martes, 27 de junio de 2017

A Estación de Fosado


  A comezos do século XXI (entre 2001 e 2011) a liña ferroviaria entre Santiago e Coruña sufriu un profundo cambio. Foi modernizada (aínda que o ancho de vía segue sendo diferente do europeo), electrificada a 25 Kv e modificado o seu trazado.
  Pero para Ordes, como nunha canción de Julio Iglesias, "la vida sigue igual".
  Cando en 2003 o ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, advertía de que os ordenses podiamos sentirnos orgullosos de vivir no único municipio galego con estación de AVE, os máis vellos do lugar tiveron un déjà vu.
 Nos anos 30 do século XX sucedera practicamente o mesmo. A estación de Ordes foi construída na Pontraga a 4 quilómetros e medio da vila e inaugurada en 1943. A lenda popular atribuíu esa localización a escuros intereses económicos.
  O caso é que o tren foi un fracaso.  A pesar de estar comunicada a estación coa vila por unha liña de autobús, que lle foi concedida á empresa Rogelio, nunca foi demasiado utilizada. Conforme foron mellorando os autobuses e "Castromil" ampliando os horarios da liña Santiago-Coruña, a estación esmoreceu. Desde os anos 70 xa case ninguén a utilizaba.
  Pois ben, coa nova estación a situación repetiuse (pero aínda peor). Hai 2,5 km por unha estrada sen beiravías nin beirarrúas ata Santa Cruz de Montaos, lugar onde se pode esperar o autobús e outros case 5 (4,8 km) ata o centro de Ordes.
  O paso do tempo (non se necesitou moito) deu a razón ás voces críticas que reprocharon ao alcalde Teodosio Martino que non presentase alegacións ao trazado ferroviario que illaba a estación da vila de Ordes e propuxese outra alternativa.
  Só uns anos despois o panorama no apeadeiro resulta desolador. Fosado é unha estación pantasma, que máis parece unha vía morta que unha infraestrutura de futuro. Só dous trens en cada sentido (Santiago-Coruña e Coruña-Santiago) teñen parada nela ao día. Son poucos pero sobran, xa que practicamente ningún usuario utiliza o servizo.
  Pola súa banda, Adif desentendeuse, segundo criticou o propio Concello, do coidado da estación. Ata tal punto chegou o deixamento, que no edificio xa non quedan nin cristais que romper. Todos os cristais foron apedreados e os anacos atópanse esparexidos polas distintas dependencias, que nunca foron utilizadas.

 
  Iso si, non todo é negativo. Segundo a páxina web "Mispicaderos" é un lugar excelente e discreto aínda que puntualizan que mellor usalo de 12 da noite a 5 e media porque "no pasa ningún tren" (supoño que o ruído pode desconcentrar ás parellas). 
 
 Xa na terceira década do século XXI, as cousas non melloraron en absoluto. A estación permanece pechada e os 8 trens que pasan diariamente non paran se non traen viaxeiros e non ven a ninguén esperando. Segundo datos facilitados por RENFE, no ano 2019 foron só 2.294 os viaxeiros con orixe ou destino en Ordes (un pouco máis de 6 por día). A cifra caeu en 2020, o ano da pandemia, á 1.373 viaxeiros e volveu a subir a 1.793 no ano 2021 (case 5 pasaxeiros por día).

No hay comentarios:

Publicar un comentario