Dos varios accidentes que se produciron no ano 1964 dous impactaron especialmente no Mesón do Vento.
O primeiro tivo lugar o luns 9 de marzo na
Coruña ás 9 da noite. Unha furgoneta tipo DKW que trataba de apartarse dun
trolebús alcanzou a unha señora maior que andaba polo bordo da calzada na Avenida de Finisterre. O condutor deuse
á fuga e a muller foi socorrida e trasladada á casa de Socorro de Catro Camiños
e despois ao Hospital Municipal onde faleceu ao pouco tempo. Ás tres da
madrugada sóubose a súa identidade: María Candal Garaboa
de 61 anos de idade, natural de Vizoño (Abegondo) aínda que vivía na
Coruña (preto do lugar da súa morte) e traballaba como mestra nacional no
Mesón. O seu marido, que era condutor da empresa Castromil, preocupado ao non
saber nada dela, estaba a buscala e desgraciadamente achouna morta no depósito
do hospital. O condutor da furgoneta foi buscado activamente e o dato que
achegaron as testemuñas de que as dúas primeiras cifras da matrícula eran 27
permitiu atopalo xa ao día seguinte. Tratábase de Guillermo López de 59 anos,
un chofer profesional que levaba obreiros á refinería. Aquel día pasárase co
acohol, ata o punto de que os 5 obreiros que transportaba baixaron do vehículo
antes do accidente ao ver o seu estado. Foi acusado de imprudencia temeraria e
ingresou no cárcere mentres María era soterrada no cemiterio da Coruña.
O segundo accidente tivo lugar o mércores 19
de abril (o mesmo día no que morreu en Madrid o escritor Wenceslao Fernández Flórez) e non foi de tráfico terrestre senón aéreo. Ás 3 da tarde saíu de
Lavacolla unha avioneta pertencente ao Aero Club de Santiago. Era o seu piloto Francisco
Dorado y Aguilar, Marqués de Villanueva de la Sagra, un nobre moi
coñecido, gran afeccionado á aviación, ata o punto de ter o título de piloto
comercial. Acompañábao o seu amigo Antonio Ramos Vázquez, da coñecida familia Ramos do Mesón do Vento. Estaba
solteiro e tiña 39 anos de idade.
A pesar da extensa experiencia do marqués o
voo acabou traxicamente. Segundo algunhas testemuñas a avioneta, que non levaba
ningún tipo de aparato de comunicación, foi vista no val de Arteixo ás catro da
tarde voando moi baixo e en círculos. Había moita néboa, o que dificultaba a
visibilidade. Finalmente ás 6 menos cinco estrelouse no lugar de Galán, próximo
a Vilarrodís na parroquia de Oseiro. No medio duns eucaliptos caeu ao chan e
deu unha volta de campá. Algúns campesiños achegáronse e extraeron os corpos
sen vida da avioneta por se se producía un incendio, pero non o houbo porque
nela non quedaba nin unha pinga de combustible. Sen dúbida o marqués
despistouse coa néboa e non logrou atopar ningún lugar axeitado para unha
aterraxe de emerxencia.
O suceso causou gran conmoción porque
Francisco Dorado era unha celebridade na Coruña, cidade na que levaba vivindo
só tres anos. Estaba casado con Mª
Dolores de la Riva con quen tiña 3 fillos. Era copropietario das bodegas de la
Riva e directivo do RC Deportivo a quen acompañara como delegado no seu último
desprazamento a Pamplona. Pola súa banda Antonio era unha figura moi coñecida en
Ordes ao formar parte da familia máis rica do Mesón do Vento.


No hay comentarios:
Publicar un comentario