sábado, 25 de octubre de 2025

Escudo dos Lagos

 
   Con total seguridade o escudo máis descoñecido de todo o concello é o que está no lugar dos Lagos, na parroquia de Barbeiros. A min faloume del Manuel Pazos Gómez, o creador do Obradoiro da Historia, pero poucos máis saben da súa existencia.
  A primeira das casas do lugar, a máis próxima é estrada, foi edificada a finais dos anos 80 do século XX, pero conservou algunhas paredes dunha construción moi antiga. Pois ben, incrustado no medio da cachotería nunha desas paredes, orientada cara ao leste, é onde podemos ver ese escudo.
  Aquí teño que agradecerlle ao dono da casa, Ricardo, a súa amabilidade, pois cando lle preguntei por el, resultou que estaba completamente oculto por unha espesa capa de hedra, pero comprometeuse a cortala con prontitude para que eu puidese velo e deume as poucas informacións que tiña. Segundo el, representaba un tinteiro porque tiña entendido que alí antigamente viviu un "escritor". Supuxen que sería máis ben un escribán, o que encaixaba coa categoría da casa, porque as portas que se conservan demostran que pertencía á xente de boa posición.
 

  Cando vin o escudo, comprobei que ten forma rectangular apaisada (a base é máis longa ca altura). Nun principio sorprendeume porque as dúas figuras que se divisan parecen a primeira vista unha árbore e unha torre -nada que ver co tinteiro-. Obviamente o desgaste polo paso do tempo dificulta a identificación precisa dos símbolos heráldicos que poida conter.
  Nunha análise máis detida das (moitas) fotos obtidas, si que creo que a figura da esquerda pode representar unha persoa sentada e a dereita unha especie de pupitre. Tal vez sería a casa dun escribán o un mestre? Admítense outras opinións.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario