A Ley de Sindicatos Agrícolas de 1906 trouxo como consecuencia a
aparición de numerosas asociacións agrarias por toda Galicia. A comarca de
Ordes no foi allea a este bum e xa en xuño de 1907 viu nacer "La Honradez" no propio
Ordes e outras como a "Liga de
Propietarios y colonos" (Frades), a "Sociedad de Labradores" (Mesía) ou o "Sindicato Agrícola" de Trazo.
Julio Pol Caamaño (1860-1941), criado nas ideas
republicanas, foi o principal impulsor do agrarismo na nosa comarca.
Na provincia da Coruña as asociacións agrupáronse
en dous movementos que, curiosamente, non tiñan orixe campesiña pero que
aspiraban a lograr o seu apoio con moi distinta finalidade política.
-
A Unión
Campesina, de ideoloxía anarquista, apareceu en setembro de 1907 na Coruña e tiña como dirixentes
máis destacados a Manuel Martínez Pérez,
formado en Cuba, que dirixira a sección de "Oficios varios" da CNT
coruñesa, e José Moreno Bello,
labrador da Grela.
A Unión
(ao contrario que a súa competidora, Solidaridad
Gallega) non participaba na política municipal e defendía o abstencionismo.
Centrábase na eliminación dos foros e de certos tributos, de modo especial os fielatos que había nas entradas das
cidades. Os seus métodos incluían as folgas, boicots e a violencia (mesmo
mortes).
Tivo un éxito breve e limitado. Aínda que
chegou aos 14.000 asociados no ano 1908, só tivo presencia na comarca coruñesa
e no concello de Ordes. A maioría dos seus asociados uníronse á Solidaridad Gallega e, en 1910 xa non
contaba nada.
-
A Solidaridad
Gallega nace, a imitación de "Solidaritat Catalana" (que
tivera bos resultados electorais en abril), coa intención de participar na política
tanto municipal como estatal, por parte de sectores excluídos do turnismo
restaurador.
Era unha complicada mestura de carlistas (Juan Vázquez de Mella), católicos (Ramón Bernárdez, abade da
Colexiata de Santa Mª), galeguistas
(Manuel Murguía, Galo Salinas, Eugenio Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire...), republicanos federais (Segundo Moreno Barcia)
e certos republicanos (José Rodríguez Martínez "Médico
Rodríguez", Rodrigo Sanz López, Santiago Casares Quiroga...) que serían os
dirixentes da sección agraria.
O Manifiesto
Solidario de agosto de 1907,
orixe do movemento, foi firmado por 42 persoas (8 catedráticos, 6 avogados, 10
comerciantes, 5 propietarios, 1 banqueiro, 3 médicos...). O anticaciquismo e a mellora das condicións dos
campesiños eran dúas das súas prioridades. Non pedían nada revolucionario:
redención dos foros, ampliación dos arrendamentos, adiantos de sementes...
A pesar da súa orixe cidadá, o éxito foi sorprendentemente
rotundo entre os campesiños, o que demostraba ata que punto estes estaban
desexosos de facer oír a súa voz. En decembro de 1907 case chegaban a 200 as
asociacións adheridas a ela, en xaneiro de 1908 xa eran 250 (entre elas as da
comarca de Ordes antes mencionadas) e no seu momento de esplendor chegaron a
400.
Tamén na política municipal, a pesar das trabas
dos caciques, chegaron a lograr 258 concelleiros en 1909. Especialmente exitosos
foron na zona de Betanzos, Pontedeume e Ferrol.
Pero tamén chegaron pronto os problemas. Moitos
campesiños tiñan moito rancor acumulado e empezaron a escapar do control da
asociación. As asambleas que se celebraban co obxectivo de sentar as bases para
un entendemento entre propietarios e labregos eran anuladas en cada concello e
parroquia por un furor campesiño que non admitía a menor concesión.
Xa en 1908 hai unha actuación do xuíz de
Ordes contra a asociación "La Honradez" por "supuestas extralimitaciones". En Frades produciuse o
suceso máis grave do noso entorno: un atentado contra a Casa Consistorial que
tamén destruiu parte das casas do alcalde e o secretario, noticia que alcanzou
repercusión nacional. Non foi un caso illado aínda que os outros incidentes
foron menores.
Pero os feitos máis graves con talas e
queimas de moitos montes teñen lugar en 1909 en Betanzos, a praza forte dos
solidarios. "La Mano Negra en
Betanzos" proclamou a prensa, comparando os sucesos cos atentados da famosa organización anarquista.
Quizais por iso quebrou a Solidaridad tan rápido, incapaz de superar as súas propias
contradicións de orixe e de dar unha resposta coherente ás demandas dos
campesiños fronte aos gobernantes e ao ministerio do interior, casualmente dirixido por un
galego, o Marqués de Figueroa (que precisamente era un dos grandes propietarios da época).
Os sectores
máis moderados foron abandonando o barco mentres distintos grupos loitaban polo
poder. Rodrigo Sanz rematou por ser o lider... dun barco á deriva. En 1911 só 85 asociacións permanecían
afiliadas á organización e en 1912 estaba practicamente morta. O agrarismo en
Galicia xa só tiña unha voz: Basilio Álvarez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario