A década dos 20 foi pródiga en sucesos,
algúns habituais como as liortas, outros tristes e algúns bastante curiosos
(polo menos aos nosos ollos).
En maio de 1922 a desgraza ocorreu na
parroquia de Buscás. Manuel Martínez Viso, un neno de 11 anos, pasaba a noite
dentro dun hórreo cheo de palla que se incendiou (probablemente porque estaba
fumando). O corpo apareceu totalmente calcinado.Tamén
en 1922 os irmáns José e Manuel Bascoy Pereira acabaron no cárcere por
prenderlle lume a un palleiro de don Vicente Monteagudo, párroco de Vilamaior,
e ademais romperlle varios cristais. Claramente tíñanlle pouco aprecio.
Desgraza bastante peculiar foi a de Manuel Villaverde Mosquera que morreu aos 38 anos de idade en xuño de 1922, aparentemente de infección producida pola picadura dunha mosca que antes picara a un fermoso boi (comprado na feira da Ascensión de Santiago). Segundo El Ideal Gallego "el buey también murió al propio tiempo que su amo y dando terribles rungidos".
Desgraza bastante peculiar foi a de Manuel Villaverde Mosquera que morreu aos 38 anos de idade en xuño de 1922, aparentemente de infección producida pola picadura dunha mosca que antes picara a un fermoso boi (comprado na feira da Ascensión de Santiago). Segundo El Ideal Gallego "el buey también murió al propio tiempo que su amo y dando terribles rungidos".
Algún
xornalista previsor advertía ese ano 1922 dos perigos do tráfico queixándose
da "velocidad vertiginosa"
á que pasaban os autobuses das distintas liñas pola vila de Ordes.
En 1924 houbo un roubo, cousa nada
sorprendente. O curioso é a lista de obxectos roubados polo veciño de Froxil
(Ardemil) Andrés Louro, de 36 anos nesa época, ao veciño de Ordes José Picos, e
que consistían nunha saba, un mantel, unha camisa de home, outra de neno, un caldeiro
de zinc e ... uns calzóns*.
En decembro de 1926, Ramón López, un
zapateiro viúvo con 7 fillos ao seu cargo, afogouse nunha gabia de 3 metros de profundidade
chea de auga polas abundantes choivas invernais. Segundo La Voz de Galicia o
buraco era un pozo para un depósito de fariña no campo da feira. El
Pueblo Gallego, en cambio, sostiña que o pozo era para instalar un
chafariz mecánico de gasolina. Pouco lle debeu importar iso ao infortunado
zapateiro de quen se comentou que quizais ía un pouco cargado de viño cando
tivo o accidente.
En setembro de 1928 a desgraza, por partida
dobre, tivo lugar no Bidueiro. Manuel Veiga de 46 anos e Rufino García de 27,
naturais de Marzoa (Oroso) estaban a cortar castiñeiros nun monte dos López
Rioboo e quixeron gorecerse dunha choiva torrencial baixo unha pila de troncos.
O resultado foi morrer aplastados por eles.
Menos tráxica foi a historia de Dolores
García Pérez, unha moza de 28 anos de Ordes que servía de criada en Coruña e
que foi vítima do "timo do casamento". Deulle a Luciano Sánchez, o
seu presunto futuro marido, 815 pesetas pero pasaron os meses e a voda non
chegou, así que rematou por denuncialo á policía.
Por suposto o número de pelexas e liortas
seguiu sendo alto e só mencionaremos algunhas delas.
En agosto de 1921 José Suárez Sánchez levou
unha puñalada de parte de Antonio Regueiro Mandayo. Tamén en agosto (época de
festas) de 1923 Andrés Méndez Calvo de Ordes acabou no hospital con fractura de
parietal dun certeiro estacazo propinado polo mozo de Pereira Manuel Souto.
En 1926 houbo unha gran pelexa na romaría de
Ardemil. José Carmelo Lozano, Juan Ramos Botana, Juan José Garaboa Gende e
Manuel e Antonio Moar, veciños dás Encrobas mallaron aos veciños de Ardemil
José e Jesús Bouzas Benito.
Finalmente, en decembro dese mesmo ano, na
taberna de Maximino Rey del Río en Montaos, houbo máis que palabras entre os mozos
Antonio Rodríguez Vázquez de 24 anos e José García Varela de 29. Maximino,
vendo que a cousa se poñía mal, botounos á rúa, onde comezaron a pelexarse. A
muller do taberneiro, Manuela Moure Gómez, menos intelixente ca el, foi
separalos e levou un cuchillazo na cara cortesía de José García. Logo, este
pretendeu facerlle o mesmo a Antonio pero un paraugazo* na cabeza freou os seus
ímpetos. O caso, como non, chegou ao xulgado.
* A pesar do que digo arriba, os roubos de roupa tendida para secar eran bastante frecuentes.
Os paraugas daquela época "de 7 parroquias" non se parecían en nada aos que agora se poden comprar nos bazares chineses. Macizos e pesados, aparte de protexer da choiva, ben usados eran un arma case tan efectiva coma un garrote.
Os paraugas daquela época "de 7 parroquias" non se parecían en nada aos que agora se poden comprar nos bazares chineses. Macizos e pesados, aparte de protexer da choiva, ben usados eran un arma case tan efectiva coma un garrote.
No hay comentarios:
Publicar un comentario