viernes, 13 de mayo de 2016

Manuel Candal Candal

  Naceu en Leira nos duros anos 30, concretamente o 4 de agosto de 1935. Cando era aínda novo perdeu o brazo dereito nun accidente agrícola. Esta desgraza que lle valeu o alcume de o Manco de Gouzón tamén tivo o seu lado positivo porque, imposibilitado para traballar, acadou a oportunidade, rara naquela época, de estudar.

  Pero aínda que nunca perdeu de todo o contacto con Ordes, a maior parte da súa vida desenvolveuse no pequeno concello de Vilamartín de Valdeorras onde casou con Julia Jarrín Matía coa que tivo dous fillos: Mª Jesús e Ignacio.

  Chegou alí en 1956 con 21 anos e en xullo do 1957 comezou a exercer de secretario na Irmandade Sindical de labradores e gandeiros do concello. En 1972, época pre-democrática, aos 37 anos, alcanzou a alcaldía por 1ª vez e xa non a soltou en 36 anos!
  Foi un deses políticos de raza que non prestaba moita atención ás siglas. Nas primeiras eleccións municipais de 1979 era candidato pola UCD. Nas de 1983 por Coalición Galega. Logo, en 1987 pasouse a Alianza Popular (futuro PP).
  E así ata o ano 2008. Nese momento era o alcalde máis lonxevo cando chegou o fin, pero non foi derrotado pola oposición senón, coma un novo rei Lear, por unha rebelión de concelleiros do seu partido encabezados pola súa propia filla: Mª Jesús Candal!
  Parece que as presións do seu amigo Baltar foron as que o convenceron para dimitir pero non sen antes lanzar perlas como: "Mi hija no será una buena alcaldesa. Quien haría un buen alcalde es mi hijo, porque tiene peso y es muy servicial".  Ou tamén: "La idelogía es un cuento (...) En las próximas elecciones hay que apostar por Rosa Díez, que es muy valiente, o por el BNG".
  Como todo bo político foi denunciado por prevaricación urbanística, cousa que non parece que lle preocupara moito.
  O 11 de novembro do 2009 morreu dun infarto. O seu enterro foi unha gran manifestación de dó con 600 veciños ovacionándoo. Foi nomeado "Alcalde de honra" e "Fillo adoptivo" de Vilamartín polos mesmos que o botaron un ano antes. 
  Sic transit gloria mundi. Aquí tedes un vídeo onde podedes escoitalo cando tivo que dimitir.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario