domingo, 6 de mayo de 2018

Sindicatos agrarios católicos

  Durante o século XIX o movemento obreiro foi crecendo de forma imparable baixo a inspiración das doutrinas marxistas e anarquistas principalmente. A Igrexa observaba con preocupación ese proceso que prexudicaba a orde social e prexudicábaa especialmente a ela porque esas doutrinas eran esencialmente ateas e identificábana como un dos inimigos da clase obreira.
  En 1891, o papa León XIII deu un xiro fundamental na postura da Igrexa católica con respecto á cuestión social, ofrecendo unha alternativa ao movemento obreiro desde posturas máis modernas. Publicou a encíclica Rerum Novarum, onde había unha carta de dereitos sociais e a primeira doutrina oficial clara da Igrexa nesta materia.
  Era consciente dos abusos que o sistema capitalista xeraba e de que non bastaba con pedir resignación aos obreiros e apelar á conciencia dos patróns, pero iso non significaba que se aceptase a loita de clases, que foi especialmente condenada. A propiedade privada era sacra e o socialismo era unha doutrina considerada errónea e materialista. Para conseguir a convivencia social había que apelar á xustiza pero tamén á caridade, como medios para resolver os conflitos. O Estado debía garantir os dereitos dos máis desfavorecidos, protexer o traballo e lexislar de forma social.
  Consecuentemente a Igrexa promoveu un sindicalismo católico que fixese competencia ao sindicalismo de clase. Así naceron os círculos, cooperativas e padroados católicos, organizacións impulsadas por personalidades eclesiásticas ou da dereita clerical, que se configuraron de forma interclasista cun marcado carácter paternalista e claramente vinculadas á patronal.
  O seu éxito foi relativo: nunca chegaron nin de lonxe ás cifras de asociados que tiveron os sindicatos de clase que os cualificaban de "amarelos", pero tampouco foron residuais e nalgúns lugares como en Castela tiveron unha alta implantación.
  Precisamente o agro foi o seu punto máis forte porque aos campesiños propietarios (por pequena que fose esa propiedade) estarrecíanlles as doutrinas socialistas. O agrarismo católico comezou a súa actividade ao redor de 1912 pero o seu momento de maior actividade foi de 1918 a 1920. Estímase que en 1920 o número de sindicatos católicos agrarios en Galicia era de 486, reunindo entre eles unha cifra de asociados que excederían os 45.000 campesiños e que en España alcanzaba o medio millón.

  As campañas de propaganda en Galicia comezaron en 1917 pero foi a finais de 1918 cando se intensificaron. Na comarca de Ordes houbo tres mitins.
  O domingo 29 de setembro tivo lugar o de Ordes. Á unha e media da tarde chegaron en automóbil o xesuíta Padre Nevares e Manuel Rey Gacio, profesor de Dereito na Universidade de Santiago. Foron recibidos polo rico propietario Joaquín Varela Tojo* e os seus fillos José e Fernando Varela. Ás 4 da tarde comezou o mitin coa introdución de Joaquín Varela, que deu paso aos dous oradores. Ambos explicaron o labor que levaban a cabo os sindicatos católicos e, por suposto, pediron aos numerosos asistentes (1.500 segundo El Ideal Gallego* -probablemente a cifra sexa esaxerada-) que se inscribisen. Rematado o mitin constituíuse o Sindicato de Ordes e sabemos que tamén se constituíu outro en Santa Cruz de Montaos.
  O 30 de setembro houbo outro mítin en Tordoia organizado por don Amadeo Ramos Antelo, párroco de Viladabade, e don Luís Liste Mourenza, párroco de Anxeriz. Este foi o que presentou aos oradores que se dirixiron a uns 1.000 asistentes (sempre segundo El Ideal Gallego). O alumno de Dereito José García Barros Lamas falou en galego antes do Pai Nevares. Ao acabar constituíuse o Sindicato de Viladabade con máis de 100 inscritos. Aínda houbo un mitin máis na comarca ao día seguinte, 1 de outubro, no Val do Dubra.

  Con todo en Ordes o sindicato católico tiña un forte competidor: a sociedade agrícola "La Honradez" con 11 anos de vida e ideoloxía non demasiado diferente se xulgamos pola súa xunta directiva de 1919, onde baixo a presidencia de Antonio Ferreiro (Antón de Xan Ferreiro), había xente como Juan Liñares (vicepresidente), Benito Regos Caramelo, Andrés Martínez, José Fraga del Río, José Blanco del Río, Manuel Franqueira, Juan Ferreiro, Jesús Garabato Mirás, Bernardo Regos, Juan Barreiro Ríos ou Ramón Fraga Fernández, varios deles vinculados aos partidos do réxime.

* Joaquín Varela Tojo (1859-1928) foi un avogado santiagués e propietario do Pazo do Peñasco. Casado con Pura Rendueles, sobre 1915 instalouse en Madrid, pero viña todos os veráns a pasar as vacacións a Ordes onde tiña unha vivenda.
  El Ideal Gallego -que se declaraba "católico, regionalista e independiente"- nacera o ano anterior, en 1917, e foi un dos principales propagandistas da sindicación católica. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario