O paseo do Río Mercurín foi inaugurado en decembro de 2009, pero a súa historia
vén de moito atrás, de finais do século XX.
Xa nos plenos do ano 1999, época na que era alcalde Teodosio Martino, aparecía a intención de
facer un paseo fluvial nas deterioradas marxes do río Mercurín. No ano 2000 o
proxecto comezou a tomar forma e era moi ambicioso: pretendíase facer un longo
paseo que chegase desde a depuradora das Casillas ata a aldea de Vilaverde,
Contando para iso cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente da
Xunta de 900.000 euros.
Pronto chegaron os primeiros atrancos. No ano 2004 seis dos 9 propietarios dos terreos afectados na zona do Recreo protestaron contra o alcalde que, segundo eles, pretendía que cedesen as propiedades a cambio de nada. Loxicamente a oposición (especialmente o CDI de Roberto González, inimigo político e persoal de Martino) apoiou aos propietarios.
En setembro de 2005 deuse un primeiro paso adiante ao derrubar o vello matadoiro
que estaba en estado ruinoso e encima do leito do río, o que permitiu despexar
unha zona dese futuro paseo. Non se avanzou máis nesa lexislatura.
En maio de 2007 tiveron lugar as eleccións municipais que supuxeron a caída de
Martino e a chegada á alcaldía de Manuel Regos. Disposto a deixar a súa pegada na
vila comezou unha política de grandes obras e festexos acompañado do seu antigo
rival e agora aliado Roberto González.
Unha desas grandes obras sería o paseo
fluvial, pero prudentemente apostou por un proxecto menos ambicioso e problemático
que o orixinal, empezando por acondicionar a zona (uns 400 metros) entre os
muíños da Silva (o do Campo da feira) e o da Braña. Agora os atrancos chegaron
por parte do BNG e ADEGA que denunciaron ao concello por unha talla ilegal de
árbores en outubro de 2008.
Por fin as obras iniciaron en febreiro de 2009. A inauguración tivo lugar o 30 de
decembro dese mesmo ano e nela estivo presente o responsable territorial
da Consellería do Medio Rural Enrique Luis Salvador Sánchez.
Así unha zona degradada, en total estado de
deterioro, que nalgúns lugares funcionaba como vertedoiro converteuse, grazas
a un investimento de 450.000 euros da Consellería de Medio Rural, nun pulmón verde
para a vila e nun espazo de lecer para os máis pequenos porque contaba cunha
área recreativa con parque infantil.
O atractivo do lugar subiu no verán de 2010 cando o Concello trouxo novos
habitantes para a insua no medio do río. Unha pequena cantidade de cabras
marroquís, parrulos, ocas e ata un cisne (posteriormente trouxéronlle unha
compañeira) contribuíron a humanizar o paseo (curioso que as aves
"humanicen" mentres moitos humanos "animalicen"). O
encargado do lugar era Francisco Pallas.
O paseo tivo un enorme éxito. En 2014
despexouse e botouse rebo nunha zona duns 900 metros que chegaba
ata estrada que vai do Casal a Vilaverde. Deste xeito os amantes das longas andainas tamén comezaron a utilizalo.
En novembro
de 2015 pasou a chamarse Paseo Ramiro Recouso en recordo do
concelleiro do BNG falecido uns días antes, pero como pode supoñerse o nome
popular segue sendo "Paseo do río" ou "Paseo dos patos".
En outubro de 2019 cementouse de novo e ancheouse o camiño preto do muíño da Braña e colocáronse novos bancos ao longo de todo o percorrido.
En outubro de 2019 cementouse de novo e ancheouse o camiño preto do muíño da Braña e colocáronse novos bancos ao longo de todo o percorrido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario