O primeiro mapa centrado integramente en Galicia foi feito polo cartógrafo galego Fernando Ojea (1560-1615) cara ao ano 1600-1603 e gravado en Antwerp (Amberes, Países Baixos) no obradoiro de Joannes Baptista Vrients. Este mapa aparece no primeiro atlas moderno do mundo, o famoso Theatrum Orbis Terrarum do xeógrafo neerlandés Abraham Ortelius.
Fernando Ojea dedicou o mapa ao máis
importante nobre do Reino de Galicia, o Conde de Lemos, Pedro Fernández de
Castro e Andrade.
Centrándonos na comarca de Ordes vemos como aparece o río Tambre tamén co seu outro nome, o Támara (por iso a nosa comarca era "Trastámara" -Tras do Tambre-). Así mesmo aparece o río Lengüelle co seu afluente, o Cabrón, pero formando unha extraña e inexistente insua.
Os lugares que aparecen son 9: Hospital,
Ençobras (As Encrobas), Villa dabao (Viladabade), Mesía, P. Sigueyro (Sigüeiro)
e 4 de Ordes: Buscas (Buscás), Polo (Poulo), Parada e Montaos.
Outros mapas do século XVII copian deste, perpetuando os seus erros e apenas quitando ou
cambiando minimamente de nome algún lugar. O famoso mapa de 1611,
"Gallaecia Regnum" é practicamente calcado do anterior.
O mapa de 1696 do italiano Giacomo Cantelli da Vignola no que aparecen máis montañas destaca porque varios nomes son levemente modificados e aparece Buscás por partida dobre (como Buscas e Busca).
No século XVIII (1784) edítase o moitísimo máis completo mapa do Antigo Reino de
Galicia coas 7 provincias feito por Tomás López. Aquí xa aparecen moitos lugares
e vilas como Ordenes (Ordes), Leira, Ardemil, etc.
No século XIX constatamos que moitos mapas aínda eran poucos precisos. No de 1849 vemos que á vila de Ordes sitúana ao oeste do río Lengüelle e o río Samo (no mapa chamado Marzoa) ten unha lonxitude desproporcionada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario