Moitos ordenses recordarán aquelas tardes de finais
do verán cando se vían enormes bandadas de paxaros nos ceos da vila.
Esas nubes negras que de súpeto cada poucos segundos cambiaban de forma e
dirección de xeito aparentemente aleatorio son uns dos espectáculos máis impresionantes e entretidos que pode ofrecer a natureza.
Non obstante non todo é bonito: tamén trae aparellado
indisolublemente uns niveis de ruído tan altos que poden chegar a ser intolerables, sobre todo se se prolongan
durante a noite, e enormes cantidades de excrementos nos lugares onde repousan
estes paxaros.
Quen era o responsable?
O estorniño, ou mellor dito os estorniños, porque hai dúas especies moi parecidas: o pinto (europeo) e o negro (exclusivo de España). É un
paxaro de cabeza pequena, pico cónico, amarelo, corpo esvelto con plumaxe negra
de reflexos verdes e morados e pintas brancas, ás e cola longas e pés
avermellados. Mide uns 22 cm
desde o peteiro ata o extremo da cola, e 35 de envergadura. Esta ave tan
familiar vive en bandadas e aliméntase no chan, metendo o pico entre a herba
para localizar insectos e miñocas.
Son aves omnívoras que se alimentan de
invertebrados e froitas. Durante a primavera e o verán a súa alimentación
baséase nos invertebrados que poden atopar en campos, bosques e xardíns, o que contribúe ao control de pragas nos cultivos polo que en Centroeuropa
é unha ave moi consentida e a súa nidificación é alentada con gran cantidade de
caixas-niño.
A migración do estorniño prodúcese en dúas
etapas: a finais de verán as aves desprázanse un pouco cara ao sur da súa
distribución estival, cara a uns puntos chamados cuarteis de final de verán;
desde estes puntos inician posteriormente a verdadeira migración invernal que os
trae ás nosas latitudes.
O seu lugar preferido en Ordes eran os
plátanos da alameda e os do parque Félix Rodríguez de la Fuente. O problema chegou
a ser tan grave que no ano 2008 o
concello encargou un estudo ao enxeñeiro técnico agrícola Miquel Cols i
Obradors e ao biólogo Josep Costa i Fernández. Dito estudo concluíu que había
case 108.000
estorniños! neses dous lugares. Para que vos fagades unha idea, tendo en conta
que cada estorniño pesa uns 80
gramos , habería uns 8.600 kg (como 86 porcos de
bo tamaño) en total.
Para a súa eliminación usouse un equipo
de reprodución de sons, "mesturando berros de alarma do
estorniño con berros de aves rapaces e córvidos" e con 80 vatios de
potencia. A instalación empezou a funcionar o día 14 de febreiro e pouco a
pouco os estorniños foron marchando.
Durante anos non volveron á vila, non obstante co paso do tempo foron vistos algunha outra vez, por exemplo no ano 2021 e 2022 apareceron de novo e houbo que volver a poñer en funcionamento o equipo de son.
No hay comentarios:
Publicar un comentario