martes, 14 de octubre de 2025

A gran nevada de 1963

 
   O inverno de 1962-63 foi un dos máis crus que Europa vira nunca. Unha onda de frío procedente de Siberia azoutou todo o continente, aínda que loxicamente as noticias que chegaban a España eran dos países próximos, especialmente dun conxelado RU, e non dos que entón a prensa chamaba "Telón de acero".  Segundo os xornais da época era o peor inverno en 100 anos e a principios de febreiro xa ocasionara máis de 1.400 mortos.
  En España, aínda que as zonas altas xa estivesen brancas, a nai de todas as nevadas chegou o 2 de febreiro. Na cidade de Madrid, despois de 3 días de neve e xeadas, chegou a marcar o termómetro 10ºC baixo cero e o espesor da neve superou os 15 centímetros, permanecendo varios días sen poder ser retirada. Non é estraño porque tamén se deixou ver en zonas tan pouco habituais como o litoral catalán. En Lleida no Lago Gento chegáronse a rexistrar 20ºC baixo cero e en Tarragona foi a maior nevada de todo o século XX.
  En Galicia, ademais das montañas de Lugo e Ourense, nevou en todas partes. Se na meridional e costeira cidade de Vigo caeu neve durante 3 horas e media, imaxinade a que puido caer na Coruña ou en Santiago. As comunicacións quedaron moi seriamente afectadas nas provincias orientais. Nas occidentais o tráfico viuse retardado pero mantívose, aínda que en zonas da estrada de Noia a Santiago, na comarca de Santa Comba ou na temible costa de Herves os autobuses non eran capaces de pasar (aínda que si os coches particulares).
  Ordes tamén foi cuberto polo belo manto branco que tardou varios días en desaparecer, especialmente no Mesón do Vento. Houbo que lamentar un choque de vehículos pero sen danos persoais. Por certo que non estou seguro que a icónica foto de Riveira que ilustra este artigo sexa a desa nevada do 63, pero aí queda polo bonita que é. Nela podemos apreciar a casa de Carril, o antigo Nogallás, o xa desaparecido edificio do Frente de Juventudes, a Alameda, a Casa do concello e o antigo campo da feira, hoxe Parques municipais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario