domingo, 28 de diciembre de 2025

Poboación da comarca en 1873

 
  Velaquí os datos de poboación da comarca tomados do Nomenclátor de 1873, no que non aparece, non sei a razón, a parroquia de Buscás. As outras 74 sumaban en total 25.142 habitantes. Estimando por outras vías que Buscás debía ter arredor dos 500 habitantes, a poboación total da comarca roldaría os 25.650 habitantes, polo que a súa densidade media era de case 34 habitantes por km cadrado.
  E debo recordar de novo que os censos de todo o século XIX son de moi escasa fiabilidade (normalmente estaban un pouco inchados), así que non tomedes estes datos ao pé da letra.
 
Nomenclátor de 1873 - Poboación da comarca de Ordes
Abellá 481 (38)
Céltigos 181 (49)
Numide 171 (29)
Aiazo 250 (50)
Cerceda 578 (42)
Olas 313 (41)
Albixoi 294 (39)
Cumbraos 201 (23)
Ordes 958 (96)
Andoio 225 (35)
Chaián 393 (51)
Oroso 496 (49)
Ánxeles 291 (39)
Deixebre 140 (28)
Papucín 240 (35)
Anxeriz 385 (24)
Encrobas 970 (42)
Parada 551 (46)
Añá 286 (57)
Frades 225 (24)
Pasarelos 180 (41)
Ardemil 758 (35)
Gafoi 215 (38)
Pereira 345 (31)
Barbeiros 299 (29)
Galegos 180 (26)
Poulo 422 (52)
Bardaos 267 (29)
Gándara 160 (23)
Queixas 701 (32)
Bascoi 172 (16)
Gorgullos 467 (20)
Restande 261 (38)
Beán 371 (42)
Lanzá 159 (32)
Rodís 926 (34)
Benza 297 (34)
Ledoira 238 (55)
Senra 428 (53)
Berreo 213 (28)
Leira 513 (34)
Tordoia 196 (63)
Boado 242 (33)
Leobalde 149 (31)
Trasmonte 324 (43)
Bruma 176 (88)
Lesta 235 (20)
Trazo 210 (21)
Buscás ?
Marzoa 171 (27)
Vilouchada 166 (22)
Cabaleiros 533 (34)
Meirama 320 (27)
Viladabade 483 (26)
Cabrui 203 (15)
Mercurín 299 (20)
Vilamaior 390 (42)
Calvente 130 (30)
Mesía 487 (34)
Vilarromariz 230 (33)
Campo 326 (29)
Mesos 427 (85)
Visantoña 469 (41)
Cardama 250 (44)
Moar 500 (66)
Vitre 265 (26)
Castelo 124 (18)
Montaos 404 (38)
Xanceda 397 (24)
Castenda 285 (22)
Monzo 138 (22)
Xavestre 646 (38)
Castro 145 (32)
Morlán 251 (25)
Xesteda 370 (22)
 
  Como podedes ver as 10 parroquias máis poboadas eran: As Encrobas, Ordes, Rodís, Ardemil, Queixas, Xavestre, Cerceda, Parada, Cabaleiros e Leira.
  A presenza de 5 das 6 parroquias de Cerceda é debido máis ao seu gran tamaño que a que tivesen maior densidade de poboación.
  A parroquia menos poboada era Castelo (Trazo), aínda que menor densidade de poboación había en Cabrui e Bascoi no concello de Mesía.
  Non obstante había moita menos desigualdade que na actualidade. A diferenza entre a parroquia máis poboada (Encrobas) e a menos poboada (Castelo) era de menos de 900 habitantes, mentres que na actualidade a parroquia de Ordes supera á poboación total de cada concello da comarca, agás Oroso.
 

POBOACIÓN por CONCELLOS e DENSIDADE en 1873

Cerceda: 3.865 (34 hab/km2)
Mesía: 3.258 (30 hab/km2)
Oroso: 2.800 (38 hab/km2)
Trazo: 3.025 (30 hab/km2)
Frades: 3.488 (42 hab/km2)
Ordes: +- 6.053 (38 hab/km2)
Tordoia: 3.161 (25 hab/km2)
Comarca: 25.650 (34 hab/km2)
 
  O concello máis poboado era Ordes con máis de 6.000 habitantes e Oroso (quen o diría!) era o que tiña menos xente.
  E por se non vos decatastes, Frades, Mesía, Tordoia e Trazo teñen menos poboación na actualidade que naquel lonxano 1873. Tordoia que tiña só 20 habitantes máis no ano 2024, baixou no 2025.

jueves, 25 de diciembre de 2025

Cruceiros de Poulo

   Dos tres cruceiros que hai na parroquia de Poulo o de maior interese artístico é o cruceiro da Calle que está preto da capela da Mercé.
 

  Na parte sur do adro da igrexa do Outeiro está o segundo cruceiro, caracterizado pola súa sobriedade. Probablemente foi construído en tempos da Guerra Civil pois sabemos que o que había anteriormente foi danado. Isto tamén explica que o material usado fose o formigón, aínda que un pequeno desperfecto nas gradas revela que o interior destas é de ladrillo, un material aínda máis barato.
  Consta dunha plataforma cuadrangular de 3 graos que levanta uns 80 centímetros do chan. A continuación un varal cadrado pero con chafráns de 2 metros de altura. Na súa cara oeste vense os únicos adornos que se permite: unhas tenaces, tres cravos, un martelo e unha escaleira, elementos da paixón de Cristo.
  Un capitel cuadrangular duns 20 centímetros cun relevo ovalado da paso a unha cruz tamén cuadrangular duns 90 centímetros de altura sen ningunha figura.
  O conxunto mide algo menos dos 4 metros e ten gran finura de liñas.
 

  Aínda hai outro cruceiro na área recreativa da Fonte de Nosa Señora a uns 600 metros da Calle. Deste, sabemos que foi erixido na posguerra (inaugurado en xuño do ano 1947). Está feito de granito (agás as gradas que son de cachotería) e é menos alto (uns 3,20 metros) e esvelto que o do Outeiro. Consta de 2 gradas duns 50 centímetros, un varal cadrado con chafráns de 1,80 metros, sobrio capitel de tronco piramidal e cruz tamén sen imaxes duns 70 centímetros. A humidade do lugar fai que teña unha permanente capa de liques.
 

sábado, 20 de diciembre de 2025

Accidente en Bens


  A inauguración da Refinería Petroliber o 11 de setembro de 1964 foi un evento que marcou un punto e aparte na historia da Coruña e de Galicia, xa que deu traballo directo a máis de 300 persoas e converteuse nun dos motores básicos da economía galega.
  Xa a súa construción dera un gran pulo á zona, pero como ocorre en calquera proxecto desa envergadura non estivo exento de accidentes.
 
  Un deles impactou especialmente en Ordes xa que todos os obreiros afectados eran nativos do noso concello. O martes 11 de febreiro de 1964 ás doce e media da mañá, un grupo de obreiros de «Arias Hermanos» estaba nunha canteira de Bens, explotada pola empresa e propiedade da Refinería, golpeando unhas rochas de gran tamaño e fraccionándoas en anacos máis pequenos. Nese momento produciuse un gran desprendemento, motivado posiblemente por unha filtración de augas, que sepultou a varios dos traballadores.
  Inmediatamente os compañeiros iniciaron o labor de rescate e lograron desenterrar feridos pero con vida a José Gómez Iglesias de 34 anos e a Antonio Caamaño Lata de 32 anos, naturais os dous da parroquia de Ardemil en Ordes. Desgraciadamente os rescatadores constataron ao recuperar os corpos que os outros dous compañeiros morreran instantaneamente. Eran Jesús Martínez Gómez de 55 anos, natural de Parada, e Antonio Villaverde Iglesias de só 18 anos e natural de Guindibóo en Montaos.
  Pouco despois de ocorrido o accidente, compareceu no lugar do suceso o Xulgado de Instrución número 2, que comezou as dilixencias e autorizou o traslado dos cadáveres ás súas casas. Os feridos, tras ser asistidos na clínica do doutor Ramallal, regresaron pola tarde ao domicilio familiar.
  A pesar da traxedia, pode dicirse que aínda houbo sorte porque a empresa tiña pensado colocar uns barrenos na base da canteira, pero por diversos motivos a tarefa aprazouse ata despois para comer. Por outra banda, dado que era época de festas, moitos dos obreiros non foran ao traballo. Estas dúas circunstancias evitaron unha catástrofe de grandes dimensións.
  Catástrofe que si se produciu na imaxinación popular, porque ao chegar as confusas primeiras novas á capital, apareceu o consabido efecto bóla de neve e os mortos multiplicáronse exponencialmente. Ata tal extremo chegaron os comentarios que o mesmo alcalde Sanjurjo de Carricarte compareceu no lugar, constatando con alivio que a realidade era bastante menos dura do que esperaba.
 
  Pero en dous fogares de Ordes a traxedia si era inmensa, porque as circunstancias persoais das familias eran moi dramáticas. Jesús Martínez deixaba unha viúva maior e 6 fillos de entre 29 e 15 anos (dous deles impedidos e un enfermo cronico), mentres que o mozo Antonio Villaverde -único sostén familiar- deixaba un pai incapacitado, unha nai con tuberculose e catro irmáns de entre 16 e 5 anos (estando o maior impedido).
  O xoves 16 de abril a súa situación mellorou algo pois o delegado provincial de Sindicatos Luis Segura Marcos entregou donativos aos familiares dos 5 traballadores mortos en accidentes nas canteiras de Labañou e Bens. Á viúva de Jesús Martínez entregoulle 6.000 pesetas e ao pai de Antonio Villaverde 4.000 pesetas.
  Pero o desafogo definitivo chegou 5 meses despois porque en acordo adoptado polo Consello de Administración de Petroliber o 10 de setembro de 1964 as familias dos 5 obreiros mortos (máis un incapacitado) nas obras de construción da Refinería recibirían unha compensación. Así a familia de Jesús Villaverde recibiu unha axuda vitalicia de 5.000 pesetas mensuais e colexio para os irmáns menores e a de Jesús Martínez outra de 4.000 pesetas mensuais (1.000 para a nai e 1.000 para cada fillo impedido ou enfermo crónico).
  Ademais dedicou 150.000 pesetas para comidas extraordinarias no «Día Petrolíber» en todos os Centros Benéficos da Coruña e concedeu a todo o persoal da empresa unha paga extraordinaria con motivo da inauguración da Refinería. Dita paga excedía dous millóns e medio de pesetas.
 
José Gómez Iglesias Pepe de Xanarde, tamén chamado o Ovelleiro, que viviu en Cabeza de Lobo morreu no 2022 aos 92 anos de idade. Estaba casado con Adolfina López Candal, coa que tivo 5 fillos. Está soterrado en Ardemil.
Antonio Caamaño Lata, que viviu en Achán, morrería no 2015 aos 84 anos de idade. Casou con Avelina Iglesias Caamaño (1923-1999) coa que tivo un único fillo, José Antonio Caamaño Iglesias. Está soterrado en Ardemil.
Jesús Martínez Gómez (†) estaba casado con Estrella Recouso Viqueira (1909-2002), coa que tiña 6 fillos: Evina, Jesusa, Evaristo (†), Estrella, Mª Carmen e Flora Martínez Recouso. Evaristo traballou na Refinería.
Antonio Villaverde Iglesias (†) era fillo de Manuel Villaverde Manteiga e de María Iglesias Ferreiro a Habanera (1921-2016). Os seus irmáns eran Manuel, José, Elisardo e Francisco.

martes, 16 de diciembre de 2025

Bromas de antano

  Nos vellos tempos as bromas eran unha parte importante da realidade social. Non había apenas diversións fóra do duro traballo, así que bromas que hoxe nos parecen dignas de xulgado de garda entón eran moeda habitual.
  Non só producían ledicia momentánea senón que tamén proporcionaban material que contar nas tertulias nocturnas das lareiras ou nas tabernas e as máis notables convertíanse case en lendas porque progresivamente íanse adornando con novos detalles ao longo do tempo.
  Nunha época tan dura onde a maioría da xente era tan seria, os bromistas contumaces formaban unha caste especial, odiada e admirada ao mesmo tempo. Algunhas das súas aduanadas aínda son recordadas e polo tanto os seus nomes. Entre eles había desde mozos trangalleiros como Alfonso Ruibal Canaima que se vestía cunha saba para asustar aos transeúntes nocturnos que pasaban pola actual Vista Alegre, ata un sacerdote: o cura Duro de Montaos, que ás veces sorprendía aos fregueses coas súas saídas.
 
 
OS GHOCEBELLOS
  Unha broma case universal no mundo rural é convencer a un forasteiro da existencia duns animais que só se poden coller de noite no medio do monte. En Castela o nome máis común é gamusinos e en Galicia biosbardos, pero en Ordes sempre se lles chamou ghocebellos.
  A vítima máis notable foi nos anos 10 do século XX un xuíz castelán chamado don Antonio, que andaba normalmente vestido con chaqueta de estopa branca, lazo en vez de gravata e sombreiro de palla cubano, ademais dun reloxo cunha cadea e medallas cruzando o peito. Os mozos algareiros da vila convencérono para ir buscar uns bechos polos que se pagaba moito diñeiro, que logo poderían repartir entre todos.
  Levárono ben lonxe de Ordes ata chegar á Chousa da Muruxosa e déronlle un saco e un caldeiro vello cun rebolo para petar nel. Logo deixárono para supostamente ir encirrar aos ghocebellos que fosen na súa dirección, mentres el quedou berrando a copla tradicional:
"Ghocebello, vente ó rello,
que Xan da Albarda por ti agarda".
  Bourando no caldeiro e cantando estivo ata moi tarde. Cando xa se decatou da broma, camiñou completamente desorientado e quixo a sorte que fose parar a aldea de Gosende. Alí atopou a Dolores Lois (a nai de Manuel Lois) e ao porteiro do Xulgado (tamén castelán) Ricardo Robado que o acompañaron ata Ordes. Conta a lenda que ese día, acompañando ao xuíz, namorouse a parella que acabou casada e vivindo no Recreo. Terían 6 fillos, ata que ela morreu en 1925.
 
ESTEVO DE CESTAÑOS
  O patriarca dos Estevos do Casal foi un gran algareiro.
  A súa cuñada Carmela era pretendida por Andrés, un mozo que ía desde O Alto a Cestaños andando acompañado dunha cadela porque era bastante medoso. Estevo escondeulle a cadela e o mozo tivo que emprender o camiño de volta xa de noite sen ela. Estevo logo atoulle unha caldareta vella ao rabo e soltouna. A cadela saíu correndo seguindo a pista do seu amo e a este, cando oíu o ruído, case lle estoupou o corazón. Non se matou de milagre correndo a todo galope polas corredoiras e chegou ao Alto sen folgos.
  Outra vez fíxolles crer ás mulleres de Cestaños que había Misa do Galo na igrexa de Mercurín. A súa muller, Pilara, dixo que non a perdía por nada. De noite todas xuntas en fila seguindo a unha que levaba un farol parecían talmente a Santa Compaña e todos os que se cruzaban con elas fuxían aterrados. Cando chegaron á igrexa atopárona pechada, así que Pilara rezou o Rosario dando voltas coas outras mulleres polo adro. Os veciños de Mercurín non ousaron achegarse a ver quen eran. Volveron de novo a Cestaños antes de abrir o día e foron recibidas por Estevo cantando coma se fose un galo.
  O seu neto Estevo herdou esa vea. Nos anos 50 morreu Vicente da Ponte e a campá levaba tempo tocando. Estevo viña da vila e a súa muller e nai preguntáronlle quen era o morto. Con total seriedade mentiulles e díxolles que era o xastre Picho que vivía no Recreo. Elas avisaron a outras mulleres do Casal e foron á casa do Picho cubertas con mantóns negros para dar o pésame. Chegaron á eira da casa e alí imaxinade o seu abraio cando oiron a estrañada voz do "morto" berrando: "A onde carallo ides???".
 
O ENTERRO DA PICONA
  A Picona era unha muller anciá que vivía no que hoxe é o Casal 13 camiño do Campomaior. Morreu solteira e sen familia, así que só algúns mozos do Casal foron ao seu velorio e alí quedaron tomando café e augardente. Nun determinado momento Estevo convenceu a Manolo de Mariño para sacar o cadáver da caixa e metelo debaixo da escaleira. Juan Abruñeiras vestiu con roupa dela e co pano na cabeza e logo meteuse no ataúde ao que lle puxeron a tampa. Como tiñan unha boa cantidade de alcol enriba, quedaron durmidos. Cando chegou o cura e os acompañantes para levala para a igrexa pola mañá (nesa época todos os enterros eran a esa hora), sacaron a caixa á eira. Nese momento levantouse Abruñeiras dun golpe dándolle tal susto á xente que moitos deron un berro e case caeron de cu... menos Juan de Barreiro que escapou coma un lóstrego ata a súa casa sen sequera tirar a cruz polo camiño do medo que levaba enriba.
  Así as gastaban no Casal naqueles tempos.
FONTE: "Historia viva" de Manuel Rodríguez.

sábado, 13 de diciembre de 2025

O ano 1964

  En 1964 continuou a baixada de tensión que iniciara o ano anterior. En outubro na URSS Nikita Kruschev foi destituído e substituído por Alexei Kosyguin (1º Ministro) e Leonid Brezhnev (Secretario Xeral do CC do PCUS). nos USA, pola súa banda, o demócrata Johnson gañaría as eleccións de novembro contra Goldwater con ampla maioría, o que lle permitiría seguir coa súa política progresista, da que dera probas coa sinatura da Lei de Dereitos Civís en xuño. Esa aposta mundial pola paz tamén se viu no premio Nobel a Martin Luther King e na reunión que tiveron o papa Pablo VI e o patriarca ortodoxo Atenágoras no simbólico Monte das Oliveiras de Xerusalén (a primeira desde 1439!). No RU comezaba a 1ª etapa do laborista Harold Wilson. África contemplou o nacemento dun novo país, Tanzania, coa unión de Tanganica e Zanzibar, e a condena a cadea perpetua para Nelson Mandela.
  O 10 de outubro comezaron as Olimpíadas de Tokio, que ensinaron ao mundo que Xapón xa estaba de volta, senón militarmente, si económica, cultural e tecnoloxicamente. Outro evento moi icónico foi a Feira Mundial de NY.

  En febreiro 73 millóns de persoas viron aos Beatles no show de Ed Sullivan, nacendo a "Beatlemania". Pero 1964 tamén deu cancións como The Sounds of Silence, I Get Around, You Really Got Me ou a versión de The Animals de The House of The Rising Sun. Houbo impresionantes películas como My Fair Lady e series de TV tan míticas como The Man from UNCLE, Bewitched, The Addams Family e The Munsters. Ah, e tamén se publicou o libro de Roald Dahl Charlie and the Chocolate Factory.
 
España melloraba economicamente pero foi un mal ano para o sector agrícola que pedía un aumento no prezo dos cereais. 1964 marcou un fito demográfico, nacendo ese ano case 698.000 nenos (o 2º do século XX, só por detrás dos 699.400 de 1903). Era unha data importante para o Réxime que lanzou a campaña propagandística "XXV anos de paz" ("paz" daquela maneira, claro) e comezou as conversacións co RU por Xibraltar, pero sobre todo gozou co triunfo da selección española de fútbol fronte ao inimigo comunista con lendario gol de Marcelino. Tamén sacou a película "Franco, ese hombre".
  No campo da cultura apareceron películas tan boas como Llanto por un bandido, La tíaTula ou El extraño viaje e un dos mellores spaghetti western: Por un puñado de dólares, tamén o programa de TV Reina por un día. Na música naceron Los Brincos, triunfando con "Flamenco", pero o gran éxito do ano foi "La Yenka". E tamén foi o ano no que mozos con estética rockeira protagonizaron disturbios no Circo Price de Madrid despois dun festival de música moderna, ocasionando a clausura destes eventos por parte da Dirección Xeral de Seguridade.
 
Galicia Dentro do 1º Plan de Desarrollo xurdiron os "Polos" nos que estaban incluídos Vigo e A Coruña que aumentaron a súa produción industrial. En setembro foi inaugurada polo mesmo Caudillo a Refinería Petroliber na Coruña. Tamén melloraba o agro, no que continuaba o proceso de concentración e mecanización e no que naceu a 1ª cooperativa gandeira en San Sadurniño. Aínda así a Galicia rural conservaba arcaicas tradicións que estudaba o etnógrafo Carmelo Lisón Tolosana. A nivel político o grupo Brais Pinto, expulsado polo Consello da Mocedade refundou a UPG. Tamén houbo unha mobilización exitosa contra os despidos en Bazán. O mundo da cultura celebrou o 2º Día das Letras Galegas dedicado a Castelao e a aparición da película Así es Galicia de Santos Núñez, centrada nos aspectos máis folclóricos e turísticos da nosa comunidade. O deceso máis notable foi o do escritor Wenceslao Fernández Florez en Madrid.

 

Ordes viu nacer unha nova igrexa no Mesón do Vento e Oroso outra nos Carballos (parroquia de Deixebre) con deseño de Milagros Rey Hombre.
XANEIRO: Gran derrota do equipo do Ordes en Lugo por 6-0. Logo en Vista Alegre tamén foron machacados 0-5. O día 21 morreu Carmen Lagares Rodríguez aos 62 anos en Beán. Josefa Mosquera Lata, que vivía en Santigo, morreu atropelada por unha moto.
FEBREIRO: Morreron Juan Liste Castro aos 84 anos, Carmen Visos aos 65 anos en Leira e Avelina Lista Rama en Lesta. Grave accidente nunha canteira de Bens no que morreron dous obreiros de Ordes e resultaron feridos outros dous.
MARZO: Cursillo de Alimentación e nutrición para mestres. O martes 31 nas festas de Padrón foi "Día de Ordes e Rianxo", sendo agasallada a nosa corporación pola padronesa. O día 19 morreu Pedro Liste del Río aos 32 anos en Parada. Morreu atropelada na Coruña a mestra do Mesón María Candal Garaboa.
ABRIL: Campaña de vacinación contra a parálise infantil. Nova parada do Celta para xantar antes do partido co Deportivo. Don José Fernández Fuentes nomeado arcipreste de Berreo de Arriba. Morreu Antonio Ramos Vázquez do Mesón do Vento en accidente de avioneta.
MAIO: O domingo 10 celebrouse a 3ª Competición Provincial de Tractoristas no Paraíso, organizada pola Cámara Sindical Agraria con 33 participantes. O día 18 faleceu César González Vidal*.
  *César González Vidal, nado a finais do s. XIX, traballou en Correos. Veu a Ordes en 1936 trasladado desde Verín. Casou con Rafaela Rúa Rúa (1894-1959) con quen viviu no Recreo. Tiveron 7 fillos: Lidia (1923-1946), Aurora, César, Carolina, Pilar, Rafael e Mercedes González Rúa. O máis coñecido é César (apoderado do Banco de La Coruña -posterior Banco de Bilbao-), casado con Rocío Brey López. Tamén Rafael traballou na banca.
  
XUÑO: Decreto do 4 de xuño polo que se declara de utilidade pública e de urxente aplicación a concentración parcelaria da parroquia de Parada. O día 6 voda de Gemma Liñares Stolle con Julio Concheiro Barreiro. O día 19 morreu Manuel Rey del Río aos 63 anos e o 27 José Nouche Patiño en Sigüeiro. O día 24 morreu o avogado Manuel Astray Mato, pai de Manuel Astray Rivas e avó de Nel. Na romaría do Corpiño o etnógrafo danés Gustav Henningsen coñeceu ao panadeiro Andrés Blanco.
XULLO: O gobernador civil Martín Freire inaugurou 4 escolas, 2 na vila (Alfonso Senra e General Mola) e 2 na Cruz de Beán e en Vilasenín (Leira). O valor das 4 obras ascendía a 800.000 pesetas da época. Atropelada na N-550 en Montaos María Blanco Iglesias, muller solteira de 40 anos, que morreu pouco despois.
AGOSTO: Partido amigable entre o Racing de Ferrol e un equipo do Deportivo. Curso de corte e confección no Mesón do Vento organizado por Víctor González Faya.
SETEMBRO: Pasou a noite en Ordes un grupo de exploradores en excursión de prácticas e estudo a Santiago. O día 5 morreu Pedro Corbelle Duro aos 66 anos en Montaos e o 6 Gumersindo Rama Louro.
OUTUBRO: Volveu o Deportivo a adestrar no campo do Ordes. Convocado concurso de méritos para profesor de FEN no CLA de Ordes.
NOVEMBRO: O día 10 morreu Estrella Uzal Blanco aos 62 anos en Leira e o 29 Manuela Presedo Mirás con 73 anos. Accidente dunha moto contra un carro en Merelle sen vítimas mortais. Accidente en Oroso, onde se desplomou unha habitación na que a familia Rodríguez Carril celebraba o San Martiño. Houbo 7 feridos, dous deles graves. Estes últimos foron atendidos no Sanatorio Concheiro.
DECEMBRO: O almacén de trigo do SNT estivo aberto 5 días ese mes. O día 3 morreu María Cosmede en Poulo e o 6 Josefa García Boquete, viúva de Manuel Rodríguez Estevo do Casal, aos 76 anos.