A última estatística dos declarantes do IRPF
publicada pola Axencia Tributaria o 1 de outubro de 2025 con datos do ano 2023 volveu a constatar que Oleiros seguía sendo o concello máis
rico de Galicia
(e 36º de España) ao pasar dos 43.430 euros de 2022 a case 47.100 euros, moi por riba da media
galega que era de 30.387 euros. Na
provincia de Pontevedra Nigrán
encabezaba a lista con 35.750 euros, en Ourense Pereiro de Aguiar chegaba aos 30.310 euros e en Lugo o liderado era
para Cervo con 29.870 euros.
No extremo contrario (descartando a
municipios de menos de mil habitantes dos que non presentou datos) o máis pobre
era Cervantes con só 17.717 euros.
Nas outras provincias Vilardevós
(Ourense) roldaba os 17.800 euros, a Illa
de Arousa non chegaba aos 19.000 e Toques
superaba un pouco os 19.820 euros.
Das sete cidades, A Coruña era a de maior renda con 35.727 euros, seguida de Santiago
(34.300), Pontevedra (31.005), Vigo (30.890), Lugo (29.740), o Ferrol (29.210)
e por último Ourense (29.070).
A comarca
de Ordes estaba, como de costume, peor que a media galega. Só dous concellos, Oroso (26.330) e Cerceda (25.755), superaban os 25.000 euros de
renda. O resto estaba no rango dos 24.000, agás Tordoia, o máis pobre, con só 23.520 euros.
No resto de España, Pozuelo
de Alarcón repetía liderado por 5º ano con algo máis de 88.000 euros.
Boadilla del Monte pasaba do 3º ao 2º lugar con 70.870 euros, e Sant Just
Desvern subía do 4º ao 3º con 67.265 euros. As provincias de Madrid e
Barcelona tiñan 5 e 4 municipios respectivamente no top 10, correspondendo o
outro (Aigües) á provincia de Alacant.
No extremo contrario os veciños de Benamargosa (Málaga) só tiñan 13.830
euros de renda. Entre 14 e 15.000 había outros catro concellos de Granada, tres
de Jaén e dous de Badajoz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario