Aínda que en xeral sexa ignorado, hai
bastantes restos romanos na comarca de Ordes.
Non é extraordinario, pois os romanos
dominaron toda Galicia e a situación central da comarca implicaba o tránsito por ela. Construían calzadas para facilitar o traslado de tropas e
mercadorías con rapidez a calquera recuncho do seu imperio e unha das máis
importantes, a vía número XX, Braga-Astorga, denominada Per loca maritima a Bracara
(abreviadamente Per
loca), suponse que pasaba pola nosa comarca.
A vía comezaba en Bracara (Braga) subía ata
Brigantium (Ría de Betanzos) e a partir de alí dirixíase a Asturica (Astorga)
pasando por Lucus (Lugo). Grosso modo coma hoxe as estradas Nacional 550 e a
Nacional VI.
Os expertos non se poñen de acordo sobre o seu emprazamento exacto. Uns sosteñen que coincidía practicamente co Camiño Real
ou Camiño Inglés e outros que estaba moito máis ao oeste e mencionan lugares
como Tordoia ou Soandres. En ambos os dous casos suponse que o río Tambre
cruzábase por Sigüeiro, aínda que non faltan autores que desprazan o lugar ata
Portomouro.
Á beira das calzadas, os romanos edificaban
pousadas ("mansio
- mansionis" en latín, enganosamente traducidas como
"mansións") e unha delas denominada Mansio Atricondo ou Trigundo
tamén se supón que estaba na nosa comarca, por Ardemil ou Bruma.
Pero todo isto é, en gran parte,
especulación. O real é que, sen gran esforzo, en cinco concellos da comarca
apareceron restos romanos, moitos dos cales están expostos hoxe no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.
Da páxina web "O Noso Patrimonio" extraemos a seguinte lista:
CERCEDA
Na Necrópole de
Lavandeiras (baixorromana -séculos IV
e VII d.C.-) R. Valdés escavou cinco tumbas feitas con tegulae e imbrice.
Nas Encrobas, cando se
desmantelou a casa reitoral de San Román por mor da ampliación da central
térmica, atopáronse dúas aras aos Lares Viais. Unha
posúe tres foculi de desigual diámetro. Lese [LAR(ibus) QU/INTUS/V(otum)
S(olvit)], "Quinto cumpriu co seu voto aos Lares Viais". Na
outra lese: [LARIVUS VI(alibus)/V(otum) S (olvit)], "Xulio
cumpriu co seu voto aos Lares Viais". Están expostas no Museo do Castelo de San
Antón da Coruña.
ORDES
Na parroquia de Pereira, preto da igrexa parroquial,
atopouse unha estela funeraria.
OROSO
Na parroquia da Gándara, en Piñeirón había restos
dunha explotación mineira aurífera (Mina das Grobias) pero foi afectada pola
construción da urbanización Porto Avieira.
Existe a hipótese de que Tordoia debe o seu nome á
pousada chamada "Mansio
Turodobriga". En todo caso, na parroquia de Santaia de Gorgullos hai dúas aras,
probablemente viais, que sosteñen a pedra do altar do cruceiro próximo á igrexa.
TRAZO
No ano 1883 nunha galería romana próxima ao Castro de Francada apareceron 25 picas de
bronce e algunhas armas. Tamén dúas aras nas que se le:
[/Severinus
c(...)/D(is) M(anibus) s(acrum)/an(n)o(rum)/LXXXXV].
[D(is)
M(anibus) s(acrum)/].
No hay comentarios:
Publicar un comentario