martes, 29 de abril de 2025

Manuel Garea Villaverde

  Manuel Garea Villaverde é outro dos ordenses "por accidente". O seu pai foi o entón sarxento da Garda Civil Jesús Garea Pintor (m.1970) que nos anos 30 era comandante do posto de Sigüeiro. Jesús casou cunha moza da familia dos Villaverdes do Piñeiro, Dolores Villaverde Mosquera (1905-1981) coa que tería catro fillos: Jesús, Manuel, Mª Dolores e Pedro Garea Villaverde.
  Manuel naceu en 1930 e viviu os seus primeiros anos en Ordes, pero pronto o seu pai foi trasladado a Noia, vila na que pasou a súa adolescencia e coa que sentiu a vinculación máis forte ata o punto de ir todos os veráns, coñecer á que sería a súa muller e ser por fin o seu fogar de retiro.
 
  Ao igual que o seu pai e o seu irmán Jesús, tivo claro desde moi novo que quería ser garda civil. A familia sufriu varios traslados pero cando chegou á maioría de idade ingresou na Academia Militar de Zaragora, da que saíu como número un da décima promoción. A súa formación continuou en Madrid, onde formou parte do primeiro grupo de axentes que pasou polas aulas da Academia especial da Garda Civil.
  O seu primeiro destino sería Santander e, despois de pasar por un par de cidades máis, en 1959 regresou a Noia. Alí coñeceu á moza María García-Malvar Mariño de moi distinguida familia, pois era filla do médico, abogado e xuíz comarcal (xa falecido en 1955) Ramón García Malvar e de Josefina Mariño Barbazán (filla de Ramón Mariño Neu, médico e ex-alcalde de Noia nos anos 20). A súa historia de amor fixo que Manuel renunciara a un ambicioso proxecto que o ía levar a Ámerica do Sur para crear alí un corpo da Garda Civil.
  Decidiu non facer a maleta e casou con Marita en setembro de 1960. Con ela tivo tres fillos: Manuel, María José e Ángeles Garea García-Malvar. Esta última faleceu con 35 anos de idade no ano 2001.
  Residiron en Pontevedra, San Sebastián e Valladolid, onde se retirou, aínda que seguiría varios anos máis como profesor da Academia de Cabaleiría desta cidade.
  Nos anos 70 co grao de tenente coronel era primeiro xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. En 1978 foi protagonista dunha acción na que a punta de pistola (e de bomba) detivo a unha parella de terroristas do Grapo e salvou a vida dun compañeiro. No ano 1981 morreu a súa nai que vivía na Fonte Estrei, momento a partir do cal Manuel xa deixou de vir á vila ordense.
  O seu amor por Noia fixo que despois do retiro o matrimonio se establecese alí. Segundo o seu fillo, Manuel era moi afeccionado ao tenis, á lectura e a coidar as árbores do xardín. Sempre foi moi activo, mesmo cando xa tiña unha idade avanzada.  
  Faleceu o 20 de febreiro de 2024 aos 93 anos de idade e os seus restos repousan no cemiterio parroquial de Santa María a Nova de Noia xunto aos da súa filla.  

sábado, 26 de abril de 2025

Ao final da escapada

  Que fermosos son os anos de xuventude, cando un cre que o ten todo ao seu alcance e non se preocupa por cousas tan mundanas como perigos ou consecuencias indesexadas. Son anos bonitos que non se esquencen, pero ás veces non son tan bonitos para as persoas que teñen que coidar desa xente nova.
 
 
A noticia máis rechamante de finais do ano 2009 en Ordes foi a desparición de Eva Calvo, unha adolescente de 16 anos de Gouzón (Leira).
  Eva estudaba nunha academia de perruquería de Santiago, motivo polo que xunto a uns preciosos ollos claros o que máis chamaba a atención dela era a cor do seu cabelo. O venres 20 de novembro foi coma sempre á academia e xa non volveu. Sobre as dúas da tarde chamou á súa nai dicíndolle que perdera o autobús e que chegaría máis tarde. Logo o silencio.
 
  Cando non apareceu, a familia chamou aos dous móbiles que tiña, pero non houbo contestación. O primeiro que pensaron foi  que era unha gamberrada, motivo polo que esperaron un tempo a ver se volvía, pero como iso non sucedeu denunciaron a desaparición no cuartel da Garda Civil o domingo 21. Pouco despois souberon que Germán, o mozo de Eva, outro adolescente de 15 anos residente en Ordes, tamén desaparecera dando as mesmas excusas.
  Iso daba un pouco de tranquilidade porque descartaba un accidente ou un rapto, pero as horas ían pasando sen novidades e a angustia medraba.
  Por fin foron localizados o mércores 25 bastante lonxe e resultou que a imitación de Eva María que marchou buscando o sol na praia, Eva tamén buscaba o sol de Andalucía. Efectivamente, a primeira hora da tarde funcionarios da policía de Sevilla observaron na Estación de autobuses hispalense á parella e chamoulles a atención a actitude "esquiva" da moza. Unha vez identificados, comprobaron que había unha denuncia de desaparición e procederon a retelos. Logo contactaron cos pais dos dous e esixiron que se desen presa en ir buscalos porque, ao non ter cometido ningún delito, o tempo de retención era limitado.
  Así rematou felizmente para as dúas familias esta odisea adolescente.
 
  Tempo despois preguntei e parece que a historia de amor de Germán e Eva non durou. E unha vez máis os soños de xuventude chocaron contra o duro muro da realidade.

martes, 22 de abril de 2025

Cruceiro de Vilamaior


  Cruceiro totalmente feito en formigón a principios dos anos 70, encargado polos veciños de Vilamaior e colocado nun terreo comunal a uns 100 metros ao noroeste da igrexa de Santiago, onde anteriormente houbera outro cruceiro. Destaca polas súas grandes dimensións, superando os 5 metros de altura.
  Comeza cunha plataforma cuadrangular de 3 graos duns 70 centímetros de alto e logo un pedestal cúbico duns 40 centímetros. O varal empeza e remata cadrado pero a maior parte é dodecagonal. De gran anchura (case 35 centímetros) e altura (uns 3 metros).
  O capitel é cuadrangular moldurado. A cruz rectangular, de brazos con chafráns, é bastante esvelta comparada co varal. Hai un Cristo mirando cara á igrexa con coroa, 3 cravos, mans pechadas e pano de pureza anoado á dereita. No outro lado había unha Virxe pero a metade dianteira da figura despegouse e desapareceu.
  No ano 2001 o Ministerio de Facenda vendeu o terreo a un particular, o que provocou unha gran conmoción na parroquia cando o souberon dous anos despois. O PSOE decatouse do malestar e iniciou unha recollida de sinaturas mentres o BNG pedía cordura pois non deixaba de ser un cruceiro novo e de formigón. O PP mesmo ofreceu facer outro de cantería, pero os veciños xa estaban acostumados ao seu. Finalmente o tema resolveuse e o cruceiro segue no lugar.
  Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa preme en Cruceiro de Vilamaior da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.

viernes, 18 de abril de 2025

Os anos 60 en España

  Os anos 60 son o punto de ruptura co pasado. A economía, a demografía e moitos dos costumes sociais da España actual naceron nese momento.
 
 
ECONOMÍA
  Lembremos que a finais dos anos 50 os «tecnócratas» do Opus Dei puxeron en marcha o Plan de Estabilización. O auxe da economía a partir dese momento foi enorme e España gozou da 2ª maior taxa de crecemento mundial despois de Xapón.
  Os investimentos estranxeiros multiplicáronse, atraídos polos custos laborais reducidos. Co aumento da poboación que se produciu grazas á baixada da mortalidade, a man de obra necesaria (incluída agora a muller) nas novas zonas industriais era provista pola España rural que iniciaba o seu progresivo despoboamento e aumentaba o desequilibrio territorial que ningún plan foi capaz de reverter. Esta emigración tamén se dirixía agora a Europa e as divisas que proporcionaba ao país competían coas dos millóns de turistas que enchían o noso litoral.
  O desenvolvemento económico e a influencia do turismo deu inicio á sociedade de consumo. Desde 1963 aumentaron as prestacións sanitarias e os sistemas de pensións. O déficit de vivenda reduciuse con campañas de construción. Chegou aos fogares o gas butano e con el a calefacción e a auga quente. Coa aparición do televisor xurdiu unha nova habitación na casa, o cuarto de estar, sobre o que empezou a gravitar a vida familiar. Tamén se fixo máis alcanzable o automóbil desde a saída do mítico 600. En 1969 dous terzos dos fogares en zona de cobertura tiñan televisor e un cuarto tiñan coche.
 

  Naceron así novos costumes como as saídas dos domingos (e a figura dos condutores "domingueiros" parodiada na canción Adelante hombre del 600), as vacacións de verán da familia mentres o home quedaba na cidade traballando (de Rodríguez) ou a figura da turista sueca como aspiración erótica do español medio. Esta nova mentalidade de maior liberdade moral e sexual chocaba frontalmente coa Igrexa católica que sufriu unha gran perda de influencia. Estes conflitos están perfectamente retratados na película La ciudad no es para mí co inefable Paco Martínez Soria. Pero a pesar da oposición dos sectores máis tradicionais as novas modas no vestiario e os novos hábitos de relación social e sexual foron imparables, sen chegar, iso si, aos estándares europeos.
 
 
POLÍTICA
  Os tecnócratas, apoiados por Carrero Blanco, consolidaron o seu poder entrando López Bravo (Industria) e Lora Tamayo (Educación) no goberno en 1962, e logo López Rodó en 1965. O seu obxectivo era mellorar a calidade de vida dos españois para garantir o seu apoio ao Réxime. Con isto na mente, en decembro de 1963 aprobouse a Ley de Bases de la Seguridad Social, que unificou os diversos sistemas de previsión e protección pública e ampliou os mecanismos de cobertura social con cargo ao Estado (pensións, asistencia médica...). Cara a 1970 a cobertura da seguridade social protexía a case o 80 % da poboación.
  Continuando coa institucionalización do Réxime, en 1966 aprobouse a Ley Orgánica del Estado, última das «leyes fundamentales» do franquismo, que para ser dotada de máis lexitimidade foi sometida a referéndum, gañado con cifras altísimas, claro.
  Contra ese dominio dos tecnócratas, a resposta dos falangistas foi resgardarse na Organización Sindical e promover unha apertura. O líder dos «aperturistas» foi o ministro Solís secundado por Fraga. Lograron aprobar a Ley de Prensa e Imprenta en marzo de 1966 e a Ley de Libertad Religiosa en 1967, pero pouco máis. As eleccións sindicais de 1966 non reforzaron as súas posicións e serviron para que a oposición de esquerda a través do movemento clandestino das «comisiones obreras» acadara moitos dos postos elixidos. Cando Carrero Blanco e os tecnócratas lograron en 1969 que o príncipe Juan Carlos fose nomeado sucesor (cousa á que se opoñía un sector da Falange), acentuouse o enfrontamento e saíu á luz o escándalo Matesa no que establan implicados dous ministros tecnócratas. Finalmente foron estes os que saíron reforzados e Franco aceptou as demandas de Carrero dun goberno unido. Así naceu en outubro de 1969 o chamado polos seus adversarios "goberno monocolor", que rachaba co tradicional equilibrio entre as distintas "familias".
  Neste contexto a oposición ao franquismo rexurdiu e multiplicou o seu número e capacidade de movilización, aínda que nunca supuxo un problema real para a ditadura. Un exemplo foi a folga mineira de Asturias de 1962.
 
 
CULTURA
  Na música viviuse un dos grandes cambios dos anos 60. A copla e o bolero quedaron restrinxidas ao público de maior idade. Os mozos abrazaron con entusiasmo o pop e xurdiu o termo "ye-ye" para designalos. Apareceu o fenómeno fans co Dúo Dinámico e con Los Brincos, e xa máis ao final da década con Los Bravos, Fórmula V e Los Diablos. Nunha liña máis tracidional e transversal triunfaban solistas como Raphael ou Julio Iglesias.
  Naceron os tocadiscos portátiles e con eles os "guateques" onde a mocidade practicaba os novos bailes soltos pero sen esquecer os "agarrados" para facilitar a intimidade e o ligue.
  Apoteose musical da década e símbolo da modernidade e transformación do país foi cando en 1968 unha Massiel con minifalda gañaba o Festival de Eurovisión cantando "La, la, la".
  O cine aumentou a súa produción pasando das 150 películas ao ano. Apareceron directores como Basilio Martín Patino, Mario Camus, Carlos Saura, Manuel Summers... que fixeron o chamado "nuevo cine español", películas de calidade con algo de crítica (non demasiada que sempre estaba vixiando a censura), das que o exemplo máis representativo é La caza en 1966. Non obstante as realmente populares eran as películas de estrellas como Marisol e logo Rocío Dúrcal, de cantantes como Manolo Escobar e Raphael, e comedias costumistas como Atraco a las tres, de enorme valor sociolóxico.
  E nesta década comezou a influencia da televisión. En 1965 apareceu a revista TP, o Teleprograma (custaba 5 pesetas), que sería durante moitos anos a máis vendida do país e en 1966 creouse o UHF "a 2ª cadena". Series americanas como El fugitivo e programas nacionais como La casa de los Martínez, Galas del sábado ou Un millón para el mejor congregaban a moitos espectadores fronte ao televisor.
  A radio continuaba tendo unha gran audiencia. Seguían triunfando os culebróns entre os que destacou "La intrusa" 1964-65 con 175 capítulos de duración. Dentro da renovación da década apareceron programas como El gran musical ou o entón rompedor e logo denostado Los 40 principales.  
  Na literatura os 60 viron obras como "Un millón de muertos" (1961) de José Mª Gironella, "Últimas tardes con Teresa" (1966) de Juan Marsé ou "5 horas con Mario" (1967) de Miguel Delibes, pero os que realmente chegaban ao público eran os escritores de novelas de a duro como Silver Kane, Keith Luger, Lou Carrigan e sobre todo M.L. Estefanía, e dentro da novela romántica Corín Tellado. No teatro sucedía algo parecido e os autores "serios" como Buero Vallejo, que estreou "El tragaluz" en 1967, non podían competir co prolífico Alfonso Paso que en 1968 tiña... sete obras distintas en sete teatros de Madrid e con tres funcións diarias!
 
  O deporte rei, o fútbol, seguiu dando alegrías pero a moito menor ritmo que nos 50. O Real Madrid acadou a 6ª copa de Europa en 1966. A xigantesca figura de Manuel Santana logrou que os españois empezaran a coñecer o tenis e máis ao final da década outro xigante de pequena estatura, Ángel Nieto, logrou que todo o país vise as carreiras de motos.
  No mundo dos touros apareceu un ídolo provocador e divisivo que traspasou fronteiras e revitalizou a "festa nacional": Manuel Benitez "el Cordobés". Os seus pasos serían seguidos por outro fotoxénico mozo, Palomo Linares. Fronte a eles (sempre as dúas Españas!), os máis clásicos opoñían a figura severa e tradicional de Santiago Martín El Viti.

lunes, 14 de abril de 2025

Nobreza de Montaos

   Velaquí unha mostra máis do traballo investigador de Victorino Cores Liste, orixinalmente publicado no libriño "Santa Cruz de Montaos, terra do bo fidalgo" (1997).
 
  A xurisdición de Montaos existía polo menos dende o século XII. Segundo unha publicación da Deputación da Coruña figura nunha doazón de Alfonso VII á mitra compostelá con data 31 de maio de 1124. Nela establécense os lindes dende o río Tambre en Sigüeiro ata o monte Xalo en Culleredo.
  O apelido Montaos xa ven de moi lonxe e estivo moi ligado aos comezos da parroquia.
  Os Montaos eran xa por si mesmos unha familia rica e logo por enlaces matrimoniais xuntáronse aos Pregos, outra poderosa familia, dando orixe aos Prego de Montaos.
  Os Montaos i Losada eran parentes dos marqueses de Santa Cruz de Rivadulla e procedían das terras da Limia e Allariz da provincia de Ourense.
  Un tal García Prego casou con dona María Teresa Bermúdez de Castro (irmá de don Fernando Bermúdez de Castro), o que fixo que aumentase aínda máis o seu poderío, xa que quedaban unidas tres das máis influentes familias, e logo, por se lles faltaba algo, tamén emparentaron cos condes de Graxal de Campos e tiñan as súas principais fortalezas en Montaos e en Lestrove (Benza), onde foron famosas as torres de Lestrove.
  En Vilacoba de Restande aínda hoxe se conserva en bo estado un edificio que pertenceu ao vínculo de Vilacoba, fundado polos Bermúdez de Montaos en 1556. O pazo foi reconstruído no século XVII e no seu escudo poden verse os escaques dos Bermúdez e os seis roeles dos Castros entre outros.
    Existe unha escritura de concordia feita perante o escribán de Santiago don Matías Vázquez a 23 de agosto de 1542 na que don Fernando Bermúdez de Castro e maila súa irmá dona Mª Teresa facían particións de bens que herdaran pola súa nai.
  Os Bermúdez eran descendentes dos poderosos condes de Traba, que foran donos de terras tan lonxanas entre si coma Corcubión ou Narón, onde se sabe que fundaron o mosteiro de San Martiño de Xubia.
  O 27 de agosto de 1626 por Real Lei dereito de 8 de setembro, concédeselle o título de Marqués de Montaos a don Juan Álvarez de Vega i Bermúdez de Castro, Machaca i Enrique de Borja, Señor de Montaos i Cabaleiro de Santiago.
  Como naquelas datas os casamentos era máis ben por intereses, facíano as familias poderosas entre si, e así pode verse que os Bermúdez estaban emparentados con case que toda a nobreza. Á parte dos xa mencionados tamén eran parentes dos Moscoso, dos condes de Altamira e do duque de Alburquerque entre outros.
  Ao marquesado tamén tiñan dereito os primoxénitos dos condes de Graxal e do duque de Alburquerque. Precisamente o marqués XIII, último que exerceu o título, foi un dos Alburquerque. O marquesado estivo vixente ata 1940, ano en que foron abolidos todos.
  Os Montaos aos poucos foron desaparecendo da parroquia, pero en Santiago seguiron sendo influentes xa que entre os seus descendentes podemos comprobar que don Jacinto Bernardo Montaos i Losada no 1741 era procurador da cidade de Santiago, e o seu irmán Gregorio foi procurador e Síndico  xeral da mesma cidade no 1751, e que tamén foi recadador xeral da Real Renta de las estafetas del Reino de Galicia i carrera de Castilla. Outro dos irmáns, predicador da orde de San Francisco, chamábase Antonio.
  Outro parente deles, chamado don Francisco de Ochoa Montaos, foi escribán público nas descubertas terras do novo mundo, concretamente en Cartagena de Indias (no Novo Reino de Granada) nos comezos do século XVIII.
 
 
  A nobreza foi desaparecendo na parroquia de Montaos e tanto os Montaos coma os Bermúdez case que non deixaron vestixios da súa estancia, e se os deixaron os seus descendentes nada fixeron por conservalos, xa que na actualidade tan só queda un escudo que está na parede do lado esquerdo do altar da igrexa parroquial. Non ten os escaques do Bermúdez pero si os símbolos doutras familias que lles sucederon, os seis roeles dos Castro, o piñeiro e a lanza dos Caamaño e o león alzado dos Mariño. O escudo está rodeado de acios de uvas, sinal de que procedían doutras terras, xa que Santa Cruz xamais foi terra de viño. O escudo remata coa armadura da cabeza dun guerreiro.
  [...] Recentemente, nunha escavación que se fixo para construír un panteón acháronse dúas moedas datadas, unha en 1579, e outra en 1598. Nese século eran os Bermúdez os que rexían a Casa de Montaos.
  Co tempo a casa foi perdendo forza e a xurisdición pasou a Folgoso, exercida polos condes de Altamira, que como xa dixemos tamén eran parentes dos Bermúdez, pero xa non tiña nin a extensión nin o poder da de Montaos.
  Os escaques dos Bermúdez están nos escudos dos pazos de Galegos e do Peñasco en Frades.
  Outras familias posteriormente foron donas das terras de Montaos aínda que agora xa moito máis repartidas. Sabemos que os Leis, os Rodríguez, os Caamaños e os Somozas foron familias importantes na parroquia. Aos Somozas pertenceron no século XIX moitas das terras de xunto á igrexa.
  Xa máis recentemente a familia Varela era dona dunha boa parte da parroquia. Aos Varelas tamén se lles coñecía polos "Miniños". Tiveron residencia na Porta dos Condes en Queis, e tamén en Santa Cruz, a que foi mesón e parada de carrilanas, onde os viaxeiros podían descansar e apagar a sede nunha fonte moi boa que alí hai. A casa aínda hoxe está habitada e en bo estado, non obstante a cocheira non correu a mesma sorte, xa que foi derrubada nos anos 60 para dar paso a novas construcións.
Victorino Cores Liste

sábado, 12 de abril de 2025

Morte en Castenda

   Os eternos problemas polos lindes da terra volveron a facer correr o sangue na comarca. Nesta ocasión foi no Castro, lugar da parroquia de Castenda da Torre no concello de Tordoia.
  Era o xoves 24 de marzo de 1960 ás 8 da mañá. Eliseo Lino Fraga Miramontes, un labrador de 27 anos, comezou a discutir cos seus veciños Rosa Calviño e un fillo desta de 16 anos, David Iglesias, porque retiraran uns salgueiros que el puxera o día anterior na divisoria das leiras familiares e que lle pechaban o paso a estes últimos. Das palabras pasaron aos feitos. Eliseo, armado cun pau, e os Iglesias con angazos propináronse uns cuantos golpes que os feriron aos tres.
  Ao oír o tumulto acudiron o marido de Rosa, José Iglesias Landeira, home de 55 anos que estaba cego e que levaba unha sacha e outro fillo do matrimonio, Daniel de 14 anos, que portaba un machete cubano e un pau.
  Eliseo buscou na súa casa unha escopeta, que estaba descargada, coa que os ameazou pero como non conseguiu que se retiraran, renovou a pelexa. Colleu un groso mangueiro de carro de dous metros de longo co que, furibundo, comezou a repartir golpes a todos lados. José Iglesias foi o peor parado. Un tremendo trancazo na cabeza produciulle a morte instantánea. Rosa quedou bastante maltreita mentres os mozos e Eliseo sufriron feridas de menor consideración.
 
  O xuízo tivo lugar un ano despois, o 7 de abril de 1961. O xuíz era o presidente da Audiencia Provincial Fernando Herce Vales, acompañado dos maxistrados Marcelino Barreras Pereira e Francisco Javier Badía y Gutiérrez de Caviedes. Representaba ao Ministerio Público o fiscal xefe José Mª Leirado Sancristán, que destacou a dificultade do caso ao non haber testemuñas externas. Por unha banda había unha clara diferenza de idade e forza entre Eliseo e as súas vítimas. Pero doutra banda produciuse unha liorta e, aínda que cego desde había 25 anos, José Iglesias tamén tiña reputación de agresivo. Finalmente acabou considerando o delito un homicidio e pedindo reclusión menor e tres meses de arresto maior polas lesións, máis 1.000 pesetas de multa e unha indemnización de 2.000 pesetas a Rosa e outra de 100.000 aos herdeiros de José Iglesias.
  O acusador particular, Samuel Roberes Álvarez, non opinaba o mesmo. Pedía consideralo un asasinato, porque no momento da mortal agresión ao cego os outros actores do drama estaban no chan indefensos. Solicitou por tanto 27 anos e 6 meses polo asesinato e 17 anos e 4 meses máis por tentativa de asasinato do resto da familia, todo isto con multas e indemnización.
  O avogado defensor e alcalde de Ordes, Juan Liñares Castro, encomiou as "magníficas disertacións" dos seus colegas, pero manifestou a súa "absoluta convicción" na inocencia do seu defendido, pedindo a absolución porque consideraba que actuou en lexítima defensa. Ademais resaltaba que se presentou voluntariamente á Garda Civil á que puxo en coñecemento dos feitos.
  A sentenza tardaría unha semana en coñecerse. Finalmente o delito sería considerado homicidio.
  Non se admitiu a léxitima defensa, porque o acusado aceptou a liorta e usou unha arma que foi buscar á súa casa co propósito de participar nela, pero si outras circunstancias atenuantes como arrebato e obcecación e presentación espontánea ás autoridades. Eliseo Fraga Miramontes foi condenado a 6 anos e un día de prisión maior polo homicidio, 3 meses de arresto maior e multa de 1.000 pesetas por lesións, indemnización a Rosa Calviño de 1.000 pesetas, outra aos herdeiros de José Iglesias de 100.000 pesetas e pago de costas.
  Eliseo morrería catro décadas despois en decembro de 2003 aos 71 anos de idade. Tanto el como José están soterrados no cemiterio parroquial de Castenda.

miércoles, 9 de abril de 2025

Toponimia de Leira


Leira: o topónimo da parroquia ten unha orixe dubidosa. En principio parece proceder da palabra céltica lar ‘chan’, que deu lugar a larea ‘predio’, pero tamén podería vir do termo latino glarea ‘pedregallo, escombro’, pois ambos os dous teñen relación co significado actual de ‘porción de terreo que se cultiva’.
Altiboia: segundo Dolores González de la Peña sería un topónimo de orixe prerromana que indicaría a existencia dunha mámoa ou túmulo nuns pastos adicados ás vacas, ou quizais ao conxunto que podería ter aparecido xa no neolítico formado polas antas e os chozos dos pastores. En latín: Antae et Bovedae.
Bailía: unha bailía era un territorio ou xurisdición pertencente a unha orde relixioso-militar administrada por un "bailío". En Galicia pertencían especialmente ás ordes de Santiago, San Xoán de Malta, do Temple ou de San Xoán de Xerusalén. Estas nomeaban un membro ou cabaleiro da súa orde chamado bailío, encargado ou encomendado para administrar e cobrar as cuantiosas rendas agrícolas das bailías. A palabra deriva do catalán batlle ‘alcalde’ ou do aragonés baile ‘xuíz’, e este, á súa vez, do occitano baile que ven do latín bajulus ‘mozo de corda’, pola comparación do bailío, cun home (o mozo de corda) que leva unha carga.
Batán: a causa deste topónimo está moi clara: o edificio da familia Graña que era maquía e batán. O que non está tan claro é a orixe da palabra. Algúns supoñen que ven do verbo latino battuere ‘bater’, pero dado que son abrumadores os indicios de que esta técnica comezou en Al-Ándalus é probable unha orixe árabe, quizais de battán, procedente de *baf(t)án, nombre equivalente ao de mátana 'almádena, mazo'.
Brumeiral: este microtopónimo debe provir do latín bruma ‘inverno’. Calquera que teña estado no lugar pode dar fe de que é ben brumoso. Non é o caso en cambio do Hospital de Bruma (Mesía) que aínda que teña un clima parecido era antigamente "Gruma".
Castiñeira: abundancial de castiñeiro rematado en -eira. A palabra castaña ven do grego kastanon a través do latín castanea.
Castrelos, Castro: os romanos chamaban castru a un campamento militar fortificado. Castrelos ten a mesma orixe pero en plural e diminutivo, aludindo a pequenos postos defensivos.
Cano: palabra derivada de cana (latín canna ‘cana’) e aplícase a costas moi pronunciadas que teñen no fondo unha valgada ben definida -con forma de cano-.
Caxide: este microtopónimo dunha fonte próxima á Pedreira, é moi coñecido en todo o concello por ser o alcume do construtor Ricardo Vieites Calvo que vive alí ao lado. Caxide viría neste caso de *(fonte) Cagiti, propiedade dun tal Cagitus, nome habitual na Galicia medieval ata o século XII.
Cerdeira: ven da árbore froiteira, en latín cerasiu.
Codeseda: abundancial rematado en -eda de codeso, arbusto ramoso parecido á xesta cuxo nome ven do latín *cutissu.
Espiñeira: abundancial rematado en -eira. Lugar cheo de plantas espiñentas (do latin spina).
Gouzón: este é o topónimo de máis dubidoso significado. Podería ter unha orixe pre-latina go-utx-on ‘xunto ás penas altas’, pero dado que que a deturpación de topónimos escuros foi unha constante en Galicia, puidera ser que primitivamente fose Bouzón, aludindo quizais a un lugar cheo de maleza.
Loureda: abundancial rematado en -eda de loureiro (latín lauru), planta que para os romanos era o símbolo da victoria.
Meitufe: en xeral os nomes rematados en –ulfe ou –ufe son de orixe sueva e teñen relación coa palabra xermánica wulf ‘lobo’. Este é o caso de Mañufe (Mercurín) e Meitufe que debe vir dunha *(villa) Meitulfi, propiedade medieval dun señor de nome xermánico Meitulfus ou Meitulfo, probablemete composto polos elementos góticos math ‘poderoso’ e wulfs ‘lobo’, co que o nome completo significaría “Lobo poderoso”. O home lobo en Xermania non ten nada que ver co das películas de Hollywood, pois é máis ben un guerreiro temible e defensor do seu pobo que deixa despois dos seus ataques a pegada dun lobo sobre a neve.
 

Menlle: seguramente provén de Manelli, xenitivo do nome persoal medieval Manellus, documentado en textos galegos desde a Alta Idade Media, aínda que pouco abundante na toponimia. Significa por tanto ‘terras de Manellus’.
Pedreira: do latín petraria, que á súa vez ven de petra ‘pedra’, aludindo a un lugar moi pedroso.
Petón: é un topónimo habitual para nomear penedos e, en ocasións, antigos túmulos funerarios. Probablemente proceda dunha raíz pre-latina *pet ‘pedra’.
Portela: do latín portella, que á súa vez ven de porta, co significado de ‘porta pequena’ que podía estar perfectamente nun muro ou nun valado.
Queirúa: Outro dos fitotopónimos orixinados a partir do breixo. Tanto queirúa como as súas variantes queiruga, queiroa e queiroga veñen, ben da palabra latina *cariola ou do termo pre-latino *karia.
Vilasenín: este lugar do que está preto o encoro debe o seu nome a unha  *villa Sinnini, dun tal Sindinus (sinth ‘forte’ máis a desinencia in -sinth ou swind tamén o podemos atopar no nome Gumersindo ‘home forte’-).
 

viernes, 4 de abril de 2025

Anos de gloria do FC Órdenes

   1956 foi o ano no que o equipo de fútbol de Ordes chegou á 3ª división.
  En xaneiro proclamouse campión do grupo norte da categoría Preferente, mentres o Gran Peña era o campión do grupo sur. Quedaba agora o torneo de Permanencia onde os dous competirían con 8 dos 10 equipos da terceira División.
  O torneo empezou a finais de xaneiro e rematou o 20 de maio. O Ordes empezou fatal perdendo o primeiro partido por 6-1 e ocupando o último posto da clasificación, pero pronto reaccionou e rematou no 5º posto, que agora si confirmaba o ascenso a 3ª División.
 

  En setembro de 1956 comezou a primeira tempada oficial do Ordes en 3ª División. Xogaban 18 equipos: Arsenal de Ferrol, Ribadeo, Juvenil da Coruña, Fabril, Brigantium de Betanzos, Lugo, Lemos, Ordes, Santiago, Flavia de Padrón, Arousa, Pontevedra, Marín, Ponteareas, Zeltia de Porriño, Gran Peña de Vigo, Turista de Vigo e Ourense.
  O primeiro partido oficial en 3ª foi o 9 de setembro en Vista Alegre contra o Pontevedra, un rival coñecido. Gañou o Ordes por 3-1, empezando con bo pé na nova categoría. Salgado marcou dous goles na primeira metade e Manolito marcou o terceiro cun espectacular cabezazo. A aliñación local daquel histórico partido sería: Leal na portería, Remigio, Monelos, Mena, Pepiño, Salgado, Curucho, Ponte, Miguel e Manolito.
  Logo perdería 5-1 en Lugo pero aínda así foise mantendo na táboa clasificatoria en postos altos ata finais de outubro. A derrota máis avultada foi contra o Ourense que lle fixo un 7-0. Tamén o Ordes lle meteu 7-1 ao Lemos. En novembro o equipo tiña 8 puntos, con 15 goles a favor e 25 en contra. Ao longo do ano seguinte foi baixando na clasificación pero rematou nun meritorio 12º posto na xornada final, que foi o 12 de maio.
  A tempada 1957-58 comezou en setembro. Esta vez o número de equipos reduciuse a 16. Caeron da división o Ribadeo, Brigantium, Marín e... Pontevedra! e eran novidade o Arenal de Santiago e o Cambados. O Ordes agora xa non era un novato e notouse en que mellorou a súa clasificación, acadando un meritorio 9º posto.
 

 
Pero o mellor estaba por chegar e a tempada 1958-59 na que acadou o 5º posto foi o punto culminante da súa historia. Repetiron os mesmos equipos agás os descendidos Lemos e Arenal, que foron substituídos polo Pontevedra e o Viveiro. O Ordes xa iniciou o torneo con bo pé empatando en Santa Isabel 1-1 contra o Santiago. A aliñación dese primeiro partido foi: Rey, Jano, Modesto, Carlos, Mera, Álvarez, Salgado, Salorio, José, Manolo e Jacinto.
 
  Mesmo na 5ª xornada en outubro liderou a clasificación. En novembro baixou ao 3º posto e en decembro ao 4º. Finalmente rematou a liga en abril cun empate 3-3 no campo do Gran Peña, aliñando a Zamorita, Jano, Modesto, Carlos, Cobas, Adolfo, Salgado, Mena, Manolo, David e Rey.
  Non foi tan ben a tempada 1959-60. Descenderan o Viveiro e o Ponteareas, sendo substituídos polo Lemos e o Coruxo. O Ordes agora xa era un equipo da parte baixa da táboa e houbo algúns agobios, de feito en xaneiro, á metade de tempada, era 15º na clasificación (posto de descenso), pero reaccionou e xa en febreiro era 13º. Aínda subiría un pouco máis, acadando ao final o 12º posto.
  Na tempada 1960-61 viviuse o final do soño. Descenderan o Juvenil e o Cambados, así que foron reemprazados polo Ferrol e o debutante Choco de Redondela. O ordes era agora un dos equipos máis frouxos da categoría. Aínda así estivo na maior parte do tempo no posto 14º superando ao Zeltia e ao Flavia, pero xusto no último partido, o 30 de abril de 1961, empatou 1-1 no campo do Coruxo, mentres que o Zeltia logrou unha victoria. Superou así ao Ordes que caeu ao posto 15º. A última aliñación do equipo en 3ª División foi: Ramallets, Vázquez, Amadeo, Vasco, Caíto, Graña, Rajoy, Janito, Hermida, Loureda e Antón.