Os topónimos (os nomes que os nosos antergos puxeron aos lugares) teñen
moitas fontes de inspiración. As características orográficas do terreo eran a
máis habitual, e tamén outras como as formas do asentamento, o tipo de
construcións, etc. Pero aquí imos deternos nos inspirados na flora que
existía naquel momento. Este tipo de topónimos son denominados FITOTOPÓNIMOS
(das palabras gregas "phytón" = vexetal, "tópos" = lugar, e
"ónoma" = nome).
Fixándonos só na toponimia maior (nomes de lugares habitados) e non na
menor, atopamos no noso concello arredor duns 50 fitotopónimos o que supón un 22 % do
total, posto que hai 218 lugares habitados nas 13 parroquias que o compoñen.
CARBALLO: O rei das árbores de toda a zona atlántica é loxicamente o máis aludido
na toponimia. Existen Carballo (Pereira e Vilamaior), Carballeira (Ardemil e Parada) e Carballedo (Buscás). O bosque con predominio destas árbores, Fraga
(Ardemil) e Fraga da Galiña (Ordes). Do seu nome latino "robur" ven "roburetu"
Reboredo (Ordes) e tamén posiblemente a Reboira (Ardemil) e Rebordelos (Parada).
Outras tres árbores moi abundantes case empatan con 6, 5 e 4 topónimos:
CASTIÑEIRO: Hai Castiñeira (Leira e Ordes), Souto (Beán, Mercurín e Pereira) e Castenda de Parada, que significa "lugar abundante en castiñeiros".
PIÑEIRO: Hai 4 lugares chamados Piñeiro (Mercurín, Montaos, Ordes e
Poulo) máis un co seu nome en castelán, O Pino (Barbeiros).
PEREIRA: Aparte de dar nome a toda unha parroquia, atopamos os lugares de Pereira, O Pereiro (Buscás) e As Pereiriñas (Lesta).
Outras árbores menos abundantes tamén inspiraron topónimos:
A CERDEIRA é a posible orixe de Cercedo (Beán e Pereira), o
LOUREIRO de Loureiros (Barbeiros) e Loureda (Leira) e a MACEIRA do Pumariño -pequena plantación delas- (Buscás).
Outros topónimos inspirados en árbores son Os Abeneiros (Lesta), A Sobreira (Montaos), O
Bidueiro (Ordes) e A Ameixeira (Vilamaior).
O principal arbusto inspirador de nomes de lugar é a QUEIROA que deu
orixe a Queirúa (Leira), As Uzás (Buscás) e Uzal (Barbeiros). Outros topónimos sobre arbustos son A Salgueira (Ardemil) e Codeseda (Leira).
Finalmente hai unha ducia de topónimos baseados en distintas plantas
silvestres como A Hedra (Ardemil), Folgoso (Pereira) -do latín tardío *filicosu = terreo abundante en fieitos-, A Folgueira (Ardemil) -de filicaria, tamén relacionado cos fieitos-, Fonte da Viña (Beán), Lesta -da lesta-, A Margarida (Buscás), ou
en vexetais xenéricos.
Os Ramos (Buscás) aluden á vexetación, Espiñeira (Leira) a plantas
espiñosas, O Canedo (Ardemil) a un lugar con canas, Carracedo (Mercurín) a un lugar con
carrizos, Os Carabelos (Pereira) e Vieites (Barbeiros) posiblemente a lugares onde hai arbustos que dan varas. A Bouciña (Buscás) é un diminutivo de Bouza, un terreo inculto poboado de mato, e Senra (Poulo) refírese a un lugar onde se cultiva trigo ou outros cereais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario