A liña férrea que había entre Santiago e
Coruña no século XX foi construída despois da Guerra Civil e inaugurada en 1943. O que poucos saben é que houbo un primeiro intento de construción durante
a ditadura de Primo de Rivera, concretamente en 1926, cando naceu o Plan
Guadalhorce que buscaba mellorar a rede ferroviaria e de paso reducir o
paro obreiro a través das obras públicas.
Cando se difundiu a noticia e se coñeceu o
trazado* previsto, a preocupación dominou aos ordenses. Do mesmo xeito que en
1920 con aquel proxecto de tranvía que non chegou a callar, a liña afastábase
moito da vila, o que supoñía un durísimo golpe para ela.
Así que, como cinco anos atrás, unha comisión
de notables ordenses achegouse á Coruña para tentar reverter a situación. Máis
de 30 persoas (a práctica totalidade das "forzas vivas"), encabezadas
polo alcalde Manuel
García Rivas, viaxaron en maio de 1926 á cidade. Alí entrevistáronse
co gobernador civil que era o tenente coronel de Infantería José Pérez
García Argüelles (levaba só un día no posto), o presidente da
Deputación provincial xeneral Aquilino Caruncho Crosa, o enxeñeiro do Estado
Antonio
Hernández e finalmente o enxeñeiro José Fernández-España Vigil (o autor do
proxecto).
A comisión ordense expresoulles que para a
zona era unha cuestión "de vida ou morte", pois de non pasar o novo
ferrocarril polas súas inmediacións Ordes viría quedar illada dos dous
principais centros urbanos da provincia e, por tanto, en inferioridade de
condicións con respecto aos poboados que atravesaría a nova vía de
comunicación.
Os interlocutores escoitaron
"atentamente" e consideraron "viable" un cambio de trazado,
aínda que non esconderon que iso aumentaría o custo.
A comisión
entrevistouse despois co alcalde da Coruña Manuel Casás Fernández e cos directores dos xornais
locais para solicitar o apoio ás súas aspiracións.
Regresaron a Ordes ese día "moi satisfeitos coa
acollida e dispostos a perseverar".
Os
integrantes da comisión eran:
Alcalde:
Manuel García Rivas.
Concelleiros:
Jacobo Amor del Río e Manuel Calvo Pérez.
Secretario
municipal: José Antonio Louro Louro.
Párrocos:
Nemesio Morgade (Ordes) e Antonio Duro (montaos).
Xuíz
municipal: Ramón Astray Mato. Xuíz municipal suplente: Manuel Pérez.
Notario:
Pablo de Torres.
Avogados:
Domingo A. Moar Veiras e Antonio García Leyra.
Procuradores: José Carnota
Pérez e Manuel Astray Mato.
Fiscal municipal: Pedro del
Río Caramelo.
Médico municipal: Francisco
Liñares Iglesias.
Farmacéuticos: Santiago del
Río Seoane e Manuel Álvarez del Río.
Veterinario municipal:
Manuel Castro País.
Industriais: Manuel García
Bermúdez, Antonio Viqueira, Fernando Liste,
José Romero, Ezequiel
Astray, Manuel Mosquera, Ramón Faya, José Mariño,
Antonio Verea, Manuel
Franqueira, Manuel Castro e Manuel Castro Liste.
Acompañaba
o patriarca dos Liñares, Gumersindo Liñares.
|
* En Ordes sempre se pensou que houbo escuros
intereses nese trazado lonxe da vila pero era bastante lóxico, tanto para unha
prevista posible conexión con Carballo como para evitar da mellor maneira as
altas terras do Mesón do Vento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario