domingo, 1 de octubre de 2017

A Ronda Leste

  A historia contemporánea do concello de Ordes está estreitamente unida á estrada N-550. As carrilanas que paraban no Mesón de Deus percorreron a vía durante o século XIX. A principios do XX, baixo a denominación de "carretera de La Coruña", aparecía inmortalizada en "La Casa de la Troya" de Alejandro Pérez Lugín.
  Pero sería dende mediados do século XX, coa proliferación do tráfico, cando a vila de Ordes gañou a súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre A Coruña e Santiago. Un percorrido de 62 quilómetros e dúas horas de duración que convidaba a facer un alto na metade aproximada do traxecto. Establecementos hostaleiros como o Nogallás, o Túnel ou o Bar Juanito fixéronse famosos en toda a provincia e aproveitaron durante décadas este filón comercial despachando cafés, comidas, pasteis e os populares queiques aos viaxeiros.

  En setembro de 1976, este próspero negocio víase ameazado: Autopistas del Atlántico (AUDASA) daba comezo ás obras da autoestrada Santiago-A Coruña que finalmente, na tarde do 27 de abril de 1979, entraba en funcionamento. A distancia entre as dúas cidades cubríase agora en apenas 45 minutos pagando unha peaxe de 50 a 80 pesetas.
  Pero, a pesar da existencia da a AP-9, a vila de Ordes seguiu a rexistrar un alto volume de tráfico e, cando os prezos da autoestrada subiron, ese volume aumentou, incluído o de camións, cifrado no ano 2009 por fontes municipais en máis de 6.000 diarios.

  Durante as tres primeiras décadas, a inicial oposición dos comerciantes e moitos veciños a calquera medida que afectase ao tráfico foi cambiando paulatinamente debido á masificación deste. A puntilla foi cando apareceron os "Pellejeros" (os camións que levaban o lixo a Sogama) que se converteron nun grave problema de seguridade e salubridade.


 En febreiro de 2009, durante a alcaldía de Manuel Regos, asinouse un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes para construír a ronda leste, unha circunvalación que costaría 2,1 millóns de euros e que tiña un dobre obxectivo: habilitar unha nova avenida urbana e rematar con ese tráfico de 4 camións por minuto en Alfonso Senra.
  En marzo de 2010 colocouse oficialmente a 1ª pedra e en agosto inaugurouse o primeiro tramo entre a N-550 e o Paraíso, de case un quilómetro, con tres carrís de circulación, carril bici e senda peonil. O custo das obras foi de 850.000 euros.
  En outubro de 2010 comezaron as obras da 2ª fase (os outros 3 km ata o polígono industrial de Merelle -divididos en 3 tramos-)  que custarían outros 1.400.000 euros.
  Houbo atrancos: as obras paralizáronse a mediados do ano 2011. Mentres o equipo de goberno culpaba á Xunta, o PP de Ordes dicía que as grandes débedas do concello, entre elas as que tiña coa empresa construtora por outros traballos, eran as responsables da paralización.
  Finalmente resolveuse o problema e o 26 de abril de 2012 foi inaugurada solemnemente a Ronda Leste, evento que contou coa presenza de Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Como sempre, neste reino da chapuza, non faltaron os obreiros tapando baches no polígono case ata o último momento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario