sábado, 18 de julio de 2020

Timo en Bembibre

  O día 6 de febreiro de 1933, como todos os primeiros luns de mes, celebrábase a feira de gando en Bembibre (Val do Dubra -entón aínda chamado "Buján"-), que como de costume estaba moi concorrida.
  Tamén, como de costume, non faltaban os carteiristas, trileiros e pícaros de toda especie que chegaban a estas feiras rurais atraídos pola suposta candidez dos campesiños.

  Este foi o caso dunha parella de estafadores que atoparon alí a un veterano labrego de 60 anos da veciña parroquia de Santa María de Arabexo, chamado Pedro Cancela Cambón.
  Contáronlle que o pai dun deles, residente en Uruguai quedara a deber a varios obreiros da zona unhas 20.000 pesetas e quería, home de gran conciencia social, satisfacer esa débeda que o mortificaba antes da súa posible morte, porque ía someterse a unha arriscada operación cirúrxica.
  Debido a iso, non puidera vir persoalmente pero mandou a un fillo seu xunto a un apoderado para que canto antes cumprimentásen tan sacra débeda.
  Obviamente, o fillo, preocupado pola saúde do seu pai, quería volver de inmediato a Uruguai e non perder máis tempo na procura deses obreiros, así que buscou a un home que, aínda que non o coñecían persoalmente, tiña fama de honorable para confiarlle as 20.000 pesetas que estaban nunha caixiña de ferro e que lle ensinaron a Pedro. 
  A pesar da súa boa fama, para ter máis seguridade, esixíronlle unha "garantía positiva" de 1.750 pesetas que, claro está, o campesiño non levaba no peto. Inmediatamente achegouse á sucursal do Banco de Hijos de Olimpio Pérez para recoller un depósito de diñeiro que esperaba e logo foi á súa casa a "rafuñar" a cantidade restante.
  Ao día seguinte na estrada do Pombal os dous apoderados esperárono e verificouse a operación. Intercambiaron a carteira do labrador pola caixiña dos 4.000 pesos e logo fóronse a comer, dicíndolle que volverían pronto.
  Por suposto iso non sucedeu, cousa nada rara, porque cando o labrador abriu a caixa só atopou un par de billetes reais acompañados de moitos recortes de papel de xornal.

  Foi a poñer a denuncia e dixo á policía que os "mandatarios" tiñan sobre 60 anos e que un deles debía ser un home ataviado con traxe de muller. Os axentes respondéronlle que era unha muller de verdade e o labrador, moi teso, contestou:
- Non pode ser. Unha muller non me facía iso. Ademais choraba moito polo seu pai, porque lle ían facer unha operación.
  A "operación" fixéronlla eles a el: 1.750 pesetas. O que custaban un par de boas vacas!

  La Voz de Galicia comentaba con ironía: "Por lo que se ve, y de ello nos debemos congratular los defensores de las buenas condiciones de la mujer, este labriego resulta ser un gran afecto al sexo femenino".
  E concluía coa tópica reflexión: "Cada día nace un primo, el objeto primordial es encontrarlo".

No hay comentarios:

Publicar un comentario