sábado, 11 de octubre de 2025

O ano 2012


  2012 era o ano no que segundo o calendario maia remataba o mundo, cousa que non sucedeu a pesar da enorme crise económica global, pero empezou co accidente náutico do cruceiro Costa Concordia en xaneiro e acabou sendo o ano no que se descubriou o bosón de Higgs e no que se celebraron as Olimpíadas de Londres. Tamén foi o ano no que saíu o Windows 8 e no que Google Chrome sería xa o navegador máis usado desbancando ao Explorer.
  No mundo árabe, que viña de contemplar grandes protestas no ano 2011, Siria vivía xa un clima de auténtica guerra civil e en Exipto gañou as eleccións o islamista Mohamed Morsi pero a súa deriva ditatorial provocou unha forte oposición. En Rusia Putin gañou por 3ª vez as eleccións con máis do 63 % dos votos, o que lle deu carta branca para avanzar na súa senda autoritaria. En Venezuela Hugo Chávez foi reelixido (por 4ª e última vez) e nos USA tamén Barack Obama repetiu. En Francia François Hollande logrou quitar do Eliseo a Nicolas Sarkozy, enorme triunfo para toda a esquerda europea. No Vaticano comezou o escándalo do Vatileaks.
 
  2012 foi o ano do bombazo coreano "Gangnam Style". Outros temas moi oídos foron "Call me Maybe" de Carly Rae Jepsen e "Locked Out of Heaven" de Bruno Mars. Tamén apareceu o álbum Red de Taylor Swift. No cine foi o ano dos megaéxitos The Avengers, Skyfall, The Dark Knight Rises e The Hunger Games.
 
España
seguía sumida na crise económica e baixou de novo o PIB. Mariano Rajoy iniciou o seu goberno poñendo orde nas finanzas, iniciando unha política de austeridade e recortes, que incluíron unha reforma laboral e un rescate bancario. Estas medidas foron duramente contestadas pola oposición que contraatacou con dúas folgas xerais (29 de marzo e 14 de novembro) e manifestacións como as Marchas de la Dignidad ou o asedio ao Congreso en setembro. En abril un accidente de caza do rei Juan Carlos en Botsuana deu moi mala imaxe á monarquía. En Cataluña despois dunha Diada multitudinaria, CIU convocou eleccións en novembro nas que imprevistamente baixou os seus resultados, pero grazas a pactar con ERC continuou o goberno de Artur Mas, agora cun tono xa claramente máis soberanista.
No 2012 houbo unha tremenda onda de calor con temperaturas de 44ºC no sur e 42ºC no centro e NE de España.
Galicia comezou o ano coa perda do seu político máis importante nas últimas décadas: Manuel Fraga Iribarne "don Manuel" morreu o 15 de xaneiro. Este ano estoupou o escándalo das preferentes e NovaCaixaGalicia era unha das entidades implicadas. O goberno de Feijoo continuaba capeando o temporal da crise, sufrindo moitas críticas da oposición, pero nas eleccións autonómicas de outubro apenas sufriu desgaste, mantendo practicamente a mesma porcentaxe de votos (máis do 45 %) e mesmo subindo de 38 a 41 escanos grazas a participación de AGE que dividiu o voto da oposición. Nesta campaña sería onde Pablo Iglesias aprendeu os trucos, que logo poría en práctica a nivel español.
 
Ordes
tamén vivía sumido na crise, que se evidenciou cando xa en decembro do ano anterior foron despedidos os 15 integrantes do GRUMIR. Aumentaba o paro, pechaban empresas, marchaban inmigrantes que viñeran en tempos de bonanza e a Movida estaba desaparecida, por moito que o BNG fixese propostas para reactivala, de feito ese ano pechou LP 45 -aínda que en principio só era un peche parcial-. No Concello non había  cartos para pagar as facturas aos proovedores e anunciouse que nin Brincadeira (na que se gastaran 500.000 € en catro anos) nin a Gala contra o Cancro volverían a ter lugar en Ordes. O orzamento baixaría aos 13,5 millóns (algo máis que no ano 2008).
 
  Con todo iso aínda houbo obras. Rematouse en abril a Ronda Leste e en xullo volveuse a abrir ao tráfico a rúa República Arxentina que se estivera reformando e ampliando. Tamén comezou ese ano a polémica reforma da vella Casa do Concello.
 
A nivel político, Regos continuou mandando sen sobresaltos. Aínda que houbo rumores dun posible entendemento entre o PP e o BNG, nunca pasaron de rumores. De feito foi nestes partidos onde houbo cambios: no BNG xurdiu un novo líder para o Consello Local, Pablo Vidal Ríos (entón con 26 anos), e no PP deixou a súa acta o Nº 2, Pedro Carrasco Pedro da Farmacia
  En setembro saltou por primeira vez o tema da guardería: a empresa Sermasa (unha das da trama Pokémon) despedira a unha cociñeira para logo contratar á muller do concelleiro de cultura, despido no que se viu implicada a Nº 2 de UxO, Silvia Marín.
 
Novas máis alegres foron a visita de Xosé Neira Vilas celebrando o 50 aniversario de "Memorias dun neno labrego" e o gran éxito do equipo xuvenil de fútbol que acadou o ascenso á Liga nacional.
  A pesar de non ter Gala contra o Cancro nin Brincadeira seguiu habendo todo o resto de celebracións habituais e as festas patronais contaron de novo coas tres orquestras top: Panorama, París de Noya e Olympus. Ademais ese ano foi o trixésimo aniversario do incio do "Día do Emigrante". Esta emotiva xornada estivo dedicada ás irmás María e Adela Calvo Veiras, emigrantes en Uruguay, e nativas de Vilar.
  O ano rematou coa morte do noso empresario máis importante: Ramón Carro Romero.

lunes, 6 de octubre de 2025

Renda da comarca en 2023

 
  A última estatística dos declarantes do IRPF publicada pola Axencia Tributaria o 1 de outubro de 2025 con datos do ano 2023 volveu a constatar que Oleiros seguía sendo o concello máis rico de Galicia (e 36º de España) ao pasar dos 43.430 euros de 2022 a case 47.100 euros, moi por riba da media galega que era de 30.387 euros. Na provincia de Pontevedra Nigrán encabezaba a lista con 35.750 euros, en Ourense Pereiro de Aguiar chegaba aos 30.310 euros e en Lugo o liderado era para Cervo con 29.870 euros.
  No extremo contrario (descartando a municipios de menos de mil habitantes dos que non presentou datos) o máis pobre era Cervantes con só 17.717 euros. Nas outras provincias Vilardevós (Ourense) roldaba os 17.800 euros, a Illa de Arousa non chegaba aos 19.000 e Toques superaba un pouco os 19.820 euros.
  Das sete cidades, A Coruña era a de maior renda con 35.727 euros, seguida de Santiago (34.300), Pontevedra (31.005), Vigo (30.890), Lugo (29.740), o Ferrol (29.210) e por último Ourense (29.070).
  A comarca de Ordes estaba, como de costume, peor que a media galega.   dous concellos, Oroso (26.330) e Cerceda (25.755), superaban os 25.000 euros de renda. O resto estaba no rango dos 24.000, agás Tordoia, o máis pobre, con só 23.520 euros.
 
  No resto de España, Pozuelo de Alarcón repetía liderado por 5º ano con algo máis de 88.000 euros. Boadilla del Monte pasaba do 3º ao 2º lugar con 70.870 euros, e Sant Just Desvern subía do 4º ao 3º con 67.265 euros. As provincias de Madrid e Barcelona tiñan 5 e 4 municipios respectivamente no top 10, correspondendo o outro (Aigües) á provincia de Alacant.
  No extremo contrario os veciños de Benamargosa (Málaga) só tiñan 13.830 euros de renda. Entre 14 e 15.000 había outros catro concellos de Granada, tres de Jaén e dous de Badajoz.

sábado, 4 de octubre de 2025

Cruceiro de Parada

 
   Este cruceiro, totalmente de pedra, está situado no extremo oeste do adro da igrexa de Santa Mariña de Parada, a uns 40 metros do templo, nun lugar bastante sombrío polo que está parcialmente cuberto de liques e brións.
  Ten unha plataforma cuadrangular de 4 graos, aínda que o primeiro está practicamente soterrado e case non se distingue. Actualmente tamén hai unha mesa de ofrendas que, pola diferenza de material, debe ser moito máis recente que o resto do cruceiro. Sobre a plataforma hai un pedestal cuadrangular que remata con chafráns. Nel había unha inscrición que agora é ilexible e pasa totalmente desapercibida. O conxunto da plataforma e o pedestal totaliza uns 110 centímetros de altura.  
  O fuste ou varal está lixeiramente inclinado cara ao oeste. É octogonal pero remata cadrado. Ten unha lonxitude duns 2,40 metros.
  Unha das singularidades deste cruceiro é que carece de capitel. A outra é que a cruz só ten unha figura (o máis habitual é que sexan dúas ou ningunha).
  Como dixemos, a cruz, de aproximadamente 80 centímetros de altura, aséntase directamente no fuste, sen capitel. É cuadrangular, de brazos con chafráns e remates florenzados con botón central. A única imaxe, cara ao norte, e un Cristo de factura bastante rústica. Ten tres cravos, cabeza inclinada cara á súa dereita, mans abertas, sen coroa e un pano anoado tamén á dereita. Na parte alta da cruz está o INRI.
  Todo o conxunto levanta uns 4,30 metros, o que está no promedio habitual.
 
 
  Se queres ver máis fotos e unha vista de rúa preme en Cruceiro de Parada da excelente web Todos los cruceiros de Galicia
  Na Parroquia de Parada hai outro cruceiro moito máis moderno e feito totalmente de formigón no lugar de Cestaños.