1926 foi
un bo ano. Claro que gobernaba Stalin na URSS e Mussolini en Italia pero en
xeral non houbo demasiada queixa.
En España o
réxime de Primo de Rivera (agora Directorio civil) estaba no seu mellor momento. Había
pouco que rematara a guerra en Marrocos co que se solucionara un dos máis
graves problemas que tivera a nación durante a Restauración. Ese ano, en xuño, o
goberno apuntouse un novo tanto co Decreto-lei de redención de foros (unha das reivindicacións bandeira dos agraristas
desde finais do século XIX). A alegría que sentiron os campesiños foi tal, que
décadas despois aínda moitos recordaban con gratitude a figura de Primo de
Rivera.
Non obstante non todo
foi festa. A caótica política militar do
goberno levou ao primeiro intento de golpe de estado, tamén en xuño (motivo
polo que foi chamado a Sanjuanada).
En setembro
Primo realizou un plebiscito informal, demostrando así que contaba co respaldo
popular, para presionar ao rei e que este aceptase a súa proposta de convocar
un parlamento non elixido. Alfonso XIII resistiuse pero acabaría asinando en
setembro de 1927 a
convocatoria da Asamblea Nacional Consultiva, que tentaba ser a peza crave da institucionalización
do réxime.
Fóra do ámbito
político, en 1926 a
figura máis destacada en España foi un Franco (pero non Francisco, aínda que chegase a ser o xeneral máis novo de toda Europa aos seus 33 anos) senón o seu
irmán Ramón Franco que
efectuou a principios do ano un histórico voo co avión "Plus Ultra" que o converteu -xunto a toda a súa tripulación- nun heroe
nacional. En 1927 sería
o norteamericano Charles Lindbergh quen, co seu "Spirit of St. Louis",
realizaría o primeiro voo transatlántico sen escalas, que tamén lle trouxo aparexada unha fama mundial e tristes consecuencias na súa vida familiar (o seu fillo morrería secuestrado).
Para Ordes
non foron malos tempos tampouco, aínda que houbo un importante susto cando
parecía que ía suprimirse o xulgado, cousa que afortunadamente non sucedeu. O ano 1926 comezou cun visitante ilustre: o novo arcebispo Julián de Diego García de Alcolea.
Chegaron novos funcionarios á vila como o notario César Antonio Sánchez Paniagua
que permanecería 7 anos nela ou o secretario do xulgado José Medina Pérez que só estaría
3 anos. Tamén foi nomeado (e con polémica) médico do 2º distrito Francisco
Liñares Álvarez, da coñecida familia Liñares, e o mestre Valeriano B Martínez. Pedro del Río Caramelo inaugurou o "Café bar Pedro" e Manuel Calvo Malé (da ferraxería) converteuse en representante da Compañía alemá "Sud-Americana", vendendo pasaxes aos emigrantes.
Non foi tan
bo ano para as farmacias: morreron Santiago del Río Seoane, o propietario da
farmacia de arriba, e Ángel Álvarez del Río, médico que vivía en
Santiago, da familia da farmacia de abaixo. Tamén morreron o panadeiro Manuel Castro Liste* (sogro de Juan Liñares e do ex-secretario do Concello Jesús Cubeiro), José Villaverde (irmán de Pedro do Piñeiro), o neno Roberto Bascoy Liste (fillo do mestre de Trazo), María Veiras Pérez (1873-1926, irmá do patriarca dos Veiras de Pardiñas, casada con Jerónimo Villaverde e nai dos Veiras da Espenica?), e o carteiro da vila, Pedro del Río
Recouso, sendo substituído polo seu fillo Manuel del Río Pampín (que xa
exercía pero sen cobrar desde 1923). Este último, avó do profesor de tecnoloxía
do instituto Manuel del Río, sería un dos fusilados en Boisaca en 1936.
Como
curiosidade, a principios de 1926 os xogadores do Deportivo concentráronse en
Ordes para aproveitar o seu "salutífero
clima de montaña" e (suponse) afastarse das tentacións da Coruña ante
un transcendental choque co Celta de Vigo (que, á súa vez, concentrouse en
Gondomar). Sexa que Ordes non era tan bo como Gondomar, ou que sinxelamente o
Celta era mellor (era perenne campión de Galicia), o partido, xogado o 7 de
febreiro, acabouno gañando 4-2.
En 1927 (o ano da 1ª película sonora) a gran noticia foi a inauguración dunha estación telefónica na vila, pero tamén
houbo lugar para festas e para visitantes ilustres como Millán-Astray ou os
propios reis. Antón de Simón, que xa tiña casa de hóspedes, tamén montou un bar de comidas. Manuel Mirás Gómez casou no mes de xuño en Calvente (Oroso) con Mª Josefa Blanco, filla do industrial Gregorio Blanco. José Prego Gestal de Ardemil acadou unha pensión de 150 pesetas e outros beneficios por lograr ter 9 fillos. Morreron o comerciante Buenaventura Caramelo Paz (que vendía El Ideal Gallego), María García Garaboa, viúva de Iglesias, o rico propietario de Barbeiros Pedro Pérez Souto (o patriarca dos Peres) e Manuel Figueira Bello de Parada. O ano rematou co establecemento da oficina central encargada do
traballo das obras do ferrocarril (que non chegarían a bo porto).
* No ano 1904 queimouse un almacén de leña propiedade do deputado provincial Celestino Amigo causando danos por valor de 1.500 pesetas. Os seus veciños, cos que se levaba mal xa os que tiña denunciado por usurpación de propiedade, Manuel Castro e a súa muller Emilia Bao foron os principais sospeitosos pero non se demostrou nada.
* No ano 1904 queimouse un almacén de leña propiedade do deputado provincial Celestino Amigo causando danos por valor de 1.500 pesetas. Os seus veciños, cos que se levaba mal xa os que tiña denunciado por usurpación de propiedade, Manuel Castro e a súa muller Emilia Bao foron os principais sospeitosos pero non se demostrou nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario