Na historia do parlamentarismo español
sucedéronse distintos modelos electorais. En tres etapas (De 1846 a 1854, de 1856 a 1865 e de 1870 a 1923) a
representación política fíxose por distritos
electorais que coincidían normalmente cos partidos xudiciais. Nos demais
períodos a representación foi, como agora, provincial.
As primeiras eleccións foron en 1810, en plena guerra contra os
franceses, para elixir os deputados das Cortes de Cádiz. Nesta ocasión só
puideron votar os varóns maiores de 25 anos. Nas seguintes eleccións que se
celebraron en 1813 e logo no trienio liberal (1820 e 1822) a idade de votación
baixouse aos 21 anos.
No reinado de Isabel II (1833-1868) o sufraxio era censitario: só podían votar os maiores contribuíntes e os membros
dos concellos (máis ou menos un 20 %).

No ano 1862 o deputado por Ordes,
substituíndo ao seu pai, foi o avogado coruñés Pedro
Calderón Herce Marqués de Algara de Gres (1836-1891). Só 4 anos despois, en 1864,
resultou elixido o avogado Manuel Batanero Montenegro, veciño da Coruña, que representaría ao distrito 3 anos, pasando logo ao de Santiago.
No Sexenio Revolucionario (1868-1874) os representantes do distrito ordense foron D. Joaquín Hernández Rodríguez, D. Juan de Dios Bernuy
Jiménez de Coca -Marqués de Benemají-, D. Manuel de Ciria y Vinent -Marqués de
Corvera- e D. Francisco Palacios Sevillano. Todos eles eran "cuneros", e dicir, persoas sen ningunha relación co lugar que representaban.
No hay comentarios:
Publicar un comentario