Antigamente os bailes eran unha das
principais fontes de conflito. Eran habituais as pelexas entre dous mozos polas
atencións dalgunha rapariga agraciada, pero aínda máis habituais eran as
pelexas entre grupos de mozos de distintos lugares ou parroquias, que dirimían
as súas diferenzas de modo violento. Os paus recibidos eran un agravio do que
se buscaba desquite no seguinte baile, o que producía unha espiral de violencia
sen fin.
Se engadimos que ese feito víase como unha fatalidade -parecido aos accidentes de tráfico na actualidade- había unha
especie de permisividade social e case unha lei do silencio. As sentenzas,
cando os sucesos eran tan graves que chegaban a xuízo, adoitaban ser benévolas.
Certo que as parellas da Garda Civil
esforzábanse por manter a orde e conseguíano ás veces, pero iso era nas
verbenas "oficiais". Si, porque había un bo número de bailes
"espontáneos" sen ningún tipo de control policial.
A facilidade de non necesitar unha orquestra
(bastaba cun ou dous gaiteiros) e a falta doutras diversións facía que houbese
moitos bailes rapidamente improvisados, por exemplo despois dalgún tipo de
faena comunal como a tasca do liño.
Este suceso ocorreu precisamente nun deses
bailes non oficiais, na eira particular de Josefa García no lugar de Fornelos
(Calvente) do concello de Oroso.
Era a noite do domingo 14 de agosto de 1910 e a eira estaba moi
concorrida. O baile estaba no seu punto álxido e todo era diversión. Pero entón
chegaron varios mozos da parroquia de Galegos (Frades).
Pronto se viu que ían con ánimo provocador.
Comezaron a facer comentarios despectivos da música, do baile e finalmente dos
mozos e mozas de Fornelos. Non se necesitou máis: inmediatamente estalou a
pelexa e chocaron os garrotes contra os corpos ata que de súpeto oíronse varios
disparos feitos por algún ou algúns mozos de Fornelos.
Chegou o silencio. Tendido no chan quedou o
corpo sen vida de Jesús Suárez Meirás,
un mozo de Galegos, que recibira un tiro na cabeza.
A Garda Civil detivo posteriormente a catro
veciños de Fornelos: Manuel Botana Mariño e Jesús Rey Ares, ambos os dous feridos
na refrega, xunto con Pedro García Barreiro e José Ferreiro Pulleiro que
resultaran ilesos.
Foron deixados en liberdade provisional ata o
xuízo que se celebrou en Ordes en abril
de 1911.
Aínda que considerou a atenuante de ser
provocados polo defunto, a fiscalía pediu en principio unha pena de 12 anos e
un día de cárcere máis unha indemnización de 2.000 pesetas aos herdeiros de
Jesús que debían pagar mancomunadamente os catro acusados.
Posteriormente no xuízo o fiscal Sr.
Piernavieja retirou os cargos contra Pedro García e José Ferreiro por non
atopar probas suficientes contra eles.
O avogado defensor Sr. Patiño defendeu aos
outros dous, Manuel Botana e Jesús Rey, alegando lexítima defensa e engadindo
que tampouco se podía demostrar con absoluta seguridade que fose ningún deles o
autor do disparo mortal.
Como adoitaba suceder, o tribunal popular de
Ordes púxose de parte da defensa e ditaminou veredicto de inculpabilidade. Os
mozos de Fornelos quedaron libres para alegría das súas familias e Jesús Suárez
foi unha vítima máis, o inevitable tributo de sangue que cobraban os bailes daqueles tempos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario