A chegada da democracia foi unha especie de
ano cero para a lingua galega. Había que crear unha normativa que contentase á
maioría dos galegos a partir das numerosas variantes existentes. En canto á lingua
escrita, as principais opcións eran dúas: estaban os partidarios dunha grafía
similar á castelá -despectivamente chamados isolacionistas- e os que querían
reintegrar o galego na órbita portuguesa, que se chamaban a si mesmos
reintegracionistas -pero eran máis coñecidos, tamén despectivamente, como lusistas-.
Esta encarnizada guerra (que doutra banda tiña lugar baixo o descoñecemento e
indiferenza da inmensa maioría da xente) recruouse na década dos 80 coa
aparición de AGAL (Associaçom Galega dá Língua) en 1981. Baixo o seu paraugas foron nacendo outras pequenas
agrupacións reintegracionistas locais.
Neste contexto naceu a ARO (Associaçom
Reintegracionista de Ordes). O caldo de cultivo foi o instituto -hoxe
IES Nº 1- onde o profesor Júlio Diéguez, que usaba a normativa reintegracionista nas
súas clases, causou gran efecto e influencia nun grupo de alumnos con fortes
inquietudes culturais e ideas políticas nacionalistas.
Así, en xuño
de 1988 constituíuse oficialmente a ARO,
que segundo os seus estatutos tiña como obxectivo fundamental a "Normalización do galego-português na Galiza".
Os membros de máis idade eran o matrimonio de profesores Rosário Fernández Velho* Charo e Francesco Traficante e o licenciado en Maxisterio Manuel Paços -o futuro fundador do Obradoiro da Historia en 1996-. Xunto a eles un grupo de ex-alumnos do instituto que roldaban entón os 18 anos entre os que estaban Rosa Gonçález Carvalhido (presidenta desde 1990), Cristina Mourón Figueroa (secretaria) Antom Juncal Costa (encargado da revista), Fernando do Rio (representante da asociación no Padroado), Pilar Costa Pena ou Teresa Rey Sanmartín.
Os membros de máis idade eran o matrimonio de profesores Rosário Fernández Velho* Charo e Francesco Traficante e o licenciado en Maxisterio Manuel Paços -o futuro fundador do Obradoiro da Historia en 1996-. Xunto a eles un grupo de ex-alumnos do instituto que roldaban entón os 18 anos entre os que estaban Rosa Gonçález Carvalhido (presidenta desde 1990), Cristina Mourón Figueroa (secretaria) Antom Juncal Costa (encargado da revista), Fernando do Rio (representante da asociación no Padroado), Pilar Costa Pena ou Teresa Rey Sanmartín.
A súa presentación pública foi o 13 de
xaneiro de 1989 no salón de actos da Cámara Agraria (presentación que acabou
cun viño no Bar Corzo). Durante tres ou catro anos relizaron un intenso
traballo con múltiples actividades: cursos de galego baixo a normativa reintegracionista,
conferencias a cargo de lingüistas (normalmente membros da AGAL), encontros con
outras asociacións, Magostos populares, recitais poéticos, exposicións de
libros, participación na obra "História da Língua
en Banda Desenhada", participación no Padroado Municipal de
Cultura... Ata lograron unha felicitación do erudito local Manuel Astray.
Tamén editaron dúas publicacións: a revista
"ARO" e o xornal "O MÊS".
ARO
Entre os anos 89 e 92 apareceron sete
revistas que custaban 250 pesetas. As
primeiras eran simplemente un grupo de folios A4 fotocopiados e grampados. A
última, máis profesional, con portada de cartolina e maquetación máis
traballada custaba xa 300 pesetas.
Loxicamente
había moitos artigos que tiñan que ver coa lingua (a súa defensa, normalización,
a normativa...) e que eran os máis aburridos para os lectores ocasionais, pero
logo había tamén bastante variedade, respondendo aos distintos gustos dos
membros (que, para dar impresión de maior número, ás veces usaban dous ou tres pseudónimos diferentes).
Francesco Traficante, que tiña varios
pseudónimos, era o que máis escribía sobre cuestións políticas, Manuel do Rio Gômez
-futuro profesor do instituto de Ordes- adoitaba facer artigos de divulgación
científica, Joám
Carlos Miranda -moi afeccionado á música- falaba dela nunha
excelente sección chamada "A Terra das mil danças"
e Daniel
Pereiro -futuro profesor e membro do Obradoiro da Historia-, que era
o narrador máis dotado, escribía baixo o pseudónimo de R. Vestilheiro pequenos
contos moi entretidos. Había poemas de Reme Liste e de Fernando do Rio Guilhim, baixo o pseudónimo de "Guilhao". Este último tamén facía ilustracións e cómics. A
partir do número 5 colaborou Xan Ferreiro* (que non era reintegracionista pero
si amigo de varios membros da asociación) con páxinas do seu cómic, aínda non publicado, "Valadouro &
Co".
Como anécdota curiosa, un dos primeiros
números que tiña na portada unha muller en bañador (debuxada con trazos
xeométricos) foi duramente atacado por unha organización irmá, as MNG (Mulheres
Nacionalistas Galegas) que tamén eran reintegracionistas e que vetaron a súa venda nalgúns locais. A portada do
número 4 é salientable por estar inspirada no famoso anuncio publicitario
"1984" de Apple Macintosh.
O MÊS
ARO cambiou de estratexia e decidiu facer un
xornal mensual que comezou a saír en novembro de 1991 e rematou en outubro de
1992. Os dous primeiros números custaban 50 pesetas e os demais subiron a 75. Tiña
como subtítulo "Vozeiro comarcal"
porque non só traía novas de Ordes senón tamén doutros concellos. Este formato
seguía tocando temas de cultura e lingüistica pero profundaba máis na crítica e
na política.
O "conselho de
redacçom" incluía a Manuel Paços, Maria Regos, Manuel Belho
e Jorge Pulheiro (si, o da tenda ATX) ademais
doutros xa mencionados (Charo, Francesco, Guilhim, JC Miranda, Manuel do Rio e
Dani Pereiro).
A tirada era duns 200 exemplares pero houbo algún
número (o que falaba dos problemas laborais en Viriato) que superou esas cifras
e foi un gran éxito de vendas.
Pouco tempo despois constituíuse a asemblea
local do BNG en Ordes. A gran maioría de membros da asociación integráronse nesta formación politica á que dedicaron as súas enerxías e deste xeito
desapareceu a ARO.
* Os nomes e
apelidos están escritos en galego reintegrado.
Xan Ferreiro: ou sexa, eu.


Querido Juan. Moitas grazas pola reseña sobre ARO. Só comentar que entre os/as membros fundadores da asociación estábamos Pilar Costa Pena, Teresa Rey Sanmartín e eu mesma, Cristina Mourón Figueroa, como secretaria. No IES 1 de Ordes só había un profesor que nos ensinaba a normativa reintegracionista, Júlio Diéguez, quen era profesor da materia de lingua galega e foi o impulsor da creación da asociación. Saúdos.
ResponderEliminar