viernes, 4 de abril de 2025

Anos de gloria do FC Órdenes

   1956 foi o ano no que o equipo de fútbol de Ordes chegou á 3ª división.
  En xaneiro proclamouse campión do grupo norte da categoría Preferente, mentres o Gran Peña era o campión do grupo sur. Quedaba agora o torneo de Permanencia onde os dous competirían con 8 dos 10 equipos da terceira División.
  O torneo empezou a finais de xaneiro e rematou o 20 de maio. O Ordes empezou fatal perdendo o primeiro partido por 6-1 e ocupando o último posto da clasificación, pero pronto reaccionou e rematou no 5º posto, que agora si confirmaba o ascenso a 3ª División.
 

  En setembro de 1956 comezou a primeira tempada oficial do Ordes en 3ª División. Xogaban 18 equipos: Arsenal de Ferrol, Ribadeo, Juvenil da Coruña, Fabril, Brigantium de Betanzos, Lugo, Lemos, Ordes, Santiago, Flavia de Padrón, Arousa, Pontevedra, Marín, Ponteareas, Zeltia de Porriño, Gran Peña de Vigo, Turista de Vigo e Ourense.
  O primeiro partido oficial en 3ª foi o 9 de setembro en Vista Alegre contra o Pontevedra, un rival coñecido. Gañou o Ordes por 3-1, empezando con bo pé na nova categoría. Salgado marcou dous goles na primeira metade e Manolito marcou o terceiro cun espectacular cabezazo. A aliñación local daquel histórico partido sería: Leal na portería, Remigio, Monelos, Mena, Pepiño, Salgado, Curucho, Ponte, Miguel e Manolito.
  Logo perdería 5-1 en Lugo pero aínda así foise mantendo na táboa clasificatoria en postos altos ata finais de outubro. A derrota máis avultada foi contra o Ourense que lle fixo un 7-0. Tamén o Ordes lle meteu 7-1 ao Lemos. En novembro o equipo tiña 8 puntos, con 15 goles a favor e 25 en contra. Ao longo do ano seguinte foi baixando na clasificación pero rematou nun meritorio 12º posto na xornada final, que foi o 12 de maio.
  A tempada 1957-58 comezou en setembro. Esta vez o número de equipos reduciuse a 16. Caeron da división o Ribadeo, Brigantium, Marín e... Pontevedra! e eran novidade o Arenal de Santiago e o Cambados. O Ordes agora xa non era un novato e notouse en que mellorou a súa clasificación, acadando un meritorio 9º posto.
 

 
Pero o mellor estaba por chegar e a tempada 1958-59 na que acadou o 5º posto foi o punto culminante da súa historia. Repetiron os mesmos equipos agás os descendidos Lemos e Arenal, que foron substituídos polo Pontevedra e o Viveiro. O Ordes xa iniciou o torneo con bo pé empatando en Santa Isabel 1-1 contra o Santiago. A aliñación dese primeiro partido foi: Rey, Jano, Modesto, Carlos, Mera, Álvarez, Salgado, Salorio, José, Manolo e Jacinto.
 
  Mesmo na 5ª xornada en outubro liderou a clasificación. En novembro baixou ao 3º posto e en decembro ao 4º. Finalmente rematou a liga en abril cun empate 3-3 no campo do Gran Peña, aliñando a Zamorita, Jano, Modesto, Carlos, Cobas, Adolfo, Salgado, Mena, Manolo, David e Rey.
  Non foi tan ben a tempada 1959-60. Descenderan o Viveiro e o Ponteareas, sendo substituídos polo Lemos e o Coruxo. O Ordes agora xa era un equipo da parte baixa da táboa e houbo algúns agobios, de feito en xaneiro, á metade de tempada, era 15º na clasificación (posto de descenso), pero reaccionou e xa en febreiro era 13º. Aínda subiría un pouco máis, acadando ao final o 12º posto.
  Na tempada 1960-61 viviuse o final do soño. Descenderan o Juvenil e o Cambados, así que foron reemprazados polo Ferrol e o debutante Choco de Redondela. O ordes era agora un dos equipos máis frouxos da categoría. Aínda así estivo na maior parte do tempo no posto 14º superando ao Zeltia e ao Flavia, pero xusto no último partido, o 30 de abril de 1961, empatou 1-1 no campo do Coruxo, mentres que o Zeltia logrou unha victoria. Superou así ao Ordes que caeu ao posto 15º. A última aliñación do equipo en 3ª División foi: Ramallets, Vázquez, Amadeo, Vasco, Caíto, Graña, Rajoy, Janito, Hermida, Loureda e Antón.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario