Poulo cos seus 8,17 km2 é unha das máis pequenas parroquias
ordenses.
Hai anos era crenza xeral que a vila de Ordes nacera no século XVIII
porque xente de Poulo se asentara alí a partir da construción do Camiño Novo
(hoxe a N-550). A realidade é que Ordes xa existía moitos anos atrás e que
Poulo foi capital só durante tres anos, probablemente pola súa localización e
non polo seu tamaño, xa que en 1607,
segundo Jerónimo del Hoyo, tiña só un
pouco máis de poboación que Ordes (48 fregueses por 44) e considerablemente
menos que Ardemil ou Buscás, ambas as dúas con 63.
En 1669 detívose na Calle o
Gran duque de Toscana, Cosme III de Médici. Un dos pintores que o acompañaban, Pier Maria Baldi, realizou este debuxo do lugar.
Sabemos que, polo menos desde 1720, había na Calle unha casa de postas
onde se cambiaban os tiros dos cabalos e repousaban os viaxeiros.
Ao
redor de 1820 operou na zona unha partida
de bandoleiros denominada a "Gavela de Poulo" que asaltaba xente
rica, curas e viaxeiros.
Ese
mesmo ano, Poulo foi a capital dun partido xudicial que constaba de 9 concellos:
Poulo, Pasarelos, Montaos, Encrobas, Val de Barcia, Dubra, Vilarprego, Folgoso
e Mesía.
Só durou 3 anos porque o rei Fernando VII en 1823 decidiu declarar nulos
todos os concellos constitucionais e retornar ao Antigo Réxime. En 1836 a
capitalidade do concello e do partido xudicial xa lle correspondeu a Ordes.
En 1849 o "Diccionario de Madoz" di que Poulo
tiña 50 veciños, cuns 600 habitantes -dato pouco fiable, pois a Ordes con 63
veciños só lle atribuía 322 habitantes-.
Actualmente as súas 9 entidades de poboación sobrepasan por pouco os 300
habitantes.
Deixamos a parroquia de Buscás subindo por corredoiras ata unha pista que cruza por un tunel a estrada AC-524. Do outro lado o viaxeiro atopa a casa rural "Antón Veiras", un edificio de máis de 250 anos, que sufriu un incendio a principios do século XXI, o que propiciou unha feliz restauración e a súa conversión en establecemento hostaleiro.
Ao seu lado aínda se conservan algunhas lastras do vello camiño. Tamén
había unha zona cun tunel de loureiros de gran beleza pero foron cortados non
hai moito tempo.
A
menos de 100 metros
á dereita do camiño podemos ver a Igrexa Parroquial de San Xian no Outeiro.
Aínda que a última restauración a principios do século XX dálle un aspecto
moderno, é, en realidade, bastante antiga como testemuña a sorprendente cruz
cumial da ábsida que lembra ás de Irlanda ou Gran Bretaña.
En 2018 a antiga Reitoral próxima a igrexa foi rehabilitada (inaugurada en xullo de 2019) e agora é un Albergue con capacidade para uns 40 peregrinos.
Desde a igrexa camiñamos uns 650 metros e enlazamos coa estrada asfaltada. Queda 1,7 km ata a Calle, atravesando os núcleos da Blanca e Senra.
Poucos metros antes do cruce, a man esquerda, atopamos a Casa Maldonado onde parou o rei Felipe II en
A
continuación podemos ver o cruceiro, bastante interesante, e o café-bar "O Cruceiro" (o último no que o viaxeiro pode refrescarse ata chegar a
Sigüeiro).
Despois do cruce, tamén a man esquerda, está a Capela da Virxe da Mercé, igualmente de aspecto recente, pero de
orixe bastante antiga. A imaxe da Virxe esperta gran devoción na zona.
O camiño continúa sempre por asfalto, atravesa a DP-3802 e intérnase na parroquia de Pereira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario