lunes, 26 de enero de 2026

3º Concurso de Tractoristas


  Xa temos dito que os concursos de habilidade con tractores foron un dos métodos de promoción da mecanización no agro galego.
  O domingo 10 de maio de 1964 baixo un sol abrasador tivo lugar no Paraíso o Terceiro Concurso Provincial de Tractoristas organizado pola Cámara Oficial Sindical Agraria da Coruña e patrocinado por Andrés Conde Vázquez (empresa que tiña unha granxa-escola e a concesión para Galicia da venda de tractores Ebro e Fordson).
  Era o primeiro destes eventos que se celebraba lonxe da capital provincial. Nesta ocasión participaron 33 tractoristas. Deles, 9 eran do concello de Ordes e 10 doutros municipios da comarca. Dos outros 14, 6 eran de Coristanco e o resto doutros lugares.
  A festividade dominical e o bo tempo propiciou un gran éxito de público. O campo de probas estaba rodeado de xente procedente de toda a comarca.
 
  Ás 11 da mañá rematou o tempo de inscrición e, unha vez pechadas as listas, comezou a exhibición. A primeira proba desenvolveuse en tres pistas de 30 metros con doce postes intermedios. Nela quedaban eliminados os dous terzos dos concursantes menos hábiles.
  O gañador foi o ordense Manuel Mosquera. Os outros 10 concursantes que superaron a proba foron: Benito Paris, Pedro Barbeito, Benigno Cancela, Vicente Lodeiro, José Rodríguez, José Silveira, Manuel Rey, Manuel Areoso, José Prado e Ramón Lariño Suárez (que non estaba ao principio na lista de participantes).
  A segunda proba, levando remolque, foi espectacular e nalgúns momentos oíronse enormes ovacións. Nese momento chegou o gobernador civil Evaristo Martín Freire, acompañado do conselleiro nacional do Movemento Rafael Salgado Torres. Outras personalidades que estaban presentes eran o delegado provincial de sindicatos Luis Segura Marcos, o presidente da Cámara Oficial Sindical Agraria da provincia Antonio Bello Vizoso, o xerente da Unión de Cooperativas do campo Enrique Santos Bugallo e o enxeñeiro xefe do Centro Galego de Investigacións Agronómicas Antonio Moreno. Entre as autoridades locais estaba o alcalde Juan Liñares, o xefe da Irmandade de Labradores Antonio Concheiro e o funcionario municipal Laureano Iglesias del Río.
  A proba final da que sairía a clasificación definitiva foi de arada co chamado "arado toupa". Nela puntuaba tanto o tempo como a perfección do rego. O gañador final foi o carralense de Cañás Benito París, seguido de José Rodríguez Pulleiro de Mercurín e de Pedro Barbeito Barbeito de Abegondo. O resto dos 11 finalistas tamén levou un trofeo e todos os participantes tiveron unha compensación económica de 100 pesetas. Benito París embolsouse mil pesetas, a copa do gobernador civil e o trofeo "Mosa" de Barreiros Diesel, José Rodríguez levou 750 pesetas e Pedro Barbeito 500.
 

  O xurado estivo formado polos enxeñeiros agrónomos Antonio Moreno, Ángel Mainer e Gregorio Santaolalla, o secretario da Cámara Antonio Ramos e os xuíces de campo Mariño Cea, Sebastián Castro, Veiga López e Rodríguez Ascariz. O xefe de pista foi Romero González, representante da firma patrocinadora.
  Ás tres da tarde concluíu o acto entre os aplausos do público.
 

PARTICIPANTES NO CONCURSO

Manuel Rey Chico (Beán, Ordes)

Vicente Lodeiro Rosende (Lesta)

José Prado Moure (Reboredo, Ordes)

José Rodríguez Pulleiro (Mercurín)

Manuel Rodríguez Castro (Mercurín)

Manuel Areoso Ríos (Gorgullos)

Avelino Gª Puentes (Andoio, Tordoia)

Jesús Manteiga Míguez (Visantoña)

José Castro Pena (Campo, Trazo)

David Noya López (Xavestre, Trazo)

Pedro Barbeito Barbeito (Abegondo)

Gabriel Vieites Vázquez (Vizoño)

Manuel Quintela Rodr. (Coristanco)

José Martínez Bello (Lesta, Ordes)

Antonio Sánchez Suárez (Barbeiros)

Emilio Rodríguez Pulleiro (Mercurín)

Manuel Mosquera Mosquera (Ordes)

José Vilariño Couselo (Gorgullos)

José Silveira Juncal (Tordoia)

Jesús Vaamonde González (Visantoña)

Jesús Docampo Boquete (Campo)

Santiago Muiño Rúa (Vilouchada)

Benito París Rodríguez (Cañás, Carral)

José Mª Cruz Rábade (Betanzos)

José Barca Fernández (Coristanco)

José Álvarez Collazo (Coristanco)

Manuel Rodr. Cambre (Coristanco)

Benigno Cancela García (Coristanco)

José Pichel Barca (Coristanco)

Manuel Leis Señarís (Noia)

Carlos Barbosa Seoane (A Coruña)

José Ramón Ces Ces (Lousame)

Antonio Vázquez Bello (Mesoiro)

miércoles, 21 de enero de 2026

Volantazo no Bloque ordense

  En 2013 a noticia máis importante no ámbito da política ordense foi o cambio de rumbo que sufriu o BNG: os seus dous concelleiros, Gonzalo Castro e Montserrat Rei presentaron a súa renuncia.
 
 
  Pero... como se chegou a esta situación? Fagamos historia.
  O entón BNPG naceu en Ordes no lonxano 1979 cando presentou unha lista nas eleccións municipais, pero só acadou 155 votos e ningún concelleiro, o que provocou a súa desaparición durante moitos anos.
  Ao redor de 1994 o bloque era un partido en auxe, liderado por un carismático Xosé Manuel Beiras. Un concorrido mitin celebrado na biblioteca, que por entón estaba nos baixos do concello, foi o primeiro impulso para a creación dunha asemblea local. O partido púxose en contacto cos membros de ARO e estes constituíron a inmensa maioría dos seus primeiros militantes. Eran mozos menores de 25 anos, agás o matrimonio de profesores formado por Francesco Traficante e Rosario Fernández Charo. As súas reunións tiñan lugar no Restaurante Labarada e o primeiro responsable local foi Carlos Garabato.
  Escusado é dicir que as súas ideas eran bastante radicais, o que non auguraba un gran futuro electoral. O asunto cambiou cando se uniu Ramiro Recouso, que sería novo responsable, e posteriormente Victorino Cores de Montaos e Manuel Recouso de Parada, que daban un plus de madurez ao proxecto.
  As eleccións de 1995 foron un enorme éxito: o BNG ordense logrou 4 concelleiros, por 3 o PSOE. Ordes foi o precursor do "sorpasso" que dous anos despois se produciría nas eleccións galegas. Pero isto no trouxo a felicidade á asemblea, fracturada en dúas correntes, a oficialista que seguía as consignas da UPG e a más libertaria dos antigos integrantes da ARO.
  As eleccións de 1999 debían traer a paz, pero a confección das listas foi un axuste de contas e un inxustificable maltrato á figura de Victorino Cores. A entrada no número dous de Avelino Candal do Mesón non fixo que o BNG pasara dos 4 aos 6 concelleiros que esperaba. A decepción foi enorme e provocou a saída masiva (aínda que silenciosa) da maioría dos ex-ARO. Pouco despois Victorino tamén desertou dun lugar onde non era querido para unirse á coalición de goberno.
 
  O BNG quedaba consolidado pero o impulso que levaba perdeuse naquela lexislatura. Nas seguintes eleccións de 2003 con Ramiro, Avelino e Mª Xosé Raña de Nº 3, o BNG tivo 1.693 votos e perdeu un dos 4 concelleiros que tiña, malia volver a ser 2ª forza, escaso consolo diante da maioría absoluta de Teodosio Martino. Aquí veu o primeiro cambio de rumbo: Ramiro decatouse de que ese barco non ía a ningún lado e en xaneiro de 2004 fíxose a un lado, renunciando non só á portavocía (da que se fixo cargo Avelino) senón tamén ao seu posto na corporación onde foi substituído por Manuel Recouso. No seu adeus recoñeceu que o Bloque necesitaba unha renovación e que era hora de buscar un candidato para as próximas eleccións.
  En setembro do 2006 decidiuse que o candidato ideal sería Gonzalo Castro Prado, un home do réxime pero con "talante", non obstante coa eiva de ser moi pouco coñecido en xeral por nacer e residir na Coruña. O seguinte en baixar da primeira liña foi Avelino, así que Gonzalo quedou como clara cabeza do partido. Despois dunha campaña para darse a coñecer, as cousas non pintaban ben e o Bloque botou man de novo da vella garda. Ramiro (sen dúbida presionado pola UPG) e Avelino acompañarían como 3 e 4 a Gonzalo e a Mª Xosé Raña.
  As eleccións de 2007 (as do furacán UxO) deixaron ao BNG con 3 concelleiros. Só baixara un con respecto á anterior lexislatura, pero a sensación era de quedar fóra de xogo e lonxe de ser alternativa. Se isto parecía malo, as cousas empeoraron aínda máis nas eleccións de 2011. Agora Gonzalo ía acompañado por Montse Rei Patiño, bióloga e responsable de ADEGA na comarca de Ordes. Os resultados foron decepcionantes e unicamente lograron as súas dúas actas.
  A conclusión era clara: o BNG en Ordes era un partido de nicho e só o votaban os fieis, cousa que valía para ter presenza e facer ruído pero non para medrar e chegar a ser unha alternativa. Necesitábase un gran golpe de temón.
 
  Con esta premisa non pode sorprender que ambos os dous formalizaran o venres 19 de abril do 2013 a súa renuncia á acta de edís no rexistro do Concello. As razóns que deron foron de tipo persoal e de falta de tempo, pero claramente a UPG perdera a confianza en Zalo, que por certo acabaría formando parte do PSOE coruñés e borrando do seu currículo os anos en Ordes.
  O substituto volvería a ser o incombustible Ramiro, agora acompañado do responsable de Galiza Nova, o mozo de 27 anos Pablo Vidal Ríos.
  As eleccións do 2015, nas que chegou á alcaldía Martís, devolverían ao Bloque á senda do crecemento, acadando tres concelleiros: Ramiro (pelexando contra a enfermidade), Pablo (o futuro lider) e Paula Castenda Blanco.

sábado, 17 de enero de 2026

Escudos na igrexa de Galegos


  O primeiro escudo que podemos ver na igrexa de San Martiño de Galegos está na clave do arco que separa a nave do presbiterio. Está bastante desgastado pero pódense observar con certa clarirade as cinco cabezas de lobo da familia Mosquera (que dan fe da súa relación cos Moscoso). Unha peculiaridade é que as cabezas miran cara a súa esquerda, ao contrario do que é habitual, cousa que tamén sucede no escudo que está no pazo de Galegos.
 

  Xa no presbiterio, nos dous muros laterais hai dous grandes retablos pétreos que conteñen as tumbas de don Gómez Mosquera Pimentel (muro norte) e da súa esposa Dª María Enríquez (muro sur). No centro dos retablos destacan uns escudos sumamente adornados e coroados duns helmos que miran cara á súa dereita.
  O da esquerda, o de don Gómez Mosquera ten aparentemente catro cuarteis. No primeiro volvemos a ver as cinco cabezas de lobo da linaxe Mosquera (que manteñen a mesma orientación que no escudo do arco). O segundo e o terceiro corresponden aos Pimentel, cuxo escudo constaba de 5 cunchas de prata en campo de sinople (cor verde) e, doutra banda, de tres faixas de goles (cor vermella) en campo dourado. O último cuartel representa á moi coñecida familia Andrade coa súa habitual faixa de dragantes. Non obstante aínda quedan o gran M cunha coroa que aparece na punta e que alude aos Montenegro e as cinco cunchas de vieira que están colocadas na cruz que cuartela o escudo e que representan aos Ribadeneira, cuxas armas eran esas cinco cunchas de prata sobre unha cruz flordelisada de goles (cor vermella), as veces sobre fondo branco e outras veces en campo de ouro e con tres ondas de auga por debaixo.
 
 
  No escudo da dereita, o  de dona María Enríquez, vemos no primeiro cuartel unha torre de prata e nas ameas unha aguia de sable (negra) sobre fondo de azur que corresponde á linaxe dos Novoa. No segundo está o escudo mantelado dos Henríquez ou Enríquez, que presenta dous castelos de ouro sobre fondo de goles e abaixo un león de cor púrpura en campo de prata. No terceiro cuartel vemos as armas dos Quirós, dúas chaves e seis luneis de goles en orla en campo de azur, e no cuarto as cinco lúas crecentes (pero horizontais) en campo de azur dos Ambía. No medio do terceiro e cuarto cuartel hai outro escudo máis pequeno que representa á familia Villar e que consta dunhas bandas diagonais que alternan goles e prata.
 

martes, 13 de enero de 2026

Accidentes en 1964

  Dos varios accidentes que se produciron no ano 1964 dous impactaron especialmente no Mesón do Vento.
 
  O primeiro tivo lugar o luns 9 de marzo na Coruña ás 9 da noite. Unha furgoneta tipo DKW que trataba de apartarse dun trolebús alcanzou a unha señora maior que andaba polo bordo da calzada na Avenida de Finisterre. O condutor deuse á fuga e a muller foi socorrida e trasladada á casa de Socorro de Catro Camiños e despois ao Hospital Municipal onde faleceu ao pouco tempo. Ás tres da madrugada sóubose a súa identidade: María Candal Garaboa de 61 anos de idade, natural de Vizoño (Abegondo) aínda que vivía na Coruña (preto do lugar da súa morte) e traballaba como mestra nacional no Mesón. O seu marido, que era condutor da empresa Castromil, preocupado ao non saber nada dela, estaba a buscala e desgraciadamente achouna morta no depósito do hospital. O condutor da furgoneta foi buscado activamente e o dato que achegaron as testemuñas de que as dúas primeiras cifras da matrícula eran 27 permitiu atopalo xa ao día seguinte. Tratábase de Guillermo López de 59 anos, un chofer profesional que levaba obreiros á refinería. Aquel día pasárase co acohol, ata o punto de que os 5 obreiros que transportaba baixaron do vehículo antes do accidente ao ver o seu estado. Foi acusado de imprudencia temeraria e ingresou no cárcere mentres María era soterrada no cemiterio da Coruña.
 

  O segundo accidente tivo lugar o mércores 19 de abril (o mesmo día no que morreu en Madrid o escritor Wenceslao Fernández Flórez) e non foi de tráfico terrestre senón aéreo. Ás 3 da tarde saíu de Lavacolla unha avioneta pertencente ao Aero Club de Santiago. Era o seu piloto Francisco Dorado y Aguilar, Marqués de Villanueva de la Sagra, un nobre moi coñecido, gran afeccionado á aviación, ata o punto de ter o título de piloto comercial. Acompañábao o seu amigo Antonio Ramos Vázquez, da coñecida familia Ramos do Mesón do Vento. Estaba solteiro e tiña 39 anos de idade.
  A pesar da extensa experiencia do marqués o voo acabou traxicamente. Segundo algunhas testemuñas a avioneta, que non levaba ningún tipo de aparato de comunicación, foi vista no val de Arteixo ás catro da tarde voando moi baixo e en círculos. Había moita néboa, o que dificultaba a visibilidade. Finalmente ás 6 menos cinco estrelouse no lugar de Galán, próximo a Vilarrodís na parroquia de Oseiro. No medio duns eucaliptos caeu ao chan e deu unha volta de campá. Algúns campesiños achegáronse e extraeron os corpos sen vida da avioneta por se se producía un incendio, pero non o houbo porque nela non quedaba nin unha pinga de combustible. Sen dúbida o marqués despistouse coa néboa e non logrou atopar ningún lugar axeitado para unha aterraxe de emerxencia.
  O suceso causou gran conmoción porque Francisco Dorado era unha celebridade na Coruña, cidade na que levaba vivindo só tres anos. Estaba casado con Mª Dolores de la Riva con quen tiña 3 fillos. Era copropietario das bodegas de la Riva e directivo do RC Deportivo a quen acompañara como delegado no seu último desprazamento a Pamplona. Pola súa banda Antonio era unha figura moi coñecida en Ordes ao formar parte da familia máis rica do Mesón do Vento.

sábado, 10 de enero de 2026

Os Moar de Barbeiros e Poulo

 Se ben a familia Moar máis coñecida é a de Buscás, hai máis xente con ese apelido no concello. Ignoro se teñen unha orixe común ou outra procedencia distinta, tal vez Frades.
 
 
  A maioría dos Moar de Barbeiros deben proceder de Enrique Moar (1858-1924) e da súa muller Antonia Suárez. O herdeiro foi José Moar Suárez (1879-1967) que casaría con Carmen Suárez -probablemente Carmen Suárez Paz (1872-1947)-. Con ela tería polo menos 7 fillos: Enrique, Dolores, María Antonia, Josefina, Manuela, Ricardo e Carmen Moar Suárez.
  Enrique Moar Suárez (1909-1992) casou con Mª José Suárez Botana (1912-1986), así que os seus fillos, Benedicto e María, tamén tiveron os mesmos apelidos.
  Dolores Moar Suárez (1913-1995) foi a máis coñecida na vila porque casou con Emilio Pérez Ramos (1904-1987) Emilio de Peres, que tiña unha taberna na prolongación dos Lagartos. Terían dúas fillas e un fillo: María, Dolores e José Pérez Moar.
  María Antonia e Josefina emigraron.
  Manuela Moar Sánchez (1919-2013) casou con Ramón Sánchez Couto da Maquía de Vilamaior, co que tivo dous fillos: José María e Mª Carmen.
  Ricardo Moar Suárez (1927-2022) casou con Amadora Veiras Rivas (1930-2014) coa que viviu en Fondo de Aldea (Barbeiros) e coa que tivo tres fillos. Mª José, José Antonio e José Manuel Moar Veiras.
  De Carmen non teño datos.
 
  En Ramil (Barbeiros) tamén viviu Manuel Moar Botana (1910-1994), casado con Josefa Veiras Martínez (1912-1997) coa que tivo 6 fillos (Tres deles nados no mesmo parto en 1948): José Manuel, Mª Dolores, Dolores Mª, Jesusa, Enrique e Antonio. Un irmán seu máis novo, Jesús Moar Botana, viviu en Sigüeiro e foi pai de José Mª e Manuel Moar Mosquera
 

  En Poulo viviron os irmáns Moar Graña (dous polo menos). O máis novo, Ricardo Moar Graña (1907-1989), viviu na Rúa de Buscás a carón do seu sobriño Antonio e non tivo descendencia. En cambio Antonio Moar Graña (1899-1985) casou con Josefa Figueira Liste (1905-1977), coa que viviu en Pardiñas e coa que tivo 5 fillos: María, José, Ricardo, Aurora e Antonio Moar Figueira.
  María Moar Figueira (1925-1974) a maior tivo un fillo de solteira aos 22 anos. Foi o membro máis coñecido da familia, o construtor José Moar Figueira (1947-2022) que viviu no Paraíso e casou con Mª Dolores Tobío Areoso, filla de Eusebio Tobío e de Jesusa Areoso, coa que tivo dous fillos. O maior, Alberto, tamén é moi coñecido porque traballa nas oficinas do Concello e casou con Chus Areoso, filla de Domingo Antonio Areoso do Piñeiro. O segundo irmán, Manuel María, morreu nun accidente aos 24 anos de idade.
  José (1928-1957) e Ricardo (1930-1991) emigraron á Coruña e alí viven os seus descendentes.
  Aurora Moar Figueira casou co carteiro de Buscás Rogelio Manteiga Noya (1930-2020) con quen viviu na Rúa. Tiveron un único fillo, José Carlos Manteiga, que reside no Quenllo coa súa muller María del Mar Candal Gómez.
  Antonio Moar Figueira (1943-2010) casou con Plácida Iglesias Gaudeoso (1942-2025) coa que tamén viviu na Rúa. Tiveron catro fillos: Mª Dolores, Juan Manuel, Ana Belén e Fernando Moar Iglesias.
 

martes, 6 de enero de 2026

Poboación da comarca 2025


  O ano 2023 foi unha sorpresa total no ámbito da poboación: por primeira vez en moitos anos a comarca gañou novos habitantes. Si, foron só 64, pero acostumados a anos de descenso permanente, ese pequeno número soubo a gloria. 2024 confirmou que aquela subida non fora algo puntual. Os números (120 novos habitantes) volveron a ser modestos pero mellor iso que nada.
  2025 continuou coa tendencia, rexistrando 184 novos habitantes, así que a poboación total da comarca a 1 de xaneiro de 2025 era de 36.504 habitantes (48,3 habitantes / km cadrado).
  Pero coma sempre a responsabilidade dese aumento recaeu nos tres concellos centrais (Cerceda, Ordes e Oroso), aos que nesta ocasión uníuselles Trazo. Tanto en termos absolutos como relativos Ordes superou a Oroso que era habitualmente o concello máis dinámico. Mentres Ordes aumentou en 218 almas (un 1,7 %) Oroso apenas medrou e ata se viu superado por Cerceda.
  Doutra banda os concellos periféricos (agás Trazo) volveron a perder habitantes. Como líder negativo repetiu Frades que nos dous últimos anos perdeu case o 6% da súa poboación.
 
  E de propina aquí tedes tamén a poboación dos principais concellos de Galicia.

jueves, 1 de enero de 2026

San Martiño de Galegos

 
  A igrexa de San Martiño de Galegos, a carón do campo da festa (onde está o cruceiro) e da fraga do Petón, é unha construción de aspecto moi compacto e de aproximadamente uns 150 metros cadrados (un tamaño medio na comarca). Unha pequena sancristía de case 25 metros cadrados que sobresae polo lado norte dalle unha planta con forma de L moi típica na zona.
  Data dos séculos XVII-XVIII. A fábrica é maioritariamente de cachotería revocada e pintada de cor branca. De punta a punta ten uns 16 metros de lonxitude. Na ábsida, presumiblemente a parte máis antiga, hai grandes bloques graníticos que son deixados sen revocar creando un bonito efecto estético. Na sancristía lateral pasa o mesmo pero neste caso con longos bloques de xisto da comarca.
 

  A fachada, duns 7 metros de anchura, está pintada de cor branca, agás un zócalo e os laterais que están pintados de gris. Destacan tres bufardos verticais tamén co bordo de cor gris. Os dous laterais están adornados dunha cruz igualmente pintada de gris.
  A fachada remata nunha espadana de dous ocos e un pequeno tellado, que xunto coa cor branca dalle á igrexa un aspecto máis propio do sur de España ou de Portugal que da comarca.
 
 
  No interior, tamén pintado de cor branca, hai unha nave bastante pequena cun arco triunfal de medio punto que da paso a un presbiterio máis grande do habitual. Na clave do arco hai un escudo coas 5 cabezas de lobo dos Mosquera.
  O muro detrás do altar está adornado cun moi sinxelo retablo gótico de madeira no que podemos ver a San Martiño no medio, flanqueado por San Francisco e San Antón. Nos laterais hai dúas figuras máis grandes: un San Xoán Bautista e unha Virxe do Carme. Na parte alta un Cristo con túnica branca e manto vermello.
 

  Nos laterais do presbiterio destacan dous grandes retablos pétreos que corresponden aos enterramentos do señor do pazo de Galegos don Gómez Mosquera Pimentel (muro norte) e da súa esposa Dª María Enríquez (muro sur). Son de cantería granítica, formados por un alto zócalo con ménsulas acanaladas no que repousa un arco de medio punto, sobre pilastras con imposta. Este arco está flanqueado por dobres pilastras acanaladas e refundidas. O coroamento é un friso clásico con triglifos. No medio do arco os escudos de armas dos dous esposos.
  Debaixo unhas lousas nas que se pode ler:
 "ENTIERRO DE D GOMEZ MOSQQª PIMENTEL RIBADENEIRA Sr DE LA CASA DE LODOIRA SOLAR DE LOS MOSQUERAS CABO DE LAS MILICIAS DE MEGIA HIZOSE ANO DE 1662".
"Entierro de dª MarIa EnrIquez de Noboa QuirOs y Sotomaior Sª de la casa y fortaleza de a Mariz y su jurisdiciOn mujer de GOmez Pimentel HIZOSE ANO DE 1662".