Como dicía a popular canción de Aventura "Ya no es amor, es una obsesión
...".
Os protagonistas, o cercedense José Cabeza Grela, máis coñecido como Pepe
Mallo, que na súa mocidade chegou a xogar no filial do Deportivo e Mª del Sagrario Anunciación Dovale Ferreira,
farmacéutica na Coruña.
José
coñeceu a Sagrario o día que se hospedou na pensión que rexentaban os pais
dela, alá por 1975, e a primeira vista caeu rendidamente namorado. Quizá sexa
conveniente engadir aquí que Sagrario era unha rapariga agradable pero de
físico moi normal, metro setenta, forte complexión e pelo escuro e rizado.
Sagrario marchou a estudar a Compostela e Pepe perdeuna de vista pero un
día descubriuna detrás do mostrador dunha botica, convertida en farmacéutica
titular. Aí Pepe comezou a roldala, escribirlle cartas, seguila, chamala por
teléfono e adquirir compulsivamente na botica remedios para os seus moitos e
imaxinarios males. Aínda que ela nunca tivo con el máis conversacións que as
típicas das transaccións comerciais, o amor de Pepe medrou día a día,
tristemente non correspondido. Nin sequera desapareceu co casamento da súa
amada.
Finalmente
en 1987 decidiu publicar un libro coas moitas cartas que lle tiña enviado, a
primeira de xaneiro de 1984: “Querida y
apreciable sagrario; te escribo estas letras, esperando que al recibo de ellas
te encuentres bien, en compañía de tu familia, deseándote un año próspero y
feliz.”
Alucinantemente logrou que o valente profesor Aller Bermúdez, prologara o libro manifestándose perplexo: “Ante
lo hecho por el autor, que hoy presentamos, podríamos preguntarnos: ¿Es Cabeza
un escritor?
O libro, chamado "El
amor universal", autoeditado polo
autor (Que remedio!) acabou coa enorme paciencia de Sagrario, que respondeu
cunha demanda ante o xulgado por lesión dos seus dereitos á honra e intimidade.
O xuíz deulle a razón e ordenou o secuestro dos 500 exemplares. A literatura
galega en castelán tardará en recuperarse desa dolorosa amputación.
O suceso foi moi famoso a
finais dos 80 e chegou á prensa nacional. Sagrario viviu unha fama non desexada
compensada cun aumento da clientela na súa farmacia da Avenida de Arteixo.
E Pepe? ... Atopou outro amor? Aparentemente si,
porque en 1994 publicou outro libro epistolar, "Me
confieso con Ana" -do que posúo un dos
exemplares, con dedicatoria do autor- coas cartas que lle escribiu a unha tal
Ana, sospeitosamente parecida a Sagrario.
Como é o libro? Impagable. Só unha pequena mostra: "Mi amada Ana. Me alegró mucho
conocerte y poder hablar contigo, me gustaste al verte y tuve que decírtelo; me
gusta tu cuerpo, tus piernas, tu cara, tu pelo, tus ojos, tus labios, tus
dientes y tu manera de hablar y andar".
No hay comentarios:
Publicar un comentario