sábado, 12 de abril de 2025

Morte en Castenda

   Os eternos problemas polos lindes da terra volveron a facer correr o sangue na comarca. Nesta ocasión foi no Castro, lugar da parroquia de Castenda da Torre no concello de Tordoia.
  Era o xoves 24 de marzo de 1960 ás 8 da mañá. Eliseo Lino Fraga Miramontes, un labrador de 27 anos, comezou a discutir cos seus veciños Rosa Calviño e un fillo desta de 16 anos, David Iglesias, porque retiraran uns salgueiros que el puxera o día anterior na divisoria das leiras familiares e que lle pechaban o paso a estes últimos. Das palabras pasaron aos feitos. Eliseo, armado cun pau, e os Iglesias con angazos propináronse uns cuantos golpes que os feriron aos tres.
  Ao oír o tumulto acudiron o marido de Rosa, José Iglesias Landeira, home de 55 anos que estaba cego e que levaba unha sacha e outro fillo do matrimonio, Daniel de 14 anos, que portaba un machete cubano e un pau.
  Eliseo buscou na súa casa unha escopeta, que estaba descargada, coa que os ameazou pero como non conseguiu que se retiraran, renovou a pelexa. Colleu un groso mangueiro de carro de dous metros de longo co que, furibundo, comezou a repartir golpes a todos lados. José Iglesias foi o peor parado. Un tremendo trancazo na cabeza produciulle a morte instantánea. Rosa quedou bastante maltreita mentres os mozos e Eliseo sufriron feridas de menor consideración.
 
  O xuízo tivo lugar un ano despois, o 7 de abril de 1961. O xuíz era o presidente da Audiencia Provincial Fernando Herce Vales, acompañado dos maxistrados Marcelino Barreras Pereira e Francisco Javier Badía y Gutiérrez de Caviedes. Representaba ao Ministerio Público o fiscal xefe José Mª Leirado Sancristán, que destacou a dificultade do caso ao non haber testemuñas externas. Por unha banda había unha clara diferenza de idade e forza entre Eliseo e as súas vítimas. Pero doutra banda produciuse unha liorta e, aínda que cego desde había 25 anos, José Iglesias tamén tiña reputaaión de agresivo. Finalmente acabou considerando o delito un homicidio e pedindo reclusión menor e tres meses de arresto maior polas lesións, máis 1.000 pesetas de multa e unha indemnización de 2.000 pesetas a Rosa e outra de 100.000 aos herdeiros de José Iglesias.
  O acusador particular, Samuel Roberes Álvarez, non opinaba o mesmo. Pedía consideralo un asasinato, porque no momento da mortal agresión ao cego os outros actores do drama estaban no chan indefensos. Solicitou por tanto 27 anos e 6 meses polo asesinato e 17 anos e 4 meses máis por tentativa de asasinato do resto da familia, todo isto con multas e indemnización.
  O avogado defensor e alcalde de Ordes, Juan Liñares Castro, encomiou as "magníficas disertacións" dos seus colegas, pero manifestou a súa "absoluta convicción" na inocencia do seu defendido, pedindo a absolución porque consideraba que actuou en lexítima defensa. Ademais resaltaba que se presentou voluntariamente á Garda Civil á que puxo en coñecemento dos feitos.
  A sentenza tardaría unha semana en coñecerse. Finalmente o delito sería considerado homicidio.
  Non se admitiu a léxitima defensa, porque o acusado aceptou a liorta e usou unha arma que foi buscar á súa casa co propósito de participar nela, pero si outras circunstancias atenuantes como arrebato e obcecación e presentación espontánea ás autoridades. Eliseo Fraga Miramontes foi condenado a 6 anos e un día de prisión maior polo homicidio, 3 meses de arresto maior e multa de 1.000 pesetas por lesións, indemnización a Rosa Calviño de 1.000 pesetas, outra aos herdeiros de José Iglesias de 100.000 pesetas e pago de costas.
  Eliseo morrería catro décadas despois en decembro de 2003 aos 71 anos de idade. Tanto el como José están soterrados no cemiterio parroquial de Castenda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario