Se no concello de Ordes o Camiño orixinal persiste (aínda que moitos tramos fosen convertidos en estradas asfaltadas), non ocorre o mesmo no de Oroso. Na zona de Deixebre bastante despoboada no século XIX quedou máis descoidado. Finalmente, nos anos 70 do século XX (época na que o Camiño Inglés aínda non preocupaba a ninguén) a Autoestrada do Atlántico sepultou o antigo trazado durante case 5 km. Por este motivo, despois de Baxoia, facíase pasar aos peregrinos debaixo da AP-9 e logo de 600 metros tomar unha pista de concentración forestal paralela á autoestrada. Este tramo, cunha recta de 5 km que acababa no polígono industrial de Sigüeiro, era o máis aburrido de todo o traxecto.
Isto durou ata setembro de 2014 en que a Xunta delimitou un novo trazado, bordeando a autoestrada, que está máis próximo ao que era realmente o antigo camiño. De todos os xeitos, como non se empezou a publicitar e a marcar sobre o terreo ata o verán de 2017, a gran maioría de peregrinos seguiron utilizando a pista forestal.
Pertenceu historicamente á Xurisdición de Folgoso. O "Diccionario geográfico estadístico" de Sebastián de Miñano precisa que en 1828 tiña só 23 casas e uns escasos 120 habitantes. 20 anos despois, o "Diccionario de Madoz" engade algunha casa e 10 habitantes máis (130). Producía cereais (trigo, centeo e millo) gando (vacún, cabalar e lanar) caza (perdices, lebres e xabarís). Tiña dous muíños fariñeiros e comerciaba con viños do país.
Na actualidade a poboación rolda os 340 habitantes.
Os Carballos é o principal núcleo de poboación, precisamente por estar na N-550. A Igrexa parroquial de Deixebre que estaba no vello Camiño desapareceu e erixiuse outra nos Carballos ao redor de 1.917 aproveitando elementos da vella. Posteriormente nos anos 40 tamén se trasladou o cemiterio. En 1964 inaugurouse a actual igrexa, sendo párroco D. Jesús Vázquez Quintela.
Despois de saír da parroquia de Montaos no concello de Ordes cruzamos a estrada que ven da N-550 e atopamos a Baxoia, unha aldea lineal nacida a ambos os dous lados do camiño. Agora é unha estraña mestura na que conviven vellas vivendas (algunha ben restaurada e outras completamente estragadas) con novas edificacións de discutible gusto.
Ao pasar a Baxoia hai un túnel por debaixo da AP-9. Aquí hai que seguir cara ao sur sempre a carón da autoestrada. Uns 350 metros despois está o pequeno lugar de Agrelo partido en dous pola vía. Agrelo é un diminutivo de agra -campo, terra de labor-.
Ao oeste queda o lugar da Rúa, probablemente relacionado co Camiño ("rudus" era a penúltima capa que os romanos botaban no firme dunha calzada) e a uns 300 metros o lugar de Vilar de Arriba onde hai unha antiga medorra.
A uns 400 metros de Agrelo, seguindo a autoestrada chegamos ao lugar máis interesante do tramo: a Fonte da Santiña.
Esta era unha fonte popular nos arredores e considerábase que a súa auga era boa para curar a sarna. Un pouco máis abaixo estaba outra fonte milagreira, a de Santa Margarida, boa para os males da gorxa. Esta última desapareceu coa autoestrada.
A pouco máis de 100 metros ao SE estaba a antiga igrexa de Deixebre e o cruceiro. A casa reitoral aínda existe pero habitada por un particular. Conserva un precioso reloxo de sol nunha das súas esquinas.
Desde a Fonte da Santiña continuamos camiñando pouco máis de 500 metros a carón da autoestrada e entramos xa na parroquia de Oroso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario