En 1922 cometeuse un novo crime na comarca,
no concello de Mesía, suceso que acabaría sendo dobremente tráxico.
Tivo lugar o 11 de novembro de 1922.
A vítima foi Saturnino
Souto Mosquera, un veciño de Mesía viúvo de 39 anos, que apareceu morto preto do
muíño de Leborís, na parroquia de Olas, con feridas de arma de fogo.
Estes crimes rurais acostumaban estar
causados por persoas que tiñan desavinzas coas vítimas, así que a investigación
sempre se centraba nos veciños que xa tiveran liortas co morto. O xuíz de
Ordes, secundado pola Garda Civil, seguiu a norma e inmediatamente xurdiu o nome da familia Carro que mantivera
unha longa inimizade con Saturnino.
Os principais sospeitosos eran Ramón Carro
Gómez e o seu fillo Ricardo Carro Cruz, pero
tamén foron detidas Carmen Cruz Carro e Manuela Lata Ferreira.
Todos foron ingresados no cárcere de Ordes e
interrogados. Nun principio non se logrou unha confesión e houbo que liberalos. Pero a
investigación seguiu o seu curso e centrouse no primeiro e principal sospeitoso,
Ricardo Carro Cruz.
Volveu ser detido nas inmediacións do muíño e
rexistrouse a casa familiar. Na corte entre unha morea de esterco atopouse unha
aixada, un anaco de pota e unha escopeta.
Ao ver a escopeta nas mans da Garda Civil,
non fixo falta moita presión: Ricardo derrubouse e confesou o crime, exculpando
ao resto da familia.
Ingresado no cárcere de Santiago, un ano despois foi trasladado á Comandancia da Coruña para agardar nesta cidade ata o inicio do xuízo, pero este non chegou a celebrarse. Na súa viaxe Ricardo pasou unha noite no cárcere de Ordes e aproveitou estar preto da súa terra para aforcarse na súa cela o 17 de decembro de 1923.
Acosado polos remorsos? Temendo unha longa
condea? Non o saberemos, pero unha vez máis as terras da comarca tinguíronse
co sangue e, nesta ocasión, de dúas familias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario