En
Montaos na antigüidade, houbo moitos persoeiros famosos, aínda que algúns deles
nin sequera viviron na parroquia. A todos nos soan os Bermúdez de Castro, os
Prego, os Montaos, etc. Non obstante, outros dos que na actualidade apenas se
fala deles, non foron menos interesantes. Estou a referirme aos Condes.
Oriúndos de Celanova, unha das familias instalouse en Queis alá polo ano 1500,
concretamente na Albariña, na casa que ata hai pouco tempo era chamada a Casa de Conde, e que hoxe pertence a
outros donos. Eu lembro ter visto nas vellas paredes escudos dos Condes e
doutros familiares cos que foron emparentando, pero claro, en Galicia houbo un tempo no que as paredes de pedra
tiráronse e repuxéronse con bloques de formigón e non sei se os escudos aínda se
conservan.
Un dos
Condes, chamado Francisco, foi un singular persoeiro que acadou moitas terras,
tanto en Montaos coma nas parroquias dos arredores. Viviu en Carrás, na que
moitos anos despois sería a casa de Gómez, á beira do Camiño Inglés, aínda que
nos escritos que eu lin sobre o devandito Francisco, erroneamente pon "Camiño
Francés".
Por estar na beira da principal vía de comunicación, Queis era entón o lugar máis poboado da parroquia. Incluso a igrexa parroquial, estaba en Ribadas, preto do Piñeiro e do Camiño Inglés.
Por estar na beira da principal vía de comunicación, Queis era entón o lugar máis poboado da parroquia. Incluso a igrexa parroquial, estaba en Ribadas, preto do Piñeiro e do Camiño Inglés.
Francisco
Conde, que morreu no ano 1799, era moi católico. No seu testamento, que el
mesmo redactou, comeza escribindo (en castelán antigo, eu tradúzoo no meu galego):
No nome de Deus e da Virxe Santísima, súa
nai, concibida sen mancha nin sombra de culpa orixinal ... Eu, Francisco Conde
e Verea, veciño que son deste lugar de Carrás, Coto de Queis, anexo do de
Sigüeiro, parroquia de Santa Cruz de Montaos, atopándome encamado de
enfermidade, que Deus Noso Señor quixo darme, aínda que no meu san xuízo e entendemento
cabal, crendo, como firmemente creo no misterio da Santísima Trindade, Pai,
Fillo e Espírito Santo. Tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro, todo
poderoso. Teméndolle á morte, que é natural, e desexando salvar a miña ánima,
outorgo o meu testamento da forma seguinte: primeiramente encomendo a miña
ánima a Deus Noso Señor que a criou e redimiu co seu preciosísimo sangue na
árbore da cruz. O corpo mándoo á terra da que foi formado, que sexa amortallado
nun hábito de picote de noso pai Seráfico San Francisco e sepultado dentro da
igrexa parroquial desta freguesía de Montaos, na sepultura de xunto ao coro, e
que se pague todo a costa dos meus bens. Tamén mando para o día do meu enterro
e os autos do sétimo día e cabodano. Que se chamen e asistan sete señores
curas, incluso o señor vicario ou o suplente, que os sete digan misa pola miña
ánima. Tres delas cantadas coas súas vixilias e os responsos correspondentes,
as demais misas rezadas, que en total han de sumar vinte e unha polo estipendio
acostumado, e ademais trinta rezadas
pola miña ánima. Tamén mando de esmola á nosa Señora do Carme, medio ferrado de
trigo, outro medio ferrado á Virxe dos Desamparados, que a súa imaxe se venera en Santa María de Castelo.
Outro medio ferrado ao Glorioso San Román de Trasmonte. A San Miguel de Gándara
unha misa rezada, ó Glorioso San Roque de Moar un ferrado de trigo. Á miña
patroa Santa Cruz un ferrado de trigo. Á nosa Señora do Rosario unha misa
rezada. Á causa Santa de Xerusalén, o acostumado, e todo o dito, apórtoo dos
meus bens. E tamén digo e declaro satisfacer polas benditas ánimas do
Purgatorio oitenta reais, e por outra vinte e tres e dez misas rezadas. E á
Santa Cruzada, mando que se lle bote no cepo que ten na Catedral de Santiago corenta
reais. E tamén digo e declaro que estou debendo das esmolas, de misas e
pensións atrasadas, trescentos vinte reais de vellón a Don Juan Andrés de la Iglesia
y Marzoa, cura e reitor propio desta parroquia. A Don Jacobo Domingo de la
Iglesia, cura da San Estevo de Trasmonte, corenta e catro reais. A Don José Espiño, veciño da cidade de
Santiago, cento vinte reais. A Sebastián de Liste, veciño de Santa Mariña de Parada, seiscentos reais. A
Miguel Rodríguez, veciño de Santa Eulalia de Pereira, cento oitenta reais. A
Manuel García Pan, da cidade de Santiago douscentos reais. A José Andrés
García, da mesma veciñanza e comerciante, douscentos vinte reais. A José Vello,
veciño de San Mamede de Berreo, cen reais. Á confraría do Glorioso San Antonio
da cidade de Santiago, cento trinta e dous reais. A dona María ... y España,
veciña de San Martiño de Oroso, cento dez reais, importe dunha venda atrasada.
Mando que a uns e a outros se lles pague a costa dos meus bens e calquera outra débeda da que non
me teña acordado. E tamén digo e declaro que casado con Francisca Liñares da
Pena, a primeira e actual muller tivemos
tres fillos [...].
Relata logo
como reparte os seus bens e nomea ao seu fillo Juan para que, a costa dos seus
bens, venda en pública almoeda os que cheguen para pagar todos os seus
mandados neste testamento.
A prole de Francisco Conde, seguiu a súa fe cristiá. No ano 1882, a un dos seus
descendentes, Pelayo Conde, previo pago de vinte e un cuartos de limosna, concedéuselle,
a "Bula de la Santa Cruzada",
para gañar indulxencias plenarias e sacar ánimas do purgatorio.
Cómo
podemos ver, Queis daquela era un coto
anexo do de Sigüeiro. No lugar hai un rueiro, chamado a Porta dos Condes, onde houbo unha casa nobre, que posteriormente
pasou á familia Varela Radío e hoxe pertence a outros veciños de Queis. Dita
casa tiña unha recámara con dobre parede e un acceso labiríntico, onde gardaban
os cartos. Cóntase que a finais do século XIX, os coellos que criaban na casa,
ao facer tobos, desenterraron numerosas moedas de ouro.
Victorino Cores Liste
No hay comentarios:
Publicar un comentario