Os restos romanos en Ordes están concentrados
na parroquia de Pereira. Alí atópase
o Castro de
Casanova, moi preto da igrexa parroquial.
No ano 1995
descubriuse unha estela funeraria, un monólito que se cravaba vertical na
terra para conmemorar a morte dunha persoa.
É de granito e ten un tamaño de 1,15 metros de alto por
45 centímetros
de ancho máximo. Apréciase nela un frontón semicircular e dous campos
decorativos: no superior está gravado unha lúa crecente horizontal e no
inferior tres arcos de medio punto. Ao contrario ca outras estelas, esta non
ten nin figuras humanas nin inscricións de ningún tipo. Apareceu danada na súa
zona central.
Está datada como pertencente aos séculos III
ou IV d. C.
Foi doada pola familia Gende para ser exposta
no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón na Coruña.
Non é o único vestixio romano na parroquia de
Pereira. Na Eira
da Igrexa e no Brumeiral atopáronse materiais de cerámica de
construción romana e na Chousa do Carballo, entre Pereira e Poulo,
dous módulos de tubos para canalización e un anaco de tubaxe. Todos estes
achados tamén están depositados no Museo de San Antón.
FONTE: Obradoiro da Historia
No hay comentarios:
Publicar un comentario