Que o sistema de pensións está en perigo é
cousa sabida. A falta dos datos do peche definitivo do exercicio 2018, as contas da Seguridade Social
mostraban que só catro das 17 comunidades (Madrid, Baleares, Canarias e Murcia)
serían capaces de pagar aos seus xubilados co que achegan os traballadores da
rexión. en Galicia os ingresos por cotizacións apenas cobren dúas terceiras partes da nómina das
pensións, que medra a un ritmo moito maior que as achegas dos traballadores, xa
que a creación de emprego nos últimos anos non se ve acompañada dunha subida
xeneralizada e xenerosa dos salarios. Isto limita a recadación, que apenas
chega aos 5.280 millóns de euros, fronte aos case 8.300 que se van no pago de
prestacións. Cos niveis actuais de cotización, farían falta algo así como
400.000 novos postos de traballo para equilibrar as contas do sistema de
pensións en Galicia (ou recortar un 40 % as prestacións).
Só quince concellos presentaban unha porcentaxe
superior aos dous cotizantes por pensionista (a media en España estaba nos 2,3,
aínda que o óptimo considérase 3 ou máis).
Como se pode ver no mapa a práctica
totalidade da provincia de Ourense (onde só 7 dos 92 concellos presentaban porcentaxes
positivas), unha boa parte da de Lugo, o interior de Pontevedra e o oeste e norte da Coruña
presentaban altas taxas de dependencia económica. Tan elevadas que ata o Servizo
Público de Emprego, nos seus informes sobre o mercado de traballo en Lugo e
Ourense, apuntaba a que ambos os dous territorios tiñan «un problema moi serio
coa perda e o grao de envellecemento da súa poboación».
As causas son
obvias: ademais do envellecemento, as empresas tiñan un tamaño moi
reducido e había moi poucas coa dimensión suficiente para xerar dinámicas
positivas de crecemento, isto ocasionaba debilidade do sector industrial,
emigración da man de obra cualificada e dificultade para atraer talento. Se
engadimos o abandono da actividade primaria temos todos os ingredientes.
Pola contra as
menores taxas de dependencia económica (é dicir, onde hai máis traballadores
para soster aos pensionistas e desempregados) rexistrábanse nos municipios limítrofes
con Santiago (Ames, Oroso e Teo) e A Coruña (Cambre, Culleredo, Arteixo e
Oleiros). Ente os dez primeiros figuran tamén Barbadás, Salceda de Caselas e
Ribadumia. Das sete cidades, só Ferrol presentaba unha porcentaxe negativa. Fronte aos máis de 15.400 pensionistas que vivían na cidade e os 4.728
parados, a urbe naval contaba con só 18.594 traballadores en alta.
Moi diferente á proporción que presentaba a veciña Narón, onde había apenas 9.940
xubilados e desempregados fronte a máis de 13.900 ocupados.
Na comarca de
Ordes só Oroso tiña una porcentaxe superior ao 50 %. A maioría dos concellos non
pasaban do 20 %, agás Ordes con 35 %.
O único
concello con menos traballadores que pensionistas e parados era o de Tordoia,
habitual líder comarcal na perda de pobación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario