Os anos ían pasando pero a xente da comarca
seguía bastante asilvestrada. As pelexas eran o noso pan de cada día e só
chamaban a atención cando había feridos graves ou algún morto.
Esta vez a gran liorta foi entre mozos de Visantoña (Mesía) e Vilamaior (Ordes) que levaban moito
tempo arrastrando unha gran inimizade.
En maio de 1929 aproveitaron unha festa en Ardemil para dar un paso adiante na
súa rivalidade. Provistos de pedras, paus, armas brancas e pistolas
acometéronse mutuamente ao pouco de ter empezado a verbena, provocando o caos e
a fuxida precipitada dos auténticos festeiros.
Os resultados foron graves pero
afortunadamente non houbo vítimas mortais. Pola parroquia de Vilamaior, Manuel Graña
Mata de 20 anos levou unha coitelada no costelar dereito de oito
centímetros de extensión ademais das habituais contusións na cabeza, mentres
que Antonio
Gómez Blanco tivo feridas na cabeza e nas pernas "de pronóstico
reservado".
Os peor parados por parte da hoste de
Visantoña foron Lino
Lata Vázquez de 20 anos ao que un proxectil perforoulle a mandíbula
e deixouno sen dúas moas, Ricardo Silva Gil de 27 anos e José Manteiga
Mosquera de 24, ambos os dous con contusións en cabezas e corpos. A
este último incautóuselle un coitelo.
Foron detidos outros mozos participantes na
pelexa: José e Jesús Manteiga Vieites, José Manteiga Roel, Andrés Manteiga
Mosquera, Segundo Gómez Manteiga, Emilio e Martín Mosquera Gaudeoso e Pedro e
José Gómez Blanco.
Como vedes había Manteigas dabondo para encherse
de colesterol!
No hay comentarios:
Publicar un comentario