sábado, 22 de octubre de 2016

A Batalla de Sigüeiro

  En 1846, reinando Isabel II, tivo lugar o 2º (e máis importante) pronunciamento en Galicia. O líder dos sublevados foi o militar liberal Miguel Solís y Cuetos que se alzou contra o goberno do Partido Moderado do xeneral Ramón Mª Narváez. Colaboraron con Solís os galeguistas (entón denominados "provincialistas" -por pedir que Galicia fose unha única provincia-) encabezados por Antolín Faraldo Asorey
  Podedes ver unha ampla explicación no seguinte enlace.

  Un dos episodios que atinxen á nosa comarca e que habitualmente é pasado por alto é a Batalla de Sigüeiro.
  Despois de que Solís se trasladase de Lugo a Santiago, onde se uniu o batallón universitario (uns 300 estudantes sen formación militar) aos tres batallóns e un escuadrón de cabalería cos que contaba, achegouse o 8 de abril a Sigüeiro.
  Alí estaba o exército gobernamental ao mando de Francisco Puig Samper. A tarde dese 8 de abril non hai tiros nin batalla, simplemente arengas. Solís intentou convencer ás tropas leales ao goberno para que cambiasen de opinión e non o logrou. Posteriormente declararía que "puido vencelas pero non quería verter sangue", así que retirouse cara a Santiago.
  O 13 de abril tivo lugar a verdadeira batalla. Ás 12 e media as tropas de Solís avanzan cara ao río. Puig Samper tiña un batallón do lado sur do Tambre, ocupando a fábrica de curtidos Santaló. Tamén tiña dúas pezas de artillería e un obús na ponte e unha compañía do rexemento Zamora máis gardas civís no lado norte do río en previsión de que os sublevados vadeasen o río e o atacasen polas costas.
  Os enfrentamentos comezan co ataque á fábrica de curtidos. Ata tres veces son rexeitados os sublevados. Ás 3 da tarde Puig Samper informa á Capitanía Xeneral da Coruña que leva dúas horas resistindo e reclama reforzos e munición.
  Ás 4 e media Solís, desalentado por non lograr avanzar, decidiu cesar o fogo. Parece que a súa idea era vadear o Tambre durante a noite para continuar loitando o día seguinte pero a choiva e o frío fixéronlle cambiar os planos e volver a Santiago.
  Así rematou esta batalla con 2 mortes máis 10 feridos graves no bando gobernamental e preto de 100 baixas no bando dos sublevados.
  Puig Samper, desconfiado da retirada de Solís, mandou derrubar a Ponte Carollo en Cardama. Logo retirouse cara á Coruña. Pasa por Ordes onde envía a súa renuncia por motivos de saúde. As tropas exhaustas repártense entre Vilaboa, Alvedro e o Portazgo.

  Mentres, o día 14 tiña entrado en Galicia o exército ao mando do xeneral José Gutiérrez de La Concha que posteriormente enfrontaría e derrotaría a Solís na Batalla de Cacheiras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario