Os alcumes formaron parte de todas as
sociedades desde a antigüidade, pero nas comunidades pequenas onde a xente se
relacionaba moi estreitamente, é onde hai maior abundancia deles.
Os alcumes máis habituais referíanse a un
rasgo físico, á profesión, ao lugar de procedencia ou derivaban dun nome ou
apelido familiar. Tamén podían ser negativos, pero non eran os máis numerosos.
Nacían normalmente na infancia ou xa se
herdaban igual cós apelidos.
En lugares pequenos como Ordes onde había un
gran número de apelidos compartidos e un limitado número de nomes, os alcumes
eran máis definitorios que o propio nome (de feito moitos aínda aparecen nas
esquelas fúnebres para clarexar definitivamente quen é o falecido).
Agora vou mencionar algúns dos antigos
alcumes de Ordes intentando explicar a quen pertencían.
E nada mellor que empezar pola propia
familia: os Faberos.
Parece ser que unha tataravoa miña, en vez de millo, levou fabas ao muíño para
moelas (ignoro se por simple despiste ou porque non rexía ben). O caso é que
lle chamaron a
Fabera, e o alcume pasou a designar á familia Ferreiro Recouso (do
norte da vila, non confundir cos Ramechos do Recreo). Á miña avoa Babila
Ferreiro Recouso chamábanlle habitualmente Babila da Fabera.
No fillo de Carmen, unha das
irmás de Babila, Ricardo Barreiro Ferreiro, que era un bardalleiro, o alcume
sufriu unha maliciosa modificación: era Ricardo o Pavero.
Curmáns nosos eran os Ferreiro Eirín, os de Luis.
Unha das fillas de Luis, Juana Ferreiro Eirín, tiña tan mal carácter que lle
chamaban a Racha.
José Villaverde Prego, de oficio carpinteiro,
casado con Carmiña Pereiro Ferreiro, era o Pandareto, herencia da súa nai, a Pandareta.
Dos alcumes non se libraba nin a xente de
posición. Quizais o ordense máis coñecido lonxe da vila nos anos 70 fora o bailarín Juanjo
Linares (en realidade Liñares). Pois ben, nos seus anos mozos era coñecido como Pocholo.
Antonio del Río Sánchez Somoza, da familia
propietaria do Pazo dos Somoza na parroquia de Marzoa (Oroso) e marido da profesora
Inés Mª de Juan Verea era o Chulito e o seu irmán Emilio (ou Emilito), casado con Mª
Luisa Liñares Martínez, que vivía nun chalé preto da Fonte Estrei, era o Carozo.
Jaime Concheiro del Río, fillo de Jaime
Concheiro Iglesias e de Sofía del Río, que é un avogado de prestixio e
colaborador de "La Voz de Galicia", era coñecido nos seus tempos
mozos como o
Pastillas. Non era pexorativo, simplemente que vivía na farmacia coa
súa nai (o seu pai morreu moi novo).
Genaro González González, un médico
forasteiro que chegou a ser alcalde en 1948 era tan pouco agraciado que lle
chamaban o
Drácula.
A esposa de César Pol que era arxentina tiña
un axeitado alcume: a Pampera. O mestre Lisardo Castro Amor, tamén casado cunha Pol e pai do coñecido avogado Julio Castro Pol, era coñecido como o Peseta.
Continúa en Vellos Alcumes (2).
No hay comentarios:
Publicar un comentario