxentina tiña
un axeitado alcume: a Pampera. O mestre Lisardo Castro Amor, tamén casado cunha Pol e pai do coñecido avogado Julio Castro Pol, era coñecido como o Peseta.
Continúa en Vellos Alcumes (2).
No hay comentarios:
Publicar un comentario