En 1814 gobernaba con man de ferro o absolutista Fernando VII. O Mariscal de
Campo Juan Díaz Porlier, militar
liberal de 27 anos casado con Josefa
Queipo de Llano y Ruiz de Saravia, irmá do Conde de Toreno, ía cumprir unha
condena de catro anos no castelo de S. Antón, suspendido de emprego e coa
metade do soldo. Con todo concedéuselle un permiso ao alegar a necesidade de
recuperase de certas doenzas e foi escoltado ata o balneario de Arteixo, onde o
esperaba a súa esposa. Porlier fuxiu do balneario e escondeuse na aldea de
Pastoriza, protexido por un adiñeirado liberal chamado Andrés Rojo del Cañizal.
Durante un
mes, Porlier planeou e preparou o pronunciamento. Na noite do 18 ao 19 de setembro de 1815, sobre a unha da
madrugada, Porlier entrou na Coruña e procedeu á detención das autoridades,
asumindo o mando da praza e proclamando a Constitución
de 1812.
O 21 de setembro, á fronte de varios
corpos sublevados que sumaban 864 homes, dirixiuse a Santiago de Compostela con
intención de que as autoridades e corpos militares alí acuartelados se unisen
ao pronunciamento. Entre tanto, as tropas reunidas en Santiago polo arcebispo Rafael de Múzquiz y Aldunate e o
xeneral Pesci avanzaron ata Sigüeiro
baixo as ordes do xeneral don José
Javier de Imaz y Altolaguirre, naquel momento comandante militar daquela
praza.
Nun descanso no camiño, no Mesón de Deus, ou de Viqueira como
tamén se lle coñecía, mentres escribía á beira do lume, Porlier foi traizoado
por un grupo de 39 sarxentos do 6º Rexemento de Mariña comprados por un axente
infiltrado na columna. Os sarxentos mandados por Antonio Chacón logran tomalo prisioneiro xunto cos
seus oficiais. As súas tropas, ao verse sen xefes, non ofreceron resistencia. A
acción comezou cara ás 10 da noite e ás dúas e media da madrugada o sarxento 2º
Juan Félix Chaves, da 1ª compañía de cazadores de mariña foi enviado cun aviso
para o xeneral Imaz, no que se lle poñía ao corrente do acontecido.
Nas primeiras horas do día 22 Porlier foi detido polo xuíz don Tomás Antonio de la Iglesia á fronte dun grupo de paisanos da
xurisdición de Folgoso. Foi trasladado de novo á
Coruña e é encerrado no Cárcere Real e o Capitán xeneral Felipe de Saint Marq procedeu a iniciar a causa xudicial. O 22 de
setembro iniciáronse os interrogatorios e o 26 foi degradado e condenado á
forca.
Días despois,
o 3 de outubro, morreu no patíbulo elevado no Campo da Leña (Praza de España)
en Coruña. Unha estatua recórdao hoxe no lugar.
O 17 de setembro de 2016 houbo en Ordes unha homenaxe á súa figura. No acto tamén houbo un apartado para a Costa da Morte xa que Porlier participou no combate naval de Fisterra en 1805. Falou deste tema o escritor de Ponte do Porto e colaborador de Adiante Galicia, Rafael Lema. Ademais, a cita contou tamén coa presenza do investigador naval Francisco Patricio Cortizo.
A comitiva
fixo un roteiro histórico ata o castro de Casal e o campo de Vilaverde onde
acampou a columna libertaria. Houbo unha pequena recreación histórica con
traxes de época e cabalería, e posteriormente varios escritores galegos, entre
eles Lema, Cortizo e José Jacobo Ríos
(escritor ordense, autor de "El inmenso mar de los olvidados"),
trataron sobre a biografia do militar constitucionalista, para finalizar cun
cantar de cego. O colofón aos actos foi unha cea conmemorativa no Mesón de Deus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario